«A revista ALBA entre Vigo e A Coruña»

Anotacións acerca da revista ALBA.

1. Caracterización externa

Esta revista naceu na Coruña na primavera de 1948 e en 1956 cesou en Vigo. Agás os números 12 e 14, o resto de números levaron subtítulos, nomeadamente “Hojas de poesía”, nos números 1, 2 e 3; “Poesía y prosa”, no número 4, e “Verso y prosa”, nos números 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 15 e 16. O director, fundador, colaborador e impulsor foi Ramón González-Alegre.

As dependencias da redacción estaban no cuarto andar, n.º 4, da rúa Rosalía de Castro (n.º 1); no número 31, dereita, da rúa Picavía; na oficina n.º 1, n.º 30, da rúa Marqués de Valladares (n.º 3), e no n.º 322, 2º dereita, da Gran Vía (núms. 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12, 15 e 16). Pola súa parte, a administración localizábase no n.º 5 coa rúa Marqués de Valladares, n.º 47, 2º (Vigo). Presenta unhas dimensións variábeis no tamaño,dende os 22 x 15 cm do número 3 ata os 24,5 x 17,5 cm; na tipografía das páxinas, e nos tipos de letra.

2. Caracterización interna

Naquela época, a precariedade da lingua galega e as imposicións da censura, tal e como aparece no n.º 3, marcaron o devir da publicación. É máis, experimentou problemas de papel. Por outra banda, esta cabeceira incluíu uns textos programáticos tinguidos dun enfoque ecléctico e permisivo cunha prepoderancia dos textos poéticos de calidade, da poesía realizada en Galicia e por galegos e o manexo libre do galego ou do castelán. Contou cunha influencia importante do director na estética, na poesía e na lingua. A propósito da lingua, convén mencionar que mantivo o bilingüismo.

No número 1, a declaración de principios, «Nuestra presencia», facíase eco de catro aspectos programáticos: participar no eido poético da época, rexeita-lo retoricismo e o verbalismo gratuíto, apoiar unha poesía clara e de calidade na súa expresión e de elaboración consciente e a conservación do bilingüismo.

A listaxe de colaboradores abrangueu os cento dezasete, distribuídos en sesenta e oito galegos (X. Mª Álvarez Blázquez, Luis Amado Carballo, Eduardo Blanco Amor, Fermóin Bouza Brey, Carballo Calero, Augusto Casas, Xosé Mª Castroviejo, M. Cuña Novás, Florencio Delgado Gurriarán, Xosé Mª Díaz Castro, M. Fabeiro Gómez, Fernández del Riego, Pilar García de Fresco, M. González Garcés, Bernardino Graña, Aquilino Iglesia Alvariño, Lorenzo Varela, Manuel María, Sebastián Martínez Risco, X. L. Méndez Ferrín, Eduardo Moreiras, Ramón Otero Pedraio, Luzo Pozo, Antonio Rey Soto e Pura Vázquez), trinta do resto de España e dezanove estranxeiros (Montezuma de Carvalho, José A. Garibaldi, Heine, António L. Moita, Rilke, Suzana Rodrigues e Miguel Torga).

Na poesía rexistramos composicións dadas á luz con anterioridade en formato de libro. Poñamos por casos «Pandeirada do bó e do mal tempo», de Amado Carballo, e «Fror de María» e «Alborada», os dous poemas de Lago González. A estes poemas agregámoslles outras aparecidos nas páxinas desta publicación, entre eles «Non me esquenzo de vos…», de Aquilino Iglesia Alvariño; «Notas de pelerinaxe», de Xosé Mª Álvarez Blázquez, e «Forasteiro», de Luís Pimentel.

A prosa incluíu tres modalidades: a crítico-ensaística, con pequenos ensaios concernentes, entre outros, a Sarmiento, Nicomedes Pastor Díaz, Eduardo Pondal, Manuel Curros Enríquez e Manuel Antonio; a xornalística de tipo informativo, con seccións propias («Notas de apremio», «Miscelánea», «El ruido y las nueces» e «Pulso y tiempo») e con atención á pintura, e a narrativa, co conto de Ricardo Carballo Calero «Os tumbos».

BIBLIOGRAFÍA

Alonso Girgado, Luis, dir. (1995), Alba “Hojas de poesía / Follas de poesía” (A Coruña, 1948-Vigo, 1956), Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, ed. facsímile.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio