Esta colaboración proporciona unha definición e un percorrido polo corrente política do iberismo.

1. Definición
Doutrina política que se desenvolveu dende o século XIX, momento da configuración dos feitos nacionais [Risorgimento italiano (1848-1860) ou a Deutsche Wiedervereinigung], ata a actualidade, cando a Unión Europea propicia a intensificación das relacións luso-españolas, coa correspondente apertura de novas expectativas para o iberismo. Postula o estreitamento das relacións entre España, Portugal e Andorra e a posterior unión xurídico-administrativa das diferentes nacionalidades históricas. A composición fornecíase da pequena burguesía e tiña os antecedentes históricos no Antigo Réxime, período de fomento da política matrimonial entre as dúas coroas, a castelá e a portuguesa. Precisamente, neste intervalo histórico desenvolveron as disputas polo trono portugués (batallas de Ameixial, 1663, e Montes Claros, 1665) que finalizaron na independencia lusa co Tratado de Lisboa.
O termo cobrou fasquía propia no século XVIII con José Marchena que, na obra L’Avis aux espagnols, dotou ó iberismo dun enfoque progresista, federal e republicano. Coa vitoria do liberalismo, en xaneiro de 1820 en España e no mes de maio en Portugal, diminuíron as arelas de acada-la unión. Así e todo, diversas organizacións masónicas do liberalismo peninsular difundiron a idea do iberismo co obxectivo de estebeleceren sete repúblicas federadas. En España, a invasión francesa polo Cen mil fillos de San Luís, ó mesmo tempo da desaparición do Antigo Réxime e formación do Estado liberal, deu lugar á aparición de artigos a prol da unión ibérica en El Constitucional Español e n’O Campeão Português e a unha tentativa de unión ibérica a través da proposta de rexencia española a favor da esposa do rei luso João VI. A devandita idea tivo o seu momento álxido en agosto de 1826, cando os liberais exiliados en Xibraltar remitiron unha carta a don Pedro co desexo de unificaren as coroas española, portuguesa e brasileira baixo a dinastía dos Bragança, o que implicaba o desprazamento dos Borbóns. Na década de 1830 e 1840, os políticos liberais de España e Portugal Juan Álvarez Mendizábal e José Xavier Mouzinho da Silveira avalaron dita pretensión co nomeamento de Pedro IV de Portugal como rexente de España, co matrimonio do fillo deste con Isabel II, que non se materializou pola escasa idade do herdeiro e da nena, e coa proposta de Andrés Borrego de matrimonio de Isabel II con Francisco Asís de Borbón.
2. Evolución histórica
O ano 1848 contou con relevancia pola creación en París do Club Democrático Ibérico, iniciativa integrada polos españois e os portugueses exiliados, que foi o antecedente da Federación Republicana Peninsular e esta, á vez, da Federación Latina., entidades todas estas de raizame federalista e republicana carentes dunha entidade política firme ó reduciren os obxectivos á solución dinástica.
Un dos protagonistas das campañas iberistas en Portugal e España foi Sinibaldo de Más Sanz (1809-1868), autor da obra La Iberia. Memoria sobre la conveniencia de la Unión Pacífica y legal de Portugal y España (1851). Nela, propoñía un enlace dinástico entre a Casa dos Bragança e a dos Borbóns para logra-la unión ibérica.

Outros seguidores da federación ibérica foron Sixto Sáenz de la Cámara Echarri (1825-1859), Fernando Garrido Tortosa (1821-1883) e Francesc Pi i Margall (1824-1901). O primeiro n’A União Ibérica (1859), con prólogo de José María Latino Coelho, declarábase a favor da creación de senllas repúblicas en España e Portugal para despois efectuar unha confederación. O segundo, en Los Estados Unidos de Iberia (1881), criticaba a hexemonía inglesa en Portugal e avogaba polas ideas iberistas e pola formación dunha federación (Federación Ibérica ou Estados Unidos de Iberia) que estaría formada por dezaoito estados con afinidades de idioma, orixe, historia e xeografía. O terceiro, sen ter en conta as divisións territoriais dos Estados, defendía a federación autonomista e o pacto prodhoniano. Con estes trazos en España e Portugal articuláronse movementos románticos que procuraban a configuración do Estado-Nación ó abeiro do principio de latinidade, cuxa unión radicaba na unión de tódalas nacións da civilización greco-latina.
Coa reunificación de Italia e Alemaña e o desenvolvemento económico-social dos Estados Unidos de América avivouse a idea da federación ibérica. A esta altura Joaquim Teófilo Fernandes Braga alentou a idea para estruturar unha Federación Ibérica, coa división en autonomías e a inclusión de Portugal no ente xurídico-administrativo. A todo isto sumámoslle as tendencias iberistas da geração de 1852, na que os republicanos federais da Revista Lusitania e os monárquicos d’A Iberia se acusaron de utópicos. Tamén outras publicacións, como Restauración del Mediodía e A Península, defenderon o iberismo e diversos persoeiros aquén e alén da fronteira luso-española esforzáronse en crearen unha revista conxunta co resultado das cabeceiras El Frontero e Revista Ibérica. En 1856, Claudio Adriano da Costa publicou Memoria sobre Portugal e a Espanha, que supuxo outra achega máis ó iberismo baseada en sentimentos, en argumentos políticos e económicos e na formulación dinástica, consistente nun enlace das dúas dinastías.
En 1870, mentres en España se creaba unha asociación apolítica denominada Asociación Peninsular, que estaba formada por políticos de diversas tendencias e desvinculada da candidatura fernandina, en Portugal a geração do 70 (Amero de Quental, Eça de Queiroz, Guerra Junqueiro…) defendía a refundación social para unha patria nova. Posteriormente, esta xeración tivo como continuadora das súas ideas os Vencidos da Vida (António Cândido Ribeiro da Costa, Joaquim Pedro de Oliveira Martins, Luis de Soveral, Francisco Manuel de Melo Breyner, Carlos de Lima Mayer, Carlos Lobo de Ávila e António Maria Vasco de Mello Silva César e Menezes), partidaria da necesidade dunha reforma política e moral na a modernización de Portugal e da reflexión sobre o porvir dos pobos ibéricos no mundo.
A partir de 1871, as Conferências Democráticas do Casino Lisbonense consistiron nunha tentativa de europeización por parte das elites portuguesas. Oito anos despois, Oliveira Martins, na Historia da Civilização Ibérica, manexaba o termo España para aludir ó conxunto de pobos peninsulares co fío de unión do rexeitamento á consideración da historia portuguesa á marxe da peninsular. Na literatura, a desesperanza é a tónica dominante na península Ibérica, o que se constata na argumentación de Leopoldo Alás, Clarín (1852-1901), en La Regenta (1885); Benito Pérez Galdós (1843-1920), en Miau (1888), e José María Eça de Queiroz (1845-1900), n’Os Maias (1888).
A finais do século XIX, varios axentes republicanos, entre outros Manuel Curros Enríquez e José Zorrilla Moral, acusaron á monarquía da ruptura peninsular e propugnaron a república federal. Con todo, entre eles houbo diferentes posicionamentos:
- a liña pimargalliana, que postulaba a actualización do pacto da Coroa de Aragón, con base na antiga Hispania, e a inclusión de Portugal como un Estado máis;
- a postura favorábel ó equilibrio estatal, o que implicaba a división da península Ibérica en cantóns;
- o posicionamento que aunaba o criterio histórico e mailo político,
- a tendencia que recoñecía a independencia e a autonomía dos países ibéricos a través dunha confederación española.
Desafortunadamente, o proxecto iberista difuminouse pola inestabilidade interna de España, os escasos apoios en Portugal e as reaccións adversas de Francia e Inglaterra polos intereses nos Estados español e luso. A pesar disto, no ano 1890 Rafael María de Labra Cadrana (1840-1918) manifestou a arela da unión ibérica no Congreso dos Deputados.
Con anterioridade Francesc Pi i Margall defendera o Estado federal na obra Las Nacionalidades (1876). Outra achega a esta doutrina detectouse a finais do século XIX co iberismo cultural, fornecido co enfrontamento de Portugal co Reino Unido. Isto supuña a protección dos intereses das nacións pequenas perante as grandes potencias. Malia contar co apoio do rexionalismo e o nacionalismo, en calidade de formulacións da periferia fronte ó centralismo español, o iberismo perdeu forza. Unha das formulacións salientábeis foi a catalanista que, alentada por diferentes figuras (Joan Maragall i Cases, Enric Prat de la Riba i Sarrà, Ignasi Ribera i Rovira, Julio Navarro Monzó…), chegou a postula-lo espazo ibérico en tres áreas: no leste Catalunya, a zona valenciana e as Illes Balears, no centro Castela e no oeste Portugal e Galicia.

Entrado o século XX, contou con avances nalgunhas concepcións políticas e sociais de esquerda, entre elas a Primeira República Portuguesa e entidades como a Federación Anarquista Ibérica. Tamén se detectou oposición á puxanza da doutrina da man do conservador António Sardinha, que n’A Alianza Peninsular formulaba unha nova conceptualización, o hispanismo, definida pola separación política dos Estados, a proxección americana e o combate do latinismo francés e do panamericanismo americano. A boa acollida das ideas iberistas chegou ó seu termo coa clausura do Instituto António Sardinha por parte do goberno portugués ó acusalo de estar a favor da unión hispano-lusa. Deste modo, o iberismo considerouse como ferramenta da oposición, ata o punto de anarquistas españois e portugueses crearen a Federación Anarquista Ibérica.
Máis adiante, La Gaceta Literaria (Madrid), dirixida por Ernesto Giménez Caballero, prestou atención especial a Portugal con diferentes artigos, uns en portugués e outros en castelán, a prol do iberismo da autoría, entre outros, de Ramón Gómez de la Serna e Gonzalo de Reparaz. Por outra banda, Joaquín Sánchez de Toca Calvo (1852-1942), en Regionalismo, municipalismo y centralización (1907), aproximouse máis ó iberismo e á idea de formar unha área con Iberoamérica. Chegado a este punto da explicación cómpre deterse na opinión doutros políticos españois: Rafael Altamira Crevea (1866-1951) facíase eco da recepción do lusitanismo e do americanismo pola opinión española e, consecuentemente, declarábase a favor dunha campaña propagandística entre as elites portuguesas para achegar España e Portugal; Álvaro de Figueroa Torres (1863-1950), 1º conde de Romanones, limitábase a conformar un zollverein peninsular, e Salvador de Madariaga Rojo (1886-1978) manifestouse a prol do iberismo, influído polo catalanismo, e dunha España integrada por Portugal, Castela e Catalunya.
En Galicia, o galeguismo concibiu a relación con Portugal dende un prisma iberista. Por unha banda, o federalismo formulou pactos peninsulares. Un deles, o «Proyecto de Federación Galaico-Astur-Lusitano-Leonesa», publicouse o 20 de xuño de 1869 en La Democracia Republicana. Nel, J. Alonso Manjón apelaba á identidade étnica e histórica dos reseñados pobos. Outro, «Proyecto de Constitución para el futuro Estado Gallego», redactouse en 1883 e catro anos despois aprobouse pola Asemblea Federal de Territorio, reunida na cidade de Lugo.

Se nos retrotraemos ó pasado, a primeira referencia galega ó iberismo procede do artigo «El Porvenir del dialecto gallego», aparecido en 1879 en La Ilustración Gallega y Asturiana, de Xoán Sieiro González. Mais quen lle deu corpo foi Eduardo Pondal cos poemas «Boandanza, saúde», «Non cantes tan tristemente» e «A voluntade homérica», pertencentes ó volume Queixumes dos pinos (1886). Tamén Leandro de Saralegui Medina, nos seus Estudios sobre Galicia, abordou “o renacemento do vello espírito rexional do antigo Reino” para achega-los dous Estados peninsulares e, deste xeito, sosegar ós adversarios do rexionalismo. Análogo posicionamento mantivo Manuel Murguía, en El regionalismo gallego (1889), ó utiliza-la unión con Portugal como argumento dialéctico contra o centralismo estatal, o que representaba unha réplica ós ataques de Gaspar Núñez de Arce, Antonio Sánchez Moguel ou Juan Valera Alcalá-Galiano. Este último eliminaba Galicia do panorama cultural da península Ibérica coa identificación literaria e cultural desta con Portugal. A propósito disto último, o propio Murguía ía un paso máis alá coa afirmación “No puede negar nadie que tenemos [refírese ós galegos] un sentimiento poético propio y distinto del de la raza ibérica” (Diccionario de escritores gallegos, 1862).



Na I Asemblea Nazonalista de Lugo, efectuada os días 17 e 18 de novembro de 1918, os membros das Irmandades da Fala incluían como factor do seu pensamento o papel de Galicia na construción de Iberia. Pouco antes, Xoán Vicente Viqueira explicitara unha posición continuísta na conferencia «Nosos problemas educativos», pronunciada na Irmandade da Fala da Cruña no mes de marzo de 1918. Sen saírmos deste ano, A Nosa Terra sacou do prelo o libro cabeceira do nacionalismo galego de Vicente Risco, Teoría do nacionalismo galego. Nel, a comuñón espiritual cobra coa encomenda ó occidente ibérico de se opoñer ó mediterranismo mediante o atlantismo, conxugada co romanticismo e o celtismo.

Pola súa banda, o artigo «Resurximento das Hespañas» (Galicia, 1924), de Antonio Losada Diéguez, emprega o termo hispanismo no canto de iberismo. En 1944, no Sempre en Galiza, Alfonso Daniel Castelao retomou o “perigo portugués” ó aseverar que os galeguistas non pretendían separarse de España para se unir a Portugal, senón que se opoñían ó sometemento de Galicia á tiranía centralista e á correspondente desaparición desta pola asimilación castelá. Para acadar tal obxectivo reclamaba autonomía para Galicia dentro de España e ofrecía axuda para construír Hespaña, trasunto de Iberia.

BIBLIOGRAFÍA
Barros Diaz, José Manuel de (2009), «Da Questão Ibérica à União Europeia. Constantes e Mutações no Relacionamento entre Espanha e Portugal», Revista Militar, 15 de junho de 2009.
Fortes, Belén (2000), Manuel Murguía e a cultura galega, Santiago de Compostela: Sotelo Blanco Edicións.
Huguet, Montserrat (2007), «El Iberismo: un proyecto de espacio público peninsular», Alcores, n.º 4, páxs. 243-275.
S. Harrington, Thomas (2001), «Risco y Portugal: contactos anteriores a la época de Teoría do nacionalismo galego y la Revista Nós», Revista de Lenguas y Literaturas Catalana, Gallega y Vasca, n.º 7, páxs. 247-262.
Rocamora Rocamora, José Antonio (1989), «Un nacionalismo fracasado: el iberismo», Espacio, Tiempo y Forma, Universidade de Educación a Distancia, n.º 2, páxs. 29-56.

