Proporciónase información, tanto biográfica coma literaria, de Manuel Núñez González.

1. Vida
Manuel Núñez González naceu o 5 de agosto de 1865 en Vilardevós. Alí pasou a nenez e na mocidade marchou a Ourense para realiza-lo Bacharelato no Instituto Provincial, onde recibiu o maxisterio de Marcelo Macías. Este profesor achou nel a veta lírica.
Na Universidade de Santiago de Compostela realizou a carreira de Dereito. Por esa época militou no Partido Liberal de Eugenio Montero Ríos, con quen compartiu amizade. En 1892, obtivo o primeiro premio no Certame Científico-Literario de Pontevedra co traballo «La Poesía Popular Gallega». Tempo despois viaxou por Europa. Nun dos lugares visitados, Köln,
Despois aprobou a oposición a rexistrador da propiedade. O primeiro destino foi Almunia de Doña Godina (Zaragoza) e o segundo, Vilalba. A continuación, abandonou a profesión e ingresou como novizo na Compañía de Xesús (Loyola). A causa dunha enfermidade, deixou o camiño relixioso e retornou a Verín. Neste lugar voltou exercer de avogado e rexistrador de propiedade.
Trala designación como membro numerario na Real Academia Galega, o falecemento o 14 de febreiro de 1917 en Vilardevós impediulle le-lo discurso de ingreso, «La Compañía Familiar Gallega», no que mostra unha clara impronta xurista.
2. Obra
2.1. Poesía
En lingua galega escribiu estas composicións:
- «¡Non era milagre!», aparecida no parrafeo 100 (18-X-1885) n’O tío Marcos d’a Portela, na que desenvolve unha idelización do encontro dos namorados e, asemade, defende o amor puro.
- «Ó tío Márcos d’a Portela», dada a coñecer no parrafeo 103 (8-XI-1885) n’O tío Marcos d’a Portela, carta poética con humor.
- «Alegrías e tristuras», que viu a luz no parrafeo 108 (13-XII-1885) d’O tío Marcos d’a Portela, vencella o amor del co dinámica da natureza.
- «Lenda», detectábel no parrafeo 109 (20-XII-1885) d’O tío Marcos d’a Portela, na que dialogan dous cazadores co obxecto de explica-lo foro.
- «¡Españoles, ás Carolinas!», recollida no parrafeo 136 (11-VII-1886) d’O tío Marcos d’a Portela.
- «Contrastes d’a vida», no parrafeo 145 (12-IX-1886) d’O tío Marcos d’a Portela, en que a tristura dun mozo choca coa ledicia da festa do entorno.
- «Aurora d’un puro amor», presente no parrafeo 152 (31-X-1886) d’O tío Marcos d’a Portela.
- «Ingratitú», detectábel no parrafeo 160 (26-XII-1886) d’O tío Marcos d’a Portela.
- «Fantasía», dada a coñecer no parrafeo 166 (6-II-1887) d’O tío Marcos d’a Portela.
- «Un viaxe pol-a provincia d’Ourense», no parrafeo 188 (10-VII-1887) d’O tío Marcos d’a Portela.
- «Alborada», que saíu á luz no parrafeo 220 (18-III-1888) d’O tío Marcos d’a Portela.
- «¡Desengano!», presente no parrafeo 223 (8-IV-1888) d’O tío Marcos d’a Portela.
- «Becquerianas», comprendida no parrafeo 227 (6-V-1888) d’O tío Marcos d’a Portela. Denuncia a situación de Galicia marcada pola miseria, a fame e a emigración.
- «A Monterrey», contida no parrafeo 237 (15-VII-1888) d’O tío Marcos d’a Portela.
- «Os amores d’a terriña», incluída nos parrafeos 246 (16-IX-1888), 247 (30-IX-1888) e 248 (7-X-1888) d’O tío Marcos d’a Portela. Trátase dunha lenda mourisca que conta o amor entre Nilda e Gúndaro.
- «Celaxes», publicada no parrafeo 259 (6-I-1889) d’O tío Marcos d’a Portela co pseudónimo Ma-Nu-Gón. O poeta desenvolve a fuxida dun namoramento.
- «Misturanzas», aparecida no parrafeo 299 (3-XI-1889) d’O tío Marcos d’a Portela.
- «Soedades», presente no n.º 41 (12-VII-1890) d’A Monteira.
- «A Galicia», localizábel no n.º 51 (19-IX-1890) d’A Monteira.
- «Rosalía», rexistrada no n.º 5 (1891) de La Patria Gallega.
- O único poemario, Salayos (Versos gallegos), veu a lume en 1895 na Imprenta de Enrique Fernández de Rojas. A temática componse da melancolía, a denuncia social e o enxalzamento da terra. O volume leva a dedicatoria á nai del e un prólogo cun enxalzamento de Galicia. Tras estes dous paratextos, a primeira poesía, «A namorada cautiva», desenvolve unha lenda publicada de forma fragmentaria n’O tío Marcos d’a Portela coa denominación «Amores d’a terriña». Conta con poemas dados a coñecer con anterioridade n’O tío Marcos d’a Portela, entre eles «Desengaño», «Amor platónico» e «Á Monterrey»; n’A Monteira, con «Á Galicia», «Bequerianas gallegas» e «Soedades», e en La Patria Gallega, con «Á Rosalía».
Pola súa parte, a lingua castelá patentízase na obra Efusivas (1908), na que recompila os poemas galardoados en varios certames literarios, e no Manojo de iniquidades o un feudal del siglo XIX, dada a coñecer de forma anónima en Portugal. Trátase dun folleto acedo a un político de Verín con manexo notorio da dialéctica.
2.2. Narrativa
Escribiu só un conto, «O muiño d’os tios Mariquiñas», que saíu á luz no parrafeo 112 (24-I-1886) d’O tío Marcos d’a Portela. Este texto literario desenvolve o encontro do protagonista cunha xa, pantasma.
BIBLIOGRAFÍA
Moreno del Castillo, José Enrique (2017), «Centenario de Manuel Núñez González», La Región (Ourense), “Crónica” [Consultado o 30 de agosto de 2025 en https://www.laregion.es/comarca-de-monterrei/centenario-manuel-nunez-gonzalez_1_20170213-2891375.html].
Rodrigues Esteves, Amelia, e Alonso Girgado, Luis, eds. (1998), Salayos e outros poemas, Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, col. Láncara de Poesía.

