«Roque Pesqueira Crespo e o enfoque rexionalista»

Infórmanse da biografía e a obra literaria de Roque Pesqueira Crespo.

1. Retallos biográficos

Roque Miguel Silvestre Pesqueira Crespo naceu o 31 de decembro de 1865 en Ponteareas. Os pais eran Roque Pesqueira, oriúndo de Marín, e Peregrina Crespo, procedente de Ponteareas. Ós poucos anos Roque Miguel trasladouse a Ourense, onde recibiu a formación escolar e despois o Bacharelato. Nesta cidade cobrou corpo o compromiso del coa lingua galega.

De volta a Ponteareas, en torno ó ano 1885, o compromiso lingüístico materializouse na propensión literaria. Entre 1886 e 1888, marchou a Madrid. Descoñecemos cal foi o motivo da marcha a esta cidade.

Despois retornou a Ponteareas e en 1889 comezou por libre a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Á idade de vinte e sete anos obtivo a licenciatura na devandita carreira despois de supera-lo exercicio para logra-lo grao de licenciado co asunto “Leyes naturales del matrimonio”. Desta etapa convén cita-la amizade con Heraclio Pérez Placer, Manuel Amor Meilán, Albino Simán Pintos e Cesáreo López Pinal.

Trala etapa universitaria, exerceu de avogado alén Galicia. Isto motivou o abandono da literatura en lingua galega. En torno ós trinta anos, superou as oposicións de rexistrador da propiedade, o que se manifestou na profesión en localidades galegas (Ponteareas, Xinzo de Limia e O Barco de Valdeorras) e do resto de España (Ejea de los Caballeros, Valencia de Don Juan, Valls e Terrassa).

Dende 1933 ata a xubilación, encontrámolo traballando como rexistrador en Tortosa (Tarragona). Despois residiu en Barcelona, lugar do óbito del o 27 de novembro de 1938

2. Anotacións literarias

2.1. Poesía

A obra poética confórmase, aproximadamente, duns cento once poemas en lingua galega e trece en lingua castelá. Deseguido, anotaremos algúns:

  • Trinta composicións na publicación O tío Marcos d’a Portela dados : «Xa non volvo», «¡Estamos servidos!», «Cazando», «Unha romería», «Todo pol-a pátrea», «A xerga d’ mundo», «Ô eminente poeta gallego Valentín Lamas Carvaxal dempois de ler o seu libro Espiñas, follas e frores», «De noite», «Rogo», «Cousas», «N-o album d’a señorita doña Rafaela Rodríguez Placer», «Soedades», «Martiño», «Armando a gayola», «Variedás (Apuntes en abanicos)», «A Feixóo», «A laudada poetisa gallega Filomena Dato Muruais», «O fillo de Xoán Manoel (Lenda)», «A… (Versos de despedida)», «Cantigas», «Mirando atrás», «¡Infeliz!», «¡1808-1814!», «Coitas», «Ó que foi notabr’ escritor y-eminente poeta D. Xuan A. Saco e Arce», «Mira… ¡atende!», «Cita», «Nube de vran»,
    «Namorado» e «Comenencia».
  • Tres poemas na publicación de Cuba Galicia Moderna: «A xerga d’ mundo», no n.º 79 (31-X-1886); «Apreciaciós», no n.º 136 (4-XII-1887), e «Desafogos», no n.º 194 (1-I-1888).
  • Corenta composicións, baixo o título «Cantigas», no periódico de Pontevedra Galicia Recreativa durante o mes de abril de 1890.

Estes e outros poemas abordan as lembranzas e homenaxes poéticas a autores galegos, o amor, os eloxios de Galicia, a veta popular e costumista, a liña intimista e outros temas, como o moralismo, a crítica da pena de morte e a censura de certos comportamentos á marxe do sufrimento dos máis humildes.

2.2. Narrativa

Contamos con nove relatos: «Ir por lan e…», dado a coñecer no n.º 61 (8-XI-1885) d’O Galiciano; «Males da emigración», difundido nos números 99, 100 e 101 (1886) d’O Galiciano; «Os fillos do pescador», divulgado nos números 103 (1-X-1886) e 104 (8-X-1886) d’O Galiciano; «A orella do demo», rexistrado no n.º 105 (15-X-1886) d’O Galiciano; «No moiño», presente no n.º 115 (1-I-1887) d’O Galiciano; «Idilio», aparecido no n.º 122 (3-IV-1887) d’O Galiciano; «Hay que tempos», publicado no n.º 132 (19-VI-1887) d’O Galiciano; «Amores bulrados», difundido no n.º 195 (4-XII-1887) d’O Galiciano, e «Marcelo», dado a coñecer no parrafeo 214 (5-II-1888) d’O tío Marcos d’a Portela.

No tocante ós trazos internos, convén sinalar varios aspectos: a modalización narrativa é similar nestes textos narrativos ó rexistraren unha narración en terceira persoa, cun enfoque omnisciente e ás veces co uso do autor implícito; a ambientación xeral no ámbito rural galego, e a situación na época contemporánea do autor. Dunha banda, os temas abordados son o amor. Na maioría dos relatos, a desgraza marca o amor que se trunca por desengano («Hay que tempos» e «Amores bulrados»), a emigración («Males da emigración» e «Idilio») e a morte («Marcelo»). Só hai un conto que non está pincelado por este trazo, «No moiño». Doutra banda, rexistramos dous de tipo fantástico, «Os fillos do pescador» e «A orella do demo». Por último, dispoñemos dun conto costumista, «Ir por lan e…».

2.3. Outras prosas

Galicia Moderna, O tío Marcos d’a Portela, A Monteira, Álbum Literario e El Anunciador acolleron vinte e sete textos dende 1886 ata 1892. A continuación, plasmámolos: «A alborada», «O cariño á terra», «¡Ourense!», «¡Lembrémo-los nosos mortos!», «Crítecos e pseudo-crítecos», «Na brega», «O rexionalismo en boga», «¡Adiante!», «Atemos cabos», «O día de defuntos» e un feixe de artigos coa denominación «Farangullas». Estamos, en poucas liñas, diante de textos heteroxéneos que inciden en varios temas: a emigración, a sociedade da Galicia da época, a lingua galega e a literatura autóctona, os recordos e suxestións e mailo amor.

BIBLIOGRAFÍA

Araújo García, Mª Teresa, ed. (2001), Relatos e outras prosas de Roque Pesqueira Crespo, Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, col. Narrativa Recuperada.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio