«O SEOR PEDRO a prol da información e da defensa dos postulados progresistas»

Recollida dalgúns datos da publicación O Seor Pedro, extraídos dun artigo do ano 2007.

1. Caracterización externa

Co título O Seor Pedro viron a luz un feixe de pregos poéticos sen título escritos, maioritariamente, en lingua galega. Apareceron en Santiago de Compostela entre 1840 e o 4 de decembro de 1862. A autoría correspondía a Manuel María Gregorio Fernández Magariños, quen cursou estudos na Universidade de Santiago de Compostela entre 1833 e 1838.

Imprimiuse en varios obradoiros, entre elas José Núñez Castaño, Juan Rey Romero, M. Fernández M., Manuel Mirás, José Garaval e Jacobo Souto e Hijo. Constaba de catro follas, sen paxinación, a dúas columnas.

2. Caracterización interna

Cada número presenta unha contextualización efectuada polo autor implícito e despois continúa cunha relación dos feitos polo “señor do lugar”, equiparábel ó “vello sabio” dos pregos d’O Vello do Pico–Sagro. A instrución da cidadanía galega efectuábaa cos seus coñecementos e coas noticias acontecidas naquela altura. Por outra parte, como ben sinalou María Rosa Saurín de la Iglesia (2003), o enfoque literario corrobora a colaboración entre os homes de letras e o Estado co propósito de crear un popularismo novo.

Nas súas páxinas proporcionábanse noticias locais e de actualidade, así como propaganda a favor da rexencia de Joaquín Baldomero Fernández–Espartero Álvarez de Toro e, por extensión, do goberno progresista. Doutra banda, as ilustracións redúcense a unha, detectábel en tódolos números, consistente na imaxe dun paisano vestido co traxe tradicional galego na parte superior dun palleiro.

  • O número 1, Fuliada que fixo o labrador Seor Pedro porgresista, dendes que soupo o pornunciamento dos puebros en favor da libertade1(1840), atribúese a Chavacano Poeta Gallego. Saíu do prelo de José Núñez Castaño. A acción sitúanos nunha aldea de Galicia, nunha mañá do mes de setembro, na que o liberal Seor Pedro, descendente de cregos e con formación ilustrada, difunde as novas do momento (as Juntas e, en especial, do goberno de Esparteiro [sic]) á paisanaxe. Conclúe cunha foliada de temática amorosa, na que interveñen diversos personaxes (Gorecho, Marica etc.).
  • O terceiro do que se ten constancia, Pronunciamento de xulio do ano pasado, espricado po–lo labrador progresista Seor Pedro,2 apareceu sen asinar no mes de xullo de 1855. Coa dedicatoria “a os liberales netos”, imprentouse no obradoiro de Juan Rey Romero. Bosquéxase a rexencia de Espartero e o levantamento en Vicálvaro, baixo o liderado dos xenerais Domingo Dulce e Leopoldo O’Donell. Tralo retorno do Seor Pedro á terra natal, diríxese subido ó alto dun palleiro con arengas e preguntas retóricas á veciñanza para amosar dous aspectos, o enriquecemento fraudulento das clases terratenentes e a miseria labrega. Este estrataxema procuraba un cambio no goberno a favor de Espartero.
  • Outro número coñecido, Romance gallego pubricado na cerebridade do nacamento do príncipe de Asturias seor don Alifonso, Mariano da Conceución, Pío, Farruco, etc., saíu á rúa en 1857 coa sinatura M. Fernández M. Estaba dedicado “ao Rey meniño”. Veu a lume no taller de José Garaval. Nel, o Seor Pedro sinala con sorna que o seu liberalismo é compartido polo Papa IX.
  • O número 5, Romance gallego pubricado en cerebridade da vinda de Sabela Segunda, a antigua capital do Reino de Galicia, viu a luz o 7 de setembro de 1858 coa mesma rúbrica que o anterior. Imprimiuse no prelo de Manuel Mirás. A chegada da raíña Isabel II recíbea o Seor Pedro con expectación e enxalzamento das bonanzas de Galicia.
  • O sexto, Romance gallego no que se esprica o que significa a aparicion do COMETA que se presentou a mediados do derradeiro setembre hastra mediados de Outubre, apareceu coa sinatura M. Fernández M. en 1858. Dedicado “à Unión Liberal”,3 veu a lume no obradoiro de Manuel Mirás. O prego desenvolve a significación do cometa co obxecto de elimina–los medos e as ideas preconcibidas polo ser humano e a Igrexa. A tal fin bosquexa dous debuxos da elipse trazada a Terra arredor do Sol. Remata suplicando á raíña Isabel II manter no goberno o xeneral Leopoldo O’Donnell y Jorís.
  • O sétimo presenta alternancia das linguas galega e castelá. Coa denominación Romance en gallego é español, saíu coa asinatura M. Fernández M. o 19 de novembro de 1859. Estaba dedicado “a os Mouros” e imprentouse no prelo de José Garaval, con domicilio no número 20 da rúa Calderería. Desenvolve a conversa do Seor Pedro cun home de estudos e fala castelá sobre a Guerra de África, incidindo nos motivos e as xustificacións españolas. Finaliza cunha chamada de atención polo enfoque farisaico do seu interlocutor, xa que para a cidadanía española a única proba necesaria da contenda bélica era a xustiza.
  • O oitavo, Vésperas da Guerra de Italia acaecida en 1859, espricadas po–lo labrador Seor Pedro, está “dedicado a o Rei do Piamonte”. Este número e mailo noveno (Napoleón terceiro Guerra de Italia acontecida n’o ano de 1859 espricada po–lo labrador Seor Pedro Continuacion) imprentáronse no prelo de Jacobo Souto e Hijo coas iniciais M. F. M. En Vésperas, texto datado no mes de maio de 1859, a paisanaxe do Seor Pedro vende diversos vexetais en Santiago de Compostela e despois acode onda o Seor Pedro a solicitar novas do conflito entre “Vítaro Manoel” e o “Emperador Austriaco”. Tal petición tentouna evitar co pretexto de a adiar, mais a insistencia da veciñanza motivou o carrexo forzoso do Seor Pedro ata o palleiro. Alí, no curuto, responsabilizaba das disputas bélicas ós “Seores Dipromátecos”, causantes do reparto das nacións sen consideraren o compoñente humano. Por isto, realiza un percorrido histórico: 1815, Congreso de Viena; 1820, pronunciamento militar en España da man do coronel Rafael de Riego; 1830, revolta en Francia; 1834-1836, intervalo no que rexistrámo-lo trono español nas mans de María Cristina de Borbón grazas á Pragmática sanción (marzo de 1830), despois a ocupación do poder polos liberais progresistas e por último a nacionalización dos bens do clero por parte de Juan Álvarez Mendizábal.
  • O número 1 da serie 2ª, dedicado a os bos gallegos, leva o título Ferrocarril Compostelano Romance gallego en que o labrador Seor Pedro conta a os seus veciños as boas novas que hay, pra a construción da vereda de ferro desde Santiago a Carril. Realizouno M. Fernández M. o 1 de outubro de 1862. Saía nas dependencias de Jacobo Souto.
  • A finais de 1862, saíu outro número intitulado Ferro–carril Compostelano. Romance gallego, en que o labrador Seor Pedro conta a os seus veciños as boas novas, que hay, pra a construcion do Camiño Ferrudo hastra a presente fecha 4 de Diciembre de 1862 coa dedicatoria “a os amantes de Galicia”. Imprimiuno o obradoiro de Manuel Mirás. Tras aborda–los diversos proxectos da construción do ferrocarril (“Mosiur Morá” e “don Pío”), anuncia a elección da proposta realizada por “Mosiur Stone”. Tamén informa dos futuros relatorios das “cousas do Mundo endino” ou dos “sucesos” oídos, así como as esculcas sobre a construción. Termina apuntando a comunicación interpersoal como fonte instrutiva.
  1. Vid. Aneiros Díaz (coord., 2008). O número reproduciuse entre as páxinas 441 e 447. ↩︎
  2. Este e outros números recolléronse no artigo da miña autoría «O Seor Pedro e o pronunciamento militar de 1854», en Requeixo Cuba, Armando (ed.), Sobre letras e signos. Estudos de homenaxe a Anxo Tarrío Varela, Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 1ª ed. ↩︎
  3. Coa denominación Unión Liberal (Barreiro Fernández, 2007) aludimos a unha fórmula de goberno operativa dende 1858 ata 1863 que sumaba os sectores máis moderados do progresismo cos máis avanzados do moderantismo. Deste modo, O’Donell e José Posada Herrera coidaban evita−las conspiracións para acada−lo poder. ↩︎

BIBLIOGRAFÍA

Aneiros Díaz, Rosa, coord. (2008): Papés d’emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846 (I), Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, col. Base.

Barreiro Fernández, Xosé Ramón (1982): Liberales y absolutistas, Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Barreiro Fernández, Xosé Ramón (1982): Historia de Galicia. IV. Edade Contemporánea,Vigo: Galaxia.

Barreiro Fernández, Xosé Ramón (1982), Historia de Galicia. Historia contemporánea de Galicia desde la Guerra de Independencia hasta nuestros días en cuatro tomos enriquecidos con abundante y selecta bibliografía multitud de grabados documentales de la época y láminas a todo color, A Coruña: Gamma, 4 vols.

Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2007): A Gran Historia de Galicia. Historia Política da Galicia Contemporánea. A Coruña: Arrecife Edicións Galegas, tomo XI, Vol. 2. De Isabel á Restauración.

Beramendi, Justo G. (2007): De provincia a nación. Historia do galeguismo político, Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Camoira Vega, César (2017): «O Seor Pedro e o pronunciamento militar de 1854», en Requeixo Cuba, Armando (ed.), Sobre letras e signos. Estudos de homenaxe a Anxo Tarrío Varela, Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 1ª ed.

Carballo Calero, Ricardo (1981): Historia da literatura galega contemporánea 1808–1936, Vigo: Galaxia.

Carr, Raymond (1970): España 1808−1939, Barcelona: Ariel, 2ª ed.

González López, Emilio (1980): Entre el Antiguo y el Nuevo Régimen: absolutistas y liberales. El reinado de Fernando VII en Galicia, Sada: Ediciós do Castro, col. Historia.

González López, Emilio (1984): El Reinado de Isabel II en Galicia. La regencia de María Cristina. Moderados, progresistas y carlistas, Sada: Ediciós do Castro, col. Historia.

Pacheco, Joaquín Francisco (1841): Historia de la Regencia de la Reina Cristina, Madrid: Fernando Suárez, tomo I.

Pirala, Antonio (1875−1879): Historia contemporánea: anales desde 1843 hasta la conclusión de la actual guerra civil, Madrid: Tello, 6 tomos.

Rodríguez Iglesias, Francisco, ed. (2000): Galicia. Literatura, A Coruña: Hércules de Ediciones, 6 tomos.

Santos Gayoso, Enrique (1990): Historia de la prensa gallega 1800–1986, Sada: Ediciós do Castro, Cuaderno do Seminario de Sargadelos, n.º 52.

Saurín de la Iglesia, María Rosa (1991): Manuel Pardo de Andrade y la crisis de la Restauración 1760−1832, A Coruña: Galicia Editorial.

Saurín de la Iglesia, María Rosa (2003): Antonio, Francisco y Benigno de la Iglesia. Una biografía intelectual, Santiago de Compostela: Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Xunta de Galicia.

Villares, Ramón (1995): A historia, Vigo: Galaxia.

Fontes hemerográficas

Biblioteca Virtual del Patrimonio Bibliográfico

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio