Achéganse algúns datos acerca d’O Vello do Pico-Sagro.





1. Nótulas varias
Esta publicación apareceu na “Cruña” dende o 3 de marzo de 1860 ata o 28 de abril deste ano. O fundador, responsábel e redactor dela foi Mingos Gallego, pseudónimo, probabelmente, de Francisco María de la Iglesia González. Veu a lume na “Emprenta do Hespico Provincial”. Constaba de catro páxinas, sen numeración, a dúas columnas a maioría dos números.
Trátase de pregos poéticos de cordel que inclúen unha crónica acerca do conflito bélico entre Marrocos e España acontecido durante os anos 1859 e 1860. Con este escenario o autor valora o acervo cultural de Galicia a través do uso da lingua galega e do percorrido pola historia e a idiosincrasia galega. Tamén aproveita para chama-la atención ó centralismo da época pola realidade pluricultural de España. Doutra banda, as ilustracións redúcense a unha presente na primeira páxina dos tres primeiros números coa imaxe do Pico Sacro.
Na actualidade, pódense consulta-los catro números nas dependencias da Real Academia Galega.
BIBLIOGRAFÍA
Camoira Vega, César (2010), «Nota sobre O Vello do Pico Sagro», Boletín Galego de Literatura, n.º 43, páxs. 111-119.
Camoira Vega, César (2022), «Apuntamentos históricos e literarios sobre O Vello do Pico Sagro», Ágora do Orcellón, n.º 39, páxs. 141-157.
