«O semanario compostelán CLARIDAD a carón dos postulados de esquerda»

Información sobre o semanario Claridad (1933-1934) cun contido trasladábel á actualidade.

1. Apuntamentos externos

Esta publicación de Santiago de Compostela viu a luz dende o 23 de decembro de 1933 ata o 3 de xuño de 1934. Subtitulábase “Semanario de Izquierdas” e dende o número 5 “De Compostela para toda Galicia”. O director era Luís Manteiga e os suplentes, Ramón Suárez Picallo e Luís Seoane López. A redacción gráfica asumiuna Seoane e Colmeiro. Pola súa parte, o equipo de redactores conformábano F. Domínguez Caamaño, Ángel Fole Sánchez, Ángel Casal Josenge, Raimundo Aguiar, Sixto de Aguirre y Garín, Elías Arias de Parga, Constantino Díaz, Laureano Santiso e Juan Jesús González. Tirou vinte e catro números, cunha periodicidade semanal, que viñeron a lume no prelo da Imprenta Nós, localizábel no n.º 15 da rúa do Vilar. Constaba de catro páxinas, sen numeración, con 44 cm, dende o número 1 ata o número 4, ou 49 cm, entre o número 5 e o número 24.

2. Apuntamentos internos

Abordaba información de aspectos políticos e sociais da Galicia da época, nomeadamente a crítica caciquil e a denuncia social. Salientaba pola inclusión de datos concernentes ás formacións políticas de esquerda. Doutra banda, insería debuxos e caricaturas de índole social e dos políticos coetáneos. Malia estar a maioría sen sinatura, rexistramos debuxos publicados con anterioridade. Poñamos por casos cinco de Castelao, catro de 50 homes por 10 reás e un de Cousas, e un de Tisner, extraído de El Bé Negre.

O editorial de presentación, «Cartel» (n.º 1), declara nacer en calidade de expoñente de concienciación cidadá. Dimensiona a aparición nun momento de íneptitude do republicanismo e da pasividade do pobo para lle arrinca-los avances conseguidos. Consecuentemente, reafirma su enfoque colectivo, sen nomes nin vontades individuais, y un posicionamento de cordialidade consciente a carón da clase obreira. Finaliza cunha autodefinición: “joven, combativo, revolucionario y como tal levanta su voz y su puño”.

A pesar de non teren sinatura a maioría de artigos, computamos dezaoito textos (artigos, notas ou cartas) con rúbrica. Entre eles destacan a recensión de Luís Manteiga, os artigos de Fernando Barcia Veiras, Eduardo Díaz de Molina, Manuel Rodríguez e as achegas literarias de Guerra Junqueiro e C. P. Busto Amandi, o primeiro en lingua portuguesa e o segundo en lingua galega. Amais, encontramos diferentes artigos baixo a firma de grupos (Comité local del S. R. I., o grupo coruñés do Partido Galeguista e o Comité Nazonal Femenino). Xunto a estes textos hai poucos artigos baixo o pseudónimo, como O Escolante e Amalia Dollfus.

Estaba redactado a maioría en lingua castelá, aínda que a maioría dos números acollen un artigo en lingua galega ou mesmo dous nalgún número. A seguir, recollémo-los textos rexistrados en galego:

  • «A canalla patrioteira en Galicia» (n.º 1).
  • «Centralismo, programa de dereitas» (n.º 2).
  • «Momentos de loita e de fé» (n.º 3).
  • «República e Autonomía» (n.º 4).
  • «Caciquismo dereitista» (n.º 6).
  • «Ética i estética de Galicia» (n.º 7).
  • «Copliñas de Antroido» (n.º 8) [poesía].
  • «Inquedanzas da hora» (n.º 8).
  • «Fascismo e democracia» (n.º 9).
  • «En conmemoración da Primeira República» (n.º 9).
  • «Galicia, víctima do Centralismo» (n.º 10).
  • «Monarquismo vergonzante» (n.º 11).
  • «Galicia célula de Universalidade» (n.º 12).
  • «Galicia unidade de cultura» (nº 13).
  • «Galicia Comunidade Cooperativa» (n.º 14).
  • «Galicia pobo autónomo» (n.º 15).
  • «Posturas. A esquerda republicana» (n.º 16).
  • «Estampa viva» (n.º 17).
  • «Panoramas tristeiros» (n.º 18).
  • «Federalismo internacional» (n.º 18).
  • «Recordo e desagravio. Galán – G. Hernández» (n.º 18), de P. P. Tobío [poesía].
  • «Antihistoria e Prehistoria» (n.º 20).
  • «Un manifesto do Partido Galeguista (Grupo da Cruna). No aniversario dos mártires de Carral» (n.º 20).
  • «Cousas de Lugo. Fungueirazos» (n.º 20) [narrativa].
  • «Un aldraxe mais» (n.º 22).
  • «Ronsel» (n.º 22).
  • «Galicia e os seus Diputados» (n.º 23)

Para unha visión fiel do contido reproducimos algúns textos:

BIBLIOGRAFÍA

Alonso Girgado, Luís; Mariño Taibo, Laura, e Piñeiro Pais, Laura, eds. (2021), Claridad. “Semanario de Izquierdas” [Santiago de Compostela (1933-1934], Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, ed. facsímile.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio