Algúns datos sobre unha figura peculiar da cultura galega.

1. Quen foi?
Juan María de la Coba Gómez naceu o 30 de marzo de 1813 en Ourense. Era fillo de Narciso da Coba, natural de Tamallancos, e Xosefa Gómez, oriúnda de Ourense. Traballaba como perito en agrimensura. Morreu á unha da tarde do 9 de novembro de 1899 na casa número 11 da rúa Pedreira de Ourense.
2. Que fixo?
- Xornalismo

Segundo a información proporcionada por Roberto Aneiros García e María del Pilar Núñez Sánchez (febreiro de 2016, Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense), El Gracioso levaba o subtítulo “Periódico moral, literario y recreativo, en prosa y verso”. O seu propietario, director, redactor, impresor, distribuidor e único lector era Xan da Coba. Contaba con dúas follas, nun total de catro páxinas, sen orde nin sentido interno. Trátase dunha publicación miscelánea que incluía novas locais e xornalísticas, algún poema, ás veces de contido relixioso, e os textos literarios El Trampitán e Una permuta total.
- Poesía
Foi autor do libro Poesías, obra de Juan de la Coba Gómez (1877), con textos como «A Virxe do Cristal», «O gaiteiro» e «A vendima no Ribeiro». Neles, detectamos sinxeleza expresiva e atrancos para articula-las rimas.
- Teatro
Escribiu pezas, con diferentes subtítulos, co obxectivo de o facer de xeito sinxelo. Entre elas contamos con Guerra en Melilla (1888), desfile de soldados e cantineiras rumbo a África; Una permuta fatal (1889), suplantación dun reo de morte por un infeliz a cambio do pagamento de tres millóns á familia deste último, e Juanita y Juan (1890). Tamén se lle deben outras obras, como Cervantes (1894), La Trampitana (1895) e El conde y marqués (1896), versión rexistrábel na literatura universal do amante disfrazado. A estas hai que lles sumar vinte e cinco obras inéditas do escritor, localizábeis no Arquivo Histórico Nacional de Madrid (sección de Expedientes de censura).
- Narrativa
Débenselle outras dúas obras de tipo didascálico para instruí-lo ser humano contra o mal. Unha, Grandes consejos (1876), contén unha suave trama novelesca. Outra, Desengaños, obra moral y en verso contra el crimen (1880), plasma unha sátira.
- Inventor
En palabras de Xosé Filgueira Valverde, Xan creou unha ferramenta de comunicación poética persoal para lle proporcionar musicalidade ós versos del. Así e todo, cómpre recordar que Xan consideraba que era unha linguaxe.
Outros dous inventos foron o pirandárgallo e o paraugas universal. O primeiro definíase como un globo coa capacidade de se suspender no aire sen se mover do lugar. Deste xeito, Xan viaxaba polo mundo grazas ó movemento de rotación terrestre. Pola súa parte, o segundo consistía nun paraugas xigante que se colocaba no Polo Norte e cubría o hemisferio.
3. Coda
A repercusión da figura de Xan da Coba percíbese na obra de Gonzalo Torrente Ballester La suga/fuga de J.B. en dous aspectos: a linguaxe manexada polo personaxe de José Bastida e o papel cómico de Bastida e do ourensán, este último pertencente a unha época de grandes figuras intelectuais galegas e do Rexurdimento.
BIBLIOGRAFÍA
Casares, Carlos (2000), Biografía de Don Juan de la Coba, Vigo: Galaxia, col. Os minilibros de Galaxia.
Cuba López, Soledad, e Pérez Álvarez, David (2022), «Mito y poesía en La suga/fuga de J.B.», Boletín de la Biblioteca de Menéndez Pelayo, n.º 98, páxs. 77-95.
Filgueira Valverde, Xosé (1998), Don Xan da Coba, un poeta co seu tema, Vigo: Galaxia.

