«Basilio Álvarez, o orador da axitación labrega»

Colaboración acerca dunha das figuras galegas máis relevantes do agrarismo e da oratoria.

Fonte: retrato rexistrado nas páxinas de Vida Gallega o 20 de xaneiro de 1934.

1. Un percorrido pola vida

Naceu en Ourense o 10 de agosto de 1877. Os pais del, José Álvarez e Josefa Rodríguez, eran de condición humilde. Recibiu o Bacharelato no Instituto de Ourense, onde contou co maxisterio de Marcelo Macías. Despois realizou a carreira de Teoloxía no Seminario Conciliar de San Fernando. Alí, grazas á condición de bacharel e á realización dun exame de incorporación, evitou cursar catro anos de Humanidades e tres de Filosofía.

O primeiro contacto co xornalismo detectámolo nas colaboracións no diario católico conservador La Nueva Época. Durante o intervalo 1897-1899 interrompeu a formación académica no seminario para face-lo servizo militar no cuartel de Afonso XII da Coruña. Alí experimentará as calamidades da guerra de Cuba a través dos soldados reembarcados.

No inicio da publicación ourensá La Galerna, Basilio dirixiuna baixo o pseudónimo Silvio Alba Reza. Tralo cumprimento das obrigas militares, iniciou o vieiro pastoral en parroquias rurais, entre elas Parada de Labiote (O Irixo), e continuouno no Círculo Católico de Obreiros. Á par colaborou no diario El Eco de Orense, creado e dirixido por Valentín Lamas Carvajal. Baixo a influencia deste persoeiro aprendeu a manexa-las ferramentas xornalística e pastoral.

En torno a 1902, a circular da Audiencia da Coruña, consistente en non axudar á Igrexa para as cargas económicas e en negarse a paga-los dereitos parroquiais, respondeuna cun convite ó campesiñado refutando o contido e a legalidade por se aboler mediante Real decreto. En xuño dese ano, obtivo un accésit nun certame literario de Ourense por un traballo concernente ós prados artificiais en Galicia. Nese ano ata 1930, Basilio colaborou de forma frecuente na publicación habaneira Galicia.

O 31 de xaneiro de 1906 efectuou a súa primeira intervención no Ateneo de Madrid e andado o tempo figurou como socio, nomeadamente nos anos 1923, 1930 e 1935. A Sección de Ciencias Históricas deste ente organizou un debate sobre Origen y desenvolvimiento del socialismo católico. Nel, participou Emilio Corrales (vicesecretario do Partido Socialista Obreiro Español e redactor de El Socialista) e o propio Basilio.

No ano 1907, trasladárono a Madrid, grazas á amizade de Javier Fales Faílde, Alí ocupará o cargo de capelán da Casa do Marqués de Urquijo. Un ano despois, dirixiu a revista Galicia (Madrid) e ingresou como bibliotecario na xunta directiva do Centro Galego de Madrid. En 1909, posicionouse a prol dos dereitos do pobo, a raíz da masacre de Oseira, e cofundou Acción Gallega.

En 1910, os comicios electorais servíronlle para esgrimi-la retórica a favor de Alfredo Vicenti en Becerreá e Manuel Portela Valladares na Fonsagrada. Sen saírmos deste ano, o ourensán asistiu á II Asemblea Agraria de Monforte de Lemos, ocupou a secretaría da Liga Agrario-Redencionista Gallega e apoiou a campaña anticaciquil de Viana do Bolo. Entre 1910 e 1914, Basilio liderou a Liga de Acción Gallega. Tamén cómpre subliñar que Basilio mantivo colaboración política con José Canalejas ata novembro de 1912, momento do seu asasinato.

En 1912, pasou ó equipo editorial de Galicia logo da renuncia á dirección. Nese ano, marchou de Madrid e trasladouse a Ourense, concretamente na parroquia de Santa Baia de Beiro. O 25 de agosto deste ano foi un dos asinantes do manifesto de Acción Gallega1.

O 11 de setembro de 1912, no marco da IV Asemblea Agraria de Ribadavia, baixo a presidencia de Emilio Arias Gómez, ofreceu a súa primeira arenga diante de catro mil campesiños e no Val Miñor brindou outra diante dez mil labregos. As dádivas dirixíaas, a grandes liñas, contra o caciquismo e o foro.

Por volta de 1913, viaxou a Cuba co obxecto de visita-los emigrantes galegos, impartir relatorios e facer propaganda da súa campaña. Alí descubriu dous poetas que simpatizaron coa súa campaña, Antonio Noriega Varela e Ramón Cabanillas, quen efectuou o himno de Acción Gallega. Tamén visitou as localidades Yumurí e Matanzas.

Unha vez finalizada a campaña na illa caribeña, tras unha escala en Estados Unidos e a visita a varios países (Londres, París e Rotterdam), o retorno a Galicia acompañouse dos ataques á súa persoa e ó seu labor. A finais de 1913, houbo un achegamento conxuntural ó movemento obreiro en Ourense.

Co ano 1914 agravouse a situación de Basilio a través da retirada das licenzas ministeriais por parte do bispo Eustaquio Ilundain, a causa da negativa de Basilio de abandona-la súa loita. Trala reacción da feligresía e a posterior calma, acatou a decisión do prelado, mais non abandonou a idea de libera-lo pobo galego oprimido.

Coa chegada do ano 1915 visitou Arxentina. Alí efectuou discursos contundentes, xestos de simpatía e indicación de iniciativas. Un exemplo témolo no discurso pronunciado o 25 de xullo, no que glosa as glorias de España con especial énfase na achega galega. Por certo, tempo despois da súa marcha agromou a constitución dun Comité Agrario Galego en Bos Aires.

De retorno a España licenciouse en Dereito en dúas convocatorias por libre na Universidad de Murcia e na Universidad Autónoma de Madrid. Por estes anos salientou o eido xornalístico por ser cofundador do xornal El Parlamentario e fundador de La Zarpa2. Outro dato relevante foi a residencia do Centro de Galicia, froito da fusión do Centro Galego e da Casa de Galicia. O 31 de decembro de 1921, no n.º 154 (31-XII-1921) co artigo «Poutazos» pon o acento no anticaciquismo. En xullo de 1922, ocupou a presidencia do Congreso rexional agrario de Tui3.

Dentro da biografía de Basilio ocupan un lugar senlleiro dúas penas de cadea, unha en xullo de 1922 na prisión de Vigo por un escrito contra o alcalde liberal Ricardo Senra e outra en novembro dese ano en Ourense pola campaña no seu diario contraria á visita de Gabino Bugallal á cidade. A estes epìsodios sumámoslles demandas por delitos de prensa.

Dende o 27 de xaneiro de 1923 ata o 31 de xaneiro deste ano visitou Barcelona. Neste período afortalou a relación con Lluís Companys e coa Uniò de Rabassaires. No ano 1926 o bispo Cerviño absolveuno da suspensión de misa e o arcebispo de Madrid, Leopoldo Eijo Garay, proporcionoullle permiso de residencia na arquidiocese de Madrid. Dous anos despois, nomeárono fillo predilecto de Ourense. Naquela altura, realizou varios intentos para formar parte dunha formación política de centro de ámbito estatal.

A chegada da Ditadura de Primo de Rivera implicou a asunción de posicións moderadas. Durante este período residiu en Madrid e visitou Galicia nas vacacións. Entre 1927 e 1930, momento da creación das seccións especiais para as linguas vasca, galega e catalá, Basilio ingresou na Real Academia Española.

En 1928, ingresou no Partido Radical e estreouse como avogado para defender un empregado do xornal La Zarpa. Ó ano seguinte, no mes de agosto, constituíuse a Confederación de Agricultores del Norte de España, baixo a presidencia de Basilio Álvarez. O 25 de setembro de 1930 Basilio participou no Pacto de Barrantes e neste decenio ingresou no Partido Republicano Federal.

No ano 1931, ocupou a acta de deputado de Ourense nas Cortes Constituíntes. Nelas, manifesta un autonomismo apaixonado, mais amosa afastamento do seu partido mediante unha oposición á política secularizadora, ó estabelecemento da escola laica e á expulsión dos xesuítas. Outro dato relevante foi o entusiasmo de Basilio acerca da República, dado que consideraba a monarquía a cabeza do caciquismo e causante da ruína do campesiño. Ó ano seguinte, manifestouse a favor da autonomía.

En 1933, renovou a acta de deputado e ocupou o cargo de vogal do Tribunal de garantías constitucionais. A diverxencia co Partido Radical pola proximidade á Confederación Española de Dereitas Autónomas cobrou corpo na renuncia á acta e á vogalía. Ó ano seguinte, La Zarpa rematou as boas relacións co galeguismo a causa dos ataques a Basilio Álvarez e ós membros do Partido Radical Republicano.

Co estalido da Guerra Civil Española decidiu non intervir en ningún dos bandos, o que motivou a emigración a Cuba en 1937. A parte final da súa vida, sumido na soidade e na pobreza, transcorrreu en Florida (Estados Unidos de América). Finalmente, faleceu no hospital de Tampa o 16 de novembro de 1943. En poucas palabras, o “león”, tal e como o denominaba a multitude, só se rendeu ante a morte.

2. Algunhas anotacións acerca do ideario basiliano: o problema foral e a loita contra o caciquismo e a emigración

As razóns da loita antiforal non son o afán de ánimo de lucro, o egoísmo e o lucro persoal, senón tres deberes: humanidade, patriotismo e ministerio sacerdotal. No discurso da IV Asemblea Agraria de Ribadavia apela á pobreza e mesmo obriga a renunciar a “pecuniarias concupiscencias”.

En calidade de escravizador de terras e homes, o foro suscita en Basilio unha reacción brusca de indignación e protesta. Boa proba disto témolo no discurso de Avelino en Entrimo:

Golpead de firme el terreno que vuestro sudor fecundiza, y en la canturria del pedernal que el instrumento de cultivo provoca, advertiréis del sonajero de vuestras cadenas.

El agro gime bajo la tortura del foro… ¡Esclavitud! Grita la tierra doliente que sangra. ¡Esclavitud!, rugen encrespadas vuestras almas coloridas; pero, ahora un viento de libertad, fuerte como vuestro dolor e inmenso como vuestras desdichas abrió un boquete en el torreoón maldito! Paso a la santa redención, hermanos, hermanos! Que ese vendaval siga agitando vuestros espíritus.

O raizame do caciquismo radica no centralismo dos Reis Católicos e agrávase coa privación do voto nas Cortes Xerais a Galicia en 1476 e a implantación dunha administración foránea. Coas Casas de Austria e Borbón non se devolveron os dereitos conculcados e remedia-lo esquecemento de Galicia. A España borbónica caracterízase polo personaxe caciquil e o caciquismo como institución que xorde no poder central e chega ata o municipio. intencionado sobre o Reino de Galicia. A propósito do cacique, Basilio dirixe as diatribas por consideralo unha calamidade no eido rural ó subordinar a este a administración e a xustiza. Ata tal punto chega o rexeitamento del que ó final do mitin do Val Miñor profire este berro: “Viva Galicia redimida! Abaixo os tiranos! Morran os caciques!

O devandito control político, social e económico cobrou corpo cos ministros do Goberno de España. Entre eles houbo moitos representantes galegos que non se preocuparon pola súa terra. Basilio considéraos como peores inimigos do pobo galego con estas palabras:

Después de los caciques, los enemigos más terribles del pueblo gallego son los hijos de la región que llegan a ministros. Cada gallego que alcanza una cartera es una calamidad para el país. Ninguno hace política gallega; y si en Cataluña tuvieron que trabajar tanto para llegar al triunfo de la solidaridad, y no tenían más que un exministro, y éste regionalista precisamente, calcule usted cuál no tiene que ser nuestro batallador contando con 19 exministros, y sin que ninguno sienta fervores regionales.

Basilio bosquexa a silueta caciquil e denúnciaa:

¡Combatir el caciquismo! Casi no tuve otro afán en mis días de agitación por nuestra tierra idolatrada. El caciquismo era para nostros una plaga y más que podía haber dejado pueblos libres de su contagio, el caciquismo era una maldición que había caído sobre nuestras ciudades y nuestras aldeas.4

Tamén repara na emigración mediante a análise de dúas causas: o mal goberno político de Galicia e maila división administrativa coa Deputación e o municipio.

Todo está en crisis… En crisis el sufrido pueblo que en vez de mostrar sus puños amenzadores abandona su tierra querida lenta y tristemente para llorar en la emigración una orfandad prematura5.

3. Oratoria

3.1. Libros

Fonte: foto rexistrada o 27 de xuño de 1912 en Nuevo Mundo.
  • El cura rural (Ourense, A. Otero, 1904): trátase dun libro de combate, cun total de vinte e dúas páxinas, no que ataca os republicanos de Vigo e protexe o colectivo clerical. Chama a atención a intercesión na polémica sobre o pagamento das oblatas (pago de certas cantidades polos fieis para os gastos do viño, hostias, cera e outros produtos necesarios para a realización da misa) .
  • Por los agros celtas (Madrid, Tipografía Moderna, 1907): colección de contos que figura como primeiro volume da Biblioteca Galicia. Consta de noventa páxinas ilustradas por Prudencio Canitrot. Leva un limiar no que evidencia non rompe-los vínculos con Galicia. Baixo a influencia do celtismo, os relatos empregan diferentes nocións costumistas, como a morriña en «Alma gallega», a comprensión acerca dos costumes e das tradicións campesiñas en «Centella» e o enxalzamento das virtudes das mulleres aldeás en «Rosalía».
  • Hablando con santos. Ensayo de novela para niños (Madrid, 1909), con ilustracións de Felipe Bello Piñeiro. Presenta un enfoque didáctico e moralizante.
  • Desde mi campo. El libro del periodista (Madrid, Imprenta Juan Pueyo, 1912) cun estilo contundente e moi persoal. A idea deste libro xurdiu dun encargo persoal de Vales Faílde. Estamos ante un manual para xornalistas composto por corenta e cinco capítulos breves relativos a cada sección do xornal.
  • Abriendo el surco (A Habana, Ricardo Veloso, 1913): síntese dos discursos da súa campaña agraria.
  • Dos años de agitación política (Alcalá de Henares, Imprenta de la Escuela de Reforma, 1933).
  • España en crisol (Bos Aires, Claridad, 1937): recompilación de artigos escritos con paixón coa adopción do bando republicano cunha información nesgada e incompleta. Procura salva-la honra do goberno e dos partidos por non ampara-los fusilamentos e o asalto á Modelo e por perseguiren os responsábeis destes actos.

3.2. Discursos

Entre as numerosas disertacións escolmamos estas:

Fonte: caricatura realizada por Afonso Daniel Castelao, extraída da colección do Museo de Pontevedra.
  • Discurso da campaña de Acción Gallega no mitin de Ribadavia (1 de setembro de 1912) cun ataque ós representantes galegos nas Cortes Xerais por non facerse eco dos atrancos dos seus electores.
  • Alocución da campaña de Acción Gallega no mitin do Carballiño (o de setembro de 1912).
  • Disertación da campaña de Acción Gallega no mitin do Val Miñor (22 de setembro de 1912) na Ramallosa.
  • A campaña de Acción Gallega contou con outros discursos de Basilio en Vilagarcía de Arousa, recollido o 30 de setembro de 1912 no Heraldo de Vigo; Maceda, e A Estrada.
  • Disertación na IV Asemblea Agraria de Ribadavia (novembro de 1912). Nel, lembrará dúas asociacións de notoria influencia, Solidaridad Gallega e Directorio de Teis.
  • Discursos nos mitins de Oca (A Estrada), Leiro e Lalín (setembro de 1913).
  • Disertación en Portonovo (outubro de 1913).
  • Alocución na V Asemblea Agraria de Ribadavia (novembro de 1913), no que puxo o foco de atención na moderación das xuntanzas.
  • Discurso en Entrimo (17 de decembro de 1913, Ourense).
  • Alocución en Padrenda (decembro de 1913), no que ataca a campaña que estaba a experimentar.
  • Discurso no mitin de Ventosela (xaneiro de 1914).
  • Alocución no mitin pronunciado no teatro Principal de Santiago de Compostela (febreiro de 1914).
  • Palestra en Lisboa dirixida ó colectivo galego acerca do movemento agrario (en torno ós meses de novembro e decembro de 1914).
  • Discurso no mitin de Barbadás (maio de 1914).
  • Conferencia no Ateneo de Barcelona (xaneiro de 1923), na que destaca as semellanzas entre as loitas da Uniò de Rabassaires e dos foreiros galegos.
  • Conferencia «El problema agrario en Galicia» no Ateneo de Madrid (2 de decembro de 1924).
  • Disertación no mitin na Casa do Pobo de Betanzos (outubro de 1923).
  • Discurso no mitin en Negreira (xuño de 1930).

Como colofón transcribimos algúns treitos dos escritos do cura de Beiro:

¡Los traidores me inspiran una lástima profunda! ¡Son unos desdichados que no pueden paladear ese placer inapreciable de haber tenido fé en algo.

El caciquismo es un árbol. No es un rama. Por eso tocamos el violón si no le damos golpes de hacha en su raíz. ¡Agrarios, el tronco está en Madrid!

Los mismos caciques que embarcaron a nuestros hermanos a Cuba y Filipinas para que queadaran allí sepultados, son los que hoy esgrimen otros trabucos naranjeros. A penas hay casa gallega donde la orfandad no cuelgue crespones negros. Y no preguntéis el porqué.

¡El dolor de la gente labriega viene más por derecho a nuestro corazón, porque cuando los labradores sufren parece que toda la tierra gime!

Las ideas para los conservadores son como los pájaros para los niños. Les distraen un momento, pero enseguida los estrangulan.

Los gallegos tenemos tan vivo el sentimiento del Derecho, que pleiteamos poor todo. ¡Hasta pleiteamos por no pleitear!

Esos políticos ladrones sólo tienen maravillosamente organizada una cosa, ¡la injusticia!

¡El boicot es sólo una modalidad necesaria a nuestra táctica, pero como cosa despótica, nunca será una doctrina fundamental del agrarismo!

Los politicastros de todas layas tenían para el pueblo un desprecio soberano, y llenaban sus enfáticas tonterías de ridícula solemnidad.

Ese desvío, ese desprecio con que en Madrid los políticos y especialmente los políticos naturales de Galicia, tratan las cuestiones, los problemas de índole regional es verdaderamente bochornoso.

Ellos, los caciques corren desalmados por el campo de la violencia, y de la ilegalidad, llevando al brazo el arcabuz, y querían que nosotros estuviésemos agrazapados en sus matorrales, esperando tranquilos sus trabucazos.

  1. Outros foron Eugenio López Aydillo, Manuel Lustres Rivas, Javier Montero Mejuto, José Rodríguez Pavón e Ramón Fernández Mato. Contaba cun manifesto a prol da redención de foros e da eliminación do caciquismo, así como fomenta-lo turismo e traballar para lograr comunicacións doadas e rápidas entre Galicia e o resto do mundo. ↩︎
  2. Esta cabeceira viu a luz o 27 de xullo de 1921 en calidade de “Órgano oficial de la Federación Provincial Agraria”. Foi un diario de combate para defende-las ideas e as organizacións do creador cun estilo áxil e directo que abordaba as polémicas e os temas complicados. Pensemos, por exemplo, na inxustiza do servizo militar polo matiz clasista, coa correspondente petición para se realizar cerca das zonas de orixe para axudar ás familias nas tarefas do campo, e no tratamento da muller labradora galega, que se posicionaba no eido político e participaba nas reivindicacións agraristas. ↩︎
  3. Nel, chegouse a este acordos: non pagamento dos consumos naqueles sitios nos que se repartisen de forma irregular, a substitución destes por un imposto único, declaración de solidariedade co movemento obreiro, a esixencia do final da Guerra de Marrocos, a declaración de La Zarpa como voceiro oficial da Confederación Regional de Agricultores Gallegos e a liberación dos prisioneiros políticos e sociais. ↩︎
  4. Álvarez, Basilio (1933), Dos años de agitación política, páx. 344. ↩︎
  5. Álvarez, Basilio (1912), Manifiesto de la Liga Acción Gallega. ↩︎

BIBLIOGRAFÍA

Cabo Villaverde, Miguel (1998), O agrarismo, Vigo: A Nosa Terra, col. Historia de Galicia.

Cabo Villaverde, Miguel (2013), «Acción Gallega: populismo agrario y cambio político en la Galicia de la restauración», 1912-1915, Segle XX. Revista catalana d’historia, n.º 6, páxs. 113-131.

Cabo Villaverde, Miguel (2023), «Ese vento que vai sóbor da terra. A vida desmedida de Basilio Álvarez», Ourense: Deputación Provincial de Ourense.

Fernandez Muiños, José (1977), Basilio Álvarez. Acción pastoral-social, Madrid: Universidad Pontificial de Comillas, Facultad de Teología, tese de licenciatura (inédita).

Tezanos Gandarillas, Marisa (1997), «Basilio Álvarez: “Una sótana casi rebelde”», Espacio, Tiempo y Forma, serie V, tomo 10, páxs. 151-177.

HEMEROTECA DIXITAL

Real Academia de la Historia. Historia hispánica

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio