1. Retrincos da vida
Manuel García Blanco naceu o 19 de decembro de 1882 na casa fortaleza de San Pedro de Pambre (Palas de Rei). Ó día seguinte, José María Rodríguez, cura de Pidre, bautizouno na igrexa parroquial de Cabana e o día 22 inscribírono no xulgado municipal de Palas de Rei.

Procedía de familia labrega. Os pais de extracción labrega, José García Vázquez e Camila Blanco, procedían, respectivamente, de San Pedro de Pambre e Quindimil. Por certo, a nai cando contraeu segundas nupcias era viúva e nai de dous fillos.

Manuel recibiu os primeiros estudos de Ensino Medio na escola do Fraialde (Fermil). A boa situación económica da viúva do Moreiras posibilitou a marcha a Lugo. Alí, no Instituto Xeral e Técnico, logrou a cualificación de sobresaliente en doce materias, mención de honra noutra, premio ordinario en dúas e matrícula de honra no resto de disciplinas. En xuño de 1901, logrou sabresaliente no exercicio de reválida. Antes de remata-lo Bacharelato, perdeu os pais.
Logo do traslado a Madrid, no intervalo 1901-1906 realizou a licenciatura de Filosofía e Letras na Universidad Central de Madrid. A influencia do maxisterio dos docentes traduciuse no enfoque innovador e reformista con alicerces krausistas e liberais-republicanos. Ó ano seguinte, doutorouse na mencionada carreira coa tese La clasificación de las ciencias de Bacon a Spencer.
Nos anos 1907 e 1908 continuou vivindo en Madrid, onde impartiu docencia nun colexio. O 20 de abril de 1908 ingresou no corpo de Estatística de Administración do Estado a través de concurso de méritos. A seguir, déronlle como destino Albacete durante uns meses e o 2 de outubro de 1908 casou con Dolores Ouro.
No curso 1913-1914, accedeu á profesión docente na condición de profesor de “Lengua Castellana” no Instituto de Lugo. Dende este intre contou coa consideraciónlaboral de axudante de Letras e profesor numerario de Idiomas. A seguir, recollémo-las materias impartidas entre 1912 e 1921:
- Curso 1914-1915: “Lengua Castellana”, “Preceptiva Literaria” e “Historia General de la Literatura”.
- Curso 1916-1917: “Lengua Castellana”, “Preceptiva Literaria”, “Historia General de la Literatura” e “Lengua Latina”.
- Curso 1918-1919: “Lengua Francesa” e “Psicología y Lógica”.
- Curso 1919-1920: “Lengua Latina” para o alumnado de primeiro e segundo curso de Bacharelato.
- Curso 1921-1922: “Lengua Francesa” ata o 12 de decembro de 1921.
No ano 1918 separouse do nacionalismo e, nomeadamente, das Irmandades da Fala. Un ano despois, acadou o cargo de xefe de negociado do corpo de Estatística. Así e todo, elixe presentarse a unha cátedra vacante de literatura en Lugo. Para iso, viaxou a Madrid, onde superou outra oposición.
En 1920, nomeárono profesor auxiliar numerario de idiomas do devandito instituto. Con anterioridade, o periplo opositor a cátedras de institutos partiu da Residencia de Estudiantes (Madrid) grazas á bolsa concedida pola Junta de Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas.
En xuño de 1925, nomeárono membro correspondente da Real Academia de la Historia e vogal da Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo, na que participou con regularidade entre 1926 e 1928 nas xuntanzas dela.
En 1937, imparte clase como profesor de Francés, Latín, Filosofía e Literatura no Instituto de Enseñanzas Medias de Lugo. Por volta de 1948, escenifícase a proposta para académico correspondente da Real Academia Galega e ó ano seguinte, concretamente o 17 de abril de 1949, resultou elixido. Doutra banda, cómpre salienta-la amizade coa intelectualidade da posguerra, entre eles Ánxel Fole, Luís Pimentel e Celestino Fernández de la Vega.
En 1952 xubilouse. Nos últimos anos de vida estaba aqueixado de problemas na vista. En 1974, vendeu o castelo de Pambre a Manuel Taboada Fernández (conde de Borraxeiros). Finalmente, o 19 de decembro de 1974 Manuel García morreu en Lugo.
2. Obra en lingua castelá
2.1. Opúsculo
Baixo as iniciais MGB escribiu a obra Consideraciones sobre la Decadencia y la Rehabilitación de la Lengua Gallega. Saíu do obradoiro da imprenta de El Norte de Galicia (Lugo) no mes de outubro de 1912. Consta de trinta páxinas con alusións ós motivos do abatemento da lingua galega e ousadas comentarios acerca dunha ética lingüística coherente. No ano 1917 apareceron as primeiras páxinas traducidas á lingua galega, co título «Consideración sobre a fala galega», nos números 12 (10-III-1917) e 17 (30-IV-1917) d’A Nosa Terra.
Diagnostícase de forma exhaustiva os motivos do abandono da lingua galega e a seguir achéganse algunhas medidas de defensa coa finalidade de cambia-la situación negativa. Malia non presentar unha ortografía e unha sintaxe incorrecta, contén un estilo cheo de circunloquios, paráfrases e eufemismos. Presenta unha cosmovisión en liña coa súa formación filosófica co obxecto de mellora-lo coñecemento, incrementa-lo uso e modifica-las actitudes verbo da lingua galega.
Cunha focalización en fundamentos éticos pretendía elimina-los prexuízos asociados ó galego cunha posición subordinada, estimula-la produción literaria, nomeadamente en xéneros literarios pouco cultivados, e fundar institucións específicas que protexan a lingua galega, coa correspondente publicación de obras filolóxicas e gramaticais e a organziación dunha corporación erudita para a conservar e protexer. En poucas palabras, Manuel García Blanco era un planificador afeccionado e, asemade, traza a diglosia nun estadio temperán.
2.2. Folleto
O Estudio geográfico y toponímico de la provincia de Lugo (1942) componse de trinta e seis páxinas relativas ó nomenclátor oficial de 1940. O interese historiográfico compróbase nos datos e na análise e os comentarios del.
2.3. Colaboracións xornalísticas
- «Dar que hacer al diablo», conto folclórico dado a coñecer nos números 1130 (25-XI-1904) e 1132 (28-XI-1904) en El Norte de Galicia.
- «El diputado de Chantada» e «En las ruinas de Sobrado», artigos aparecidos o primeiro o 8 de agosto de 1907 e o segundo o 7 de setembro de 1907 en El Norte de Galicia. O primeiro desenvolve un panexírico de Javier García Leaniz (deputado conservador de Chantada). No segundo, recolle unha reseñae dunha viaxe ás ruínas do mosteiro de Sobrado dos Monxes.
- «El Castillo de Pambre», colaboración dada a coñecer en 1908 na revista Galicia e reproducida en dúas entregas no ano 1911 en El Progreso.
- «Sobre feminismo», publicada en dúas entregas no ano 1909 en El Norte de Galicia, na que apoia o concepto de feminismo manifestado por Honrata Glasser.
- «Balmes. Su vida», aparecida de forma fragmentaria en 1910 en El Norte de Galicia.
- «Sócrates en un baile de Máscaras», saído á rúa no n.º 2766 (9-II-1910) en El Norte de Galicia co pseudónimo Trpsífobo, que é unha recreación dun diálogo socrático.
- «Los exámenes. Carta pedagógica à los jóvenes escolares», colaboración crítica que saíu á luz no n.º 2877 (22-VI-1910) en El Norte de Galicia. Nela, cuestiónase os exames memorísticos como ferramenta eficaz na avaliación do alumnado. Defende ideas progresistas e liberais acerca do ensino e da educación da xuventude.
- «Del Valle de Oro», publicada no n.º 3830 (26-VIII-1913) en El Norte de Galicia, na que exhorta a D’Orca para tratar cuestións singulares da bisbarra do Valadouro.
- «Esterilización burocrática» e «Las ruínas de Sargadelos», aparecidas baixo o pseudónimo B, respectivamente, no n.º 3912 (6-VI-1914) e no n.º 3933 (4-VII-1914) en El Norte de Galicia. O primeiro presenta unha crítica político-moral acerca da apatía funcionarial e a necesidade rexeneracionista. No segundo, o enfoque histórico-artístico acerca do complexo de Sargadelos e o posterior saqueo nel.
- «Comentarios Bibliográficos. El coro de la Catedral de Lugo por D. Inocencio Portabales Nogueira, Arcipreste de la misma santa Iglesia Catedral Basílica», colaboración bibliográfica extensa que viu a luz coas iniciais M.G.B. no n.º 4268 (19-X-1915) en El Norte de Galicia.
BIBLIOGRAFÍA
Pardo de Neyra, Xulio (2012), Lingua, ensino e sociedade: os inicios da Sociolingüística galega contemporánea ou Consideraciones sobre la decadencia y la rehabilitación de la lengua gallega. O nacemento da Didáctica da Lingua Galega no ámbito do Novecentismo, Santiago de Compostela: Follas Novas, col. Libros da Frouma, serie Estudos e Ensaios.
Sanmartín Rei, Goretti, ed. (2012), Consideracións sobre a decadencia e a rehabilitación da lingua galega. Homenaxe a Manuel García Blanco, A Coruña: Universidade da Coruña, Área de Filoloxías Galega e Portuguesa, Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística, Revista Galega de Filoloxía, n.º 7.

