«A temática política en YUNQUE»

Infórmase dos datos externos e internos da publicación lucense Yunque.

1. Apuntamentos externos

Co subtítulo “Periódico de vanguardia política”, sen presenza nos números 5 e 6, viu a luz en Lugo dende o 14 de maio de 1931 ata o outono de 1932. Dirixiuno Ánxel Fole e redactárono José Gayoso Veiga, Ángel Johan González e Francisco Lamas. Veu a lume en catro imprentas: Tip. del Hijo del Sucr. de Villamarín, Tip. J. Montero, Antonio Suárez Gómez e Tip. del Hijo de A. Suárez Sal. Presentaba unha periodicidade irregular e oscilación no número de páxinas (oito nos números 1, 2 e 3, dúas no n.º 4, dezasete no n.º 5 e trinta e dúas no n.º 6) e no formato (22 x 32 cm, 64 x 44 cm e 28,3 x 20,2 cm).

2. Apuntamentos internos

Esta publicación contiña textos, principalmente de opinión, de tipo político, social e cultural. Caracterizábase por:

mostras de ideoloxía marxista,
postulados comunistas,
defensa belixerante da causa republicana e da república federalista,
defensa do galeguismo nacionalista,
actitude crítica verbo das formacións políticas contrarias á II República.

A procedencia da revista radica na paulatina concienciación e na combatividade cultural e ideolóxica da mocidade lucense e, por extensión, galega ó longo da Ditadura de Primo de Rivera. Contou como antecedentes os semanarios ¡Ahora! e Guión. É máis, trala ruptura do republicanismo burgués coa esquerda revolucionaria no derradeiro número de Guión ,o grupo radical lucense fundou Yunque.

Contou con dúas etapas. A primeira, correspondente ós tres primeiros números, constitúe unha continuación de Guión. Nela, a vangarda política constátase coa introdución de editoriais, consignas e comentarios a prol dunha República anticaciquil, de esquerdas e de signo federal e coa reprodución de documentos políticos. Na segunda, cos tres números de 1932, vírase da política á cultura a través do aumento de colaboracións literarias e da abundancia de ilustracións. Presentou unha liña ideolóxica revolucionaria e incluso filomarxista.

Para ilustrármo-lo contido da cabeceira lucense reproducimos algúns textos:

  • Anteproyecto de Estatuto de Galicia no n.º 1:
  • Extracto do ideario do Partido Republicano Radical Socialista no n.º 3:

Malia o predominio maioritario da lingua castelá, a galega manexárono en todos ou nalgún dos seus textos Álvaro Cunqueiro, Ramón Piñeiro, Víctor Casas, X. López Durá, Francisco Lamas López, Aquilino Iglesia Alvariño, Federico García Lorca e Xulio Sigüenza.

Entre os colaboradores literarios contamos, entre outros, con Víctor Casas, Arturo Cuadrado, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, García Lorca, José Gayoso Veiga, Aquilino Iglesia Alvariño, Francisco Lamas, Luis Manteiga, Carlos Martínez Barbeito, Ramón Martínez López, Santiago Montero Díaz, Luis V. F. Pimentel, Emilio Pita, Xulio Sigüenza, Ernst Toller e Ramón Piñeiro. Pola súa parte, a nómina de colaboradores artísticos confórmana Arcadio Romero Boelle, Norah Borges, Manuel Colmeiro, Eiroa, Ángel Johan González, Carlos Maside e Luís Seoane.

O cultivo da lingua galega móstrase nas poesías «Na oscuridade», de Aquilino Iglesia Alvariño;
«Limiar» e «-12», as dúas de Álvaro Cunqueiro, e «Madrigal a la ciudad de Santiago», de Federico García Lorca. Tamén a encontramos na peza dramatúrxica breve «Rúa 26. Diálogo limiar», de Álvaro Cunqueiro.

BIBLIOGRAFÍA

Alonso Girgado, Luís; Moreda Leirado, Marisa, e Vilariño Suárez, María, eds. (2006), Yunque (Periódico de vanguardia política) (Lugo, 1931-1932), Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, ed. facsímile.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio