«O semanario TIERRA GALLEGA ó servizo da comunidade galega de Galicia e Uruguai»

Dáse conta da publicación uruguaia Tierra Gallega.

1. Anotacións externas

Co subtítulo “Semanario Regional Ilustrado” saíu á luz en Montevideo dende o 11 de febreiro de 1917 ata o 28 de abril de 1918. O seu fundador foi Xosé María Rodríguez Barreiro e dirixírona Rodríguez Barreiro e despois Miguel Barros Castro. Pola súa parte, a administración levouna a cargo Julio Vázquez Anido, ata o n.º 4; no n.º 52 Pablo García, Severino Barcala, José María Serrano, Cesáreo Fumega e Francisco Vázquez e a partir do n.º 55 agregouse Julio Mosquera ós anteriores. O cargo de secretario de redacción asumiuno Ángel Aller.

Xosé María Barreiro
Fonte: artigo de Lois Pérez Leira

As dependencias da dirección e administración situábase na rúa 18 de julio, n.º 1091, entre os números 1 e 4; na rúa Piedras, n.º 605, no intervalo 5-51; na Librería Cervantes, Andes, n.º 1370, nos núnmeros 52-54, e finalmente, no intervalo 55-63, na rúa Paraná, n.º 729. Agás os domingos, dispuxo dunha periodicidade semanal cun formato 38,5 x 28,5 cm, sen trocos. Imprimiuse na Tipografía Moderna, localizábel nos números 691 e 693 da rúa Cerrito.

2. Anotacións internas

Esta publicación contiña información xeral con numerosos folletíns, os textos literarios e artigos acerca de Galicia e Uruguai, concernentes a aspectos sociais, culturais, históricas e informativas, entre outras cuestións. Tamén serviu para impulsa-la creación da Casa de Galicia. Estruturábase nos apartados “El rincón del rinoceronte”, “Noticias de Galicia”, “Notas Sociales”, “Centros y Sociedades”, “De Teatros”, “De España”, “Tribuna Libre”, “Pasatiempos”, “Cocina ‘Tierra Gallega'” e “Folletín de Tierra Gallega”. Neste último apartado, difundíronse catro textos literarios: Gente de mar. Drama en un acto y en verso, de José María Barreiro; Los Candeleros de Plata, de Pedro Mª Barrera; Juan Loureiro, de Jesús Muruais, e Pan de Centeno, de Antonio Suárez de Puga. Por outra banda, nas ilustracións computamos un escudo e unha paisaxe galega na cuberta e no interior fotografías de Galicia e Uruguai, entre elas paisaxes, monumentos, cidades e aldeas.

Na «Presentación» (n.º 1), sinálanse os obxectivos de realizar un semanario para honra-los galegos emigrados de Uruaguai e de crear un boletín de novidades de Galicia. O obxectivo desta iniciativa era mellora-la revista e darse a coñecer como galegos a través da defensa dos dereitos e intereses. Xa que logo, logrou a creación da Casa de Galicia de Montevideo.

A ampla nómina de colaboradores compoñíase, entre outros, de M. Amor Meilán, Concepción Arenal, Azorín, Juan Barcia Caballero, Pío Baroja, Alejandro Barreiro, José María Barreiro, Jacinto Benavente, Roberto Blanco Torres, Francisco Camba, Sofía Casanova, Raimundo Castiñeira, Manuel Casás, Rosalía de Castro, Fortunato Cruces, Joaquín Dicenta, W. Fernández Flórez, Victoriano García Martí, Guerra Junqueiro, Valentín Lamas Carvajal, Benito Losada, Gonzalo López Abente, Manuel Lugrís Freire, A. Miguens Parrado, Manuel Murguía, Jesús Muruais, Alfredo Nan de Allariz, Matilde P. de Freiría, Aureliano J. Pereira, Joaquín Pesqueira, Picadillo, Eduardo Pondal, Santiago Ramón Cajal, Aurelio Ribalta, Rogelio Rivero, Eladio Rodríguez González, F. Rodríguez Marín, Rubén Darío, Salvador Rueda, Ventura Ruiz Aguilera, Jaime Solá, Miguel de Unamuno, Vesteiro Torres, Florencio Vaamonde, Marcial Valladares, Ramón del Valle-Inclán, Arturo Vázquez, Mercedes Vieito Bouza, Antonio Villar Ponte, Mercedes Viso Troncoso, Vital Aza e Marcial Yáñez.

En lingua galega publicou variados textos. Dunha parte, acolleu os poemas «Bágoas de nai» e «O paxariño», os dous de R. Cabanillas; «Encomenda», de M. Curros Enríquez, e «Os bicos», de Alfredo Nan de Allariz. Tamén rexistramos outras poesías, entre elas «Lonxe da terra en que nacín», de El Baciller de Vegadeo, «O arco d’a vella», de Juan Barcia Caballero, e «A xustica pol-a man», de Rosalía de Castro. Doutra parte, na narrativa deu a coñece-los contos «Na veira d’o mar. Parola», de Juan Otero; «Conto gallego», de Arturo Vázquez, e «Contos curtos», de Avelino Rodríguez Elías.

BIBLIOGRAFÍA

Fariña Miranda, Carmen, ed. (2004), Tierra Gallega (Semanario Regional Ilustrado) [Montevideo, 1917-1918], Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, ed. facsímile.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio