«Presenza galega na revista bracarense QUATRO VENTOS»

Neste artigo realízase unha caracterización técnica da publicación bracarense Quatro Ventos (Portugal), con especial atención á achega galega.

1. Caracterización técnica

Co subtítulo “Revista lusíada de literatura e arte” apareceu en Braga dende abril de 1954 ata decembro de 1957.

  • Número 1: abril-maio de 1954.
  • Números 2 e 3: xuño-setembro de 1954.
  • Números 4-5-6: outubro de 1954-marzo de 1955.
  • Número 7: outubro de 1955.
  • Números 8-9: xullo de 1956.
  • Número 10: xaneiro-febreiro de 1957.
  • Número 11: marzo-abril de 1957.
  • Número 12: maio-xuño de 1957.
  • Número 13-14: xullo-decembro de 1957.

A dirección dividíase nas seccións portuguesa, brasileira e galega. Dunha parte, a portuguesa compoñíana Amândio César, António Álvaro Dória, Egídio Guimarães, Francisco Martins da Costa (Aldão) e Manuel Antunes. A estes nomes agregáronse nos números 13 e 14 António Losa e César Teixeira. Doutra parte, a brasileira formábase de Cyro Pimentel, Ilka Sanches e Donatello Grieco. Por último, a galega integrábase de tres persoas: Leandro Carré Alvarellos, Ramón Otero Pedraio e Sebastián Martínez Risco.

A redacción asumírona Amândio César, Egídio Guimarães e Manuel Antunes e a dirección artística, Roby Amorim. A administración efectuábaa a Livraria Cruz e Companhia, localizada no n.º 133 da rua Diogo de Sousa (Braga). O número de páxinas oscilaba entre as 80 e as 462.

Estamos diante dunha publicación literaria e artística. Dividíase nas seccións “Poesia”, “teatro”, “Ficção”, “Crónica”, “Ensaio”, “Música”, “Etnografia”, “Palco”, “Artes plásticas”, “Crítica literária”, “Documentos humanos”, “Cinema”, “Convivium” e “Recensão de livros”. Redactouse maioritariante en lingua portuguesa, aínda que encontramos mostras das linguas francesa e galega. Tamén hai algún texto en castelán, como o “Poema” de Pablo Picasso e “Las fuerzas iniciailes” de Antonio Fernández Molina. Outro dato importante radica na coleção 4 ventos, na que se publicaron as obras galegas Seitura, de Fermín Bouza Brey, e dúas, Nos picoutos de Antoín e Teatro Completo , de Leandro Carré Alvarellos.

A ampla nómina de colaboradores engrosárona Roby Amorim, Estevão de Andrade, Eugénio de Andrade, Amândio César, João Apolinário, Eugénio de Andrade, João de Araújo Correia, João Maria Azevedo Lima, Jorge Barbosa, Maria Tereza Braz Pires, António de Cértima, Campos Figueiredo, Isabel de Castro, Leonardo Coimbra, Armando Cortes Rodrigues, Carlos Cunha, Manuel Dias da Fonseca, Carlos Eurico da Costa, David Gale, Fernando Guedes, Luis Forjaz Trigueiros, Helena Kolody, Arthur Lambert da Fonseca, Domingos Mascarenhas, Miranda de Andrade, Arsénio Mota, José da Mota Lopes, Murillo de Araujo, Yolanda Luisa Olivieri, José Osório de Oliveira, Renata Pallottini, Pablo Picasso, Augusto Ricardo, Edna Savaget, Alberto de Serpa , Henrique Tavares Bello e Wilson Rocha.

2. Presenza galega

Entre os colaboradores galegos da revista figuran numerosos persoeiros: Ramón Alvariño, Xosé María Álvarez Blázquez, Xoán A. Avilés Vinagre, Fermín Bouza Brey, E. Ramón Carral, Leandro Carré Alvarellos, Uxío Carré Alvarellos, Manuel Fabeiro Gómez, Manuel Fernández Amor, Domingo García-Sabell, Aquilino Iglesias Alvariño, Gonzalo López Abente, Manuel María, Eduardo Moreiras, Xoán Naia Pérez, Rosende Lois de Ogando, Ramón Piñeiro, Sebastián Risco, Victoriano Taibo e Pura Vázquez.

A lingua galega detectámola en varios xéneros literarios. Na poesía encontrámo-los textos
«Lírica Lusitánia», de Sebastián Risco; «Nosa Señora a Terra», de Gonzalo López Abente, e «Aquí, Santiago», de Aquilino Iglesias Alvariño. Pola súa parte, a narrativa radica en «Nube…», de Prudencio Canitrot; «Cándido e mail-a Serea», de Ramón Alvariño, e «Sobor de un tema rosalian», de Ramón Oterio Pedraio. Por último, o teatro encontrámola en catro textos («Co’a máscara do amor», «Alma e[n] pena», «Tiros na rua» e «Meiguerias») de Leandro Carré e un («Auto do Taberneiro») de Manuel María. Tampouco cómpre esquece-lo ensaio «Lingua e Literatura da Galiza», de Leandro Carré Alvarellos, e algún texto de interese filosófico, como «Sobre a Siñificación Galego-Portuguesa de Rosalía», de Ramón Piñeiro.

BIBLIOGRAFÍA

Camoira Vega, César (2026), “Unha ollada á revista bracarense Quatro Ventos“, Lugo: Lvcensia, n.º 72, páxs. 107-114.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio