«Fuco G. Gómez ó servizo da independencia galega»

Abordaxe sucinta dunha figura controvertida nos eidos político e social, Fuco Gómez.

Fonte: Vida Gallega, 20-VI-1935, páx. 15.

O nazonalismo soyo aspira á fraternidade da Cáste Celtíbera, a unha Galiza próispera e fecunda, que sexa dona dos seus destiños e qu’istes sexan rexidos por ela.

Fuco Gómez, Terra Gallega, n.º 1 (novembro de 1921).

1. Roteiro pola vida

Naceu o 9 de xullo de 1895 en Ouselle (Becerreá, Lugo). Marchou de polisón nun barco con destino a Cuba. No primeiro decenio do século XX participou nas actividades da colectividade galega. A seguir, colaborou nas publicacións da diáspora Galicia, Heraldo de Galicia e Eco de Galicia.

Só recibiu formación académica no Plantel de Concepción Arenal do Centro Galego da Habana. A unha idade moza presidiu a Sociedad de Instrucción de Becerreá y su Contorno. Participou de forma directa na articulación dos primeiros grupos nacionalistas agromados en Cuba. Un deles foi a Xuntanza Nazonalista Galega d’Habana1, con Andrés Orjales (conselleiro primeiro) e Fuco Gómez (viceconselleiro). Ó cabo dun ano, esta asociación impulsou Terra Gallega, baixo a dirección e administración de Gómez.

Sen saírmos de 1921, Fuco creou o Comité Revoluzonario Arredista Galego2 e nas súas arengas emprazaba a constituír Comités Arredistas Galegos3 naqueles estados con emigración. Para a consecución dun Estado galego consideraba necesario vence-la Ditadura de Primo de Rivera e a monarquía.

  1. Dispoñemos de datos dispares acerca da súa existencia. Por unha banda, Emilio Xosé Ínsua sinala a aparición en abril de 1920 cos seguintes membros: Fuco G. Gómez, Xosé Arias Porteiro, Camilo Díaz Seoane, Aurelio Salas, Andrés R. Orjales, Vicente Rebollar, Baltasar Edreira, Sinestesio Fraga e Romás Rodríguez Sabio. Por outra banda, Pérez Leira (2009) asevera a constitución o 20 de xuño de 1920. Por último, esta asociación proclamaba o odio a España, a independencia de Galicia e a formación dun goberno galego no exilio cubana en calidade de célula revoluicionaria secreta ↩︎
  2. Contou co manifesto Independenza ou Morte, en palabras de Ínsua (2001), cun inequivoco sesgo do catalanismo insurreccional. Nel, tal e como recolle Diéguez Cequiel (2014), afirmaba non seren españois os galegos, a causa do odio ferivado pola difamación de Galicia presente nos libros dados á luz en España, pola oposición ó engrandecemento do país galego, pola usurpación dos intereses galegos e polo amparo daquilo contrario ó prestixio e benestar de Galicia. ↩︎
  3. Trátase de células revolucionarias de tipo secreto. Os seus compoñentes debían ter vinte anos e estaban suxeitos a un xuramento de fidelidade. A ideoloxía gardaba similitudes coas sociedcades secretas do nacionalismo irlandés. Este tipo de ideas divulgáronas nesa altura a Agrupación Cultural Galega A Terra e despois pola Agrupación Pondal, as dúas de Bos Aires. ↩︎

A mediados de 1923, o xuntoiro nacionalista da Habana experimentou problemas por non apoiar a Gómez nas querelas contra Fernández Doallo (dono de Eco de Galicia), consistentes na acusación de fomenta-la prostitución de mulleres galegas inmigradas. A isto súmase outra disputa con algúns compoñentes do consello da ING, a causa de aspectos de ortodoxia ideolóxica. Isto supuxo dimisións relevantes, entre elas a de Vicente Rebollar.

Coa chegada a Cuba de Francesc Macià, líder dos nacionalistas cataláns, este entrevistouse con Fuco Gómez. Os dous concordan na necesidade de derruba-la Ditadura de Primo de Rivera e implantar en cada nación ibérica un Estado propio. Por outra banda, recibiu varias distincións, entre elas académico Honoris Causa da Academia Universal de Humanidades de Bos Aires, benemérito da cultura da Orden Beneméritos en la Cultura de la Publicación Artístico-Literaria-Cultural Tribuna de las Peñas de Bos Aires e membro de honor da Universidad Sintética Latina y Americana de San Salvador.

Coa proclamación da Segunda República trasladouse a Galicia para participar na dinámica política. Procurou obter apoios para acada-lo Estado galego, mais os membros do Partido Galeguista só se declararon autonomistas. Mesmo editou algunha declaración separatista, como o manifesto Los políticos de la república son tan antigallegos como los de la Monarquía (Santiago de Compostela, 21 de novembro de 1933).

No ano 1940 presidiu a Institución Patria Galega (Círculo Benéfico Cívico-Social). Dende decembro de 1941 ata 1960 dirixiu a revista Patria Gallega, de signo nacionalista e periodicidade mensual. Presentouse en calidade de voceiro do Xuntoiro benéfico-cívico-cultural da Habana. O equipo da publicación constaría de Fuco Gómez (director), José E. Hermida (administrador), José Villarino (presidente), Ángel Vázquez (asesor), Ramón Vidal (secretario) e César Seoane (xefe de circulación). Pola súa parte, a circulación asumíana Cipriano Vázquez, Francisco López Balseiro, Jesús Iglesias Surribas e Antón Pérez Állvarez (delegado nas Antillas). Tamén formou parte da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia e da Sociedade Fillas de Galicia.

No ano 1947, co artigo “República Federal galizana”, recollido nos números 22-24 de Patria Galega, propuxo a Constitución Federal da República Galizana coa finalidade de proclamar un Estado galego e cun goberno momentáneo dende a outra beira do Atlántico.

Co ano 1961 Fuco Gómez estaba aqueixado de dúas enfermidades, o párkinson e asma. Daquela, coñeceuno Xosé Neira Vilas, quen mentaba que no domicilio da rúa Plasencia vivía rodeado de papeis con anotacións históricas, xeográficas e, especialmente, lingüísticas de Galicia. Destacaba polo mal xenio. Tamén foi membro da Confederación Masónica Interamericana e redactor dos estatutos das entidades masónicas Círculo Iberoamericano de Cultura, Confederación Universal de Librepensadores e Independencia Mental de Latinoamérica. Morreu na Habana o 9 de xaneiro de 1972.

2. Algunhas nótulas acerca da obra

Fonte: imaxe extraída do blog de Armando Requeixo.
  • Grafía Galega (A Habana, 1927), coa dedicatoria a Ramón Otero Pedraio.
  • Naciones Ibéricas (1931), recompilación de textos escritos dende 1923 ata 1931.
  • La agonía de Iberia (A Habana, Editorial Gráfica Moderna Cuba y Amargura, 1945).
  • Pastorelas. Poesías galegas (A Habana, Gráfica Moderna, 1950).
  • O Idioma dos animás (A Habana, Imp. de Rambla, Bouza y Cía., 1937), co subtítulo “Opúscuro de enxebreza”.
  • Martí, guía de Almas (A Habana, 1953).
  • Presenza de Parnaso (A Habana, 1957).
  • Ensayos de crítica e historia de Galicia (A Habana, 1960).

3. Colaboracións xornalísticas

  • «Un Maiestriño Santo» (Eco de Galicia, A Habana, n.º 136, 6-II-1921, s. p.) [poesía en galego].
  • «Espritos aplebeados» (A Fouce, n.º 19, 15 de setembro de 1930, páx. 2).
  • «Os Prodicos i-as organizaciós da Galiza» (A Fouce, n.º 67, xaneiro de 1934, páx. 3). Nesta colaboración asevera a existencia dunha ditadura rexistrábel nos xornais, na sociedade e na organización colectiva. Reforza estas consideracións coa indicación da hipertrofia política e relixiosa do pobo galego. Culpabiliza disto ós xornais e á ausencia de organizacións legais para vertebrar unha conciencia nacional galega sen a impronta españolista e da relixión católica, o que acubilla a dinámica caciquil.
  • «Dend’o meu escondrixo perseguido pol-o delito de ser arredista»” (A Fouce, n.º 68, febreiro de 1934, páx. 4). Contén o lema “A ‘humanidade doille que a verdá sexa tan sinxela; millor sería pensare que custa moito traballo empregal-a práiticamente en benefizo seu”. No artigo sinala como o gobernador civil da Coruña retirou o manifesto La Independencia absoluta, única salvación de Galicia, dado a coñecer polo Comité Revoluzonario Arredista Galego, coa indicación dos responsábeis dos males sufridos polo campesiñado e os comerciantes galegos. Consecuentemente, trala declaración do impresor e do inquilino do piso, indicados no citado documento, identificouse a Fuco Gómez como o responsábel da orde e pagamento.
  • «Fonología y afectación» (Cultura Gallega, A Habana, núms. 11 e 12, setembro de 1936, páx. 10). Contén nocións gráficas e fónicas da lingua galega.
  • «La Tendencia al idioma universal» (Cultura Gallega, A Habana, núms. 13 e 14, outubro de 1936, páxs. 18-19) con información sobre o esperanto.
  • «O San Vittorio en Baralla» (Cultura Gallega, A Habana, n.º 16, 20 de novembro de 1936, páxs. 23-24) [conto en galego].
  • «Janeiro, giadeiro» (Cultura Gallega, A Habana, núms. 19-20, xaneiro de 1937, páx. 18).
  • «Frebeiro, cabirteiro» (Cultura Gallega, A Habana, núms. 21-22, febreiro de 1937, páxs. 16-17) [conto en galego]. Trátase dun traballo acerca de refráns, ditos e cantigas populares.
  • «A Neneira exemprar» (Cultura Gallega, A Habana, núms. 35-36, setembro de 1937, p. 5).
  • «Sentenzas patriánicas» (Cultura Gallega, A Habana, núms. 37-38, outubro de 1937, páx. 6) [poesía en galego].
  • «Os Varios xeitos de tocar» (Cultura Gallega, A Habana, núms. 41-42, decembro de 1937, páx. 23) [poesía en galego].
  • «Adeus a Galiza» (Cultura Gallega, A Habana, núms. 65-66, decembro de 1938, páx. 12).

BIBLIOGRAFÍA

Alonso Girgado, Luis, ed. (1999), Cultura Gallega, Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, ed. facsímile.

Beramendi, Justo (2007), De provincia a nación. Historia do galeguismo político, Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán (2014), Nacionalismo galego. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975). Tecido político-organizativo patriótico galego e construción nacional: o movemento nacionalista galego desde a queda republicana e reconsutrución no exilio á estratexia frontista na Terra, Barcelona: Universitat de Barcelona, Facukltat de Geografia i Història, tese doutoral.

Ínsua, Emilio X. (2001), «A pegada de Cuba nas Irmandades da Fala», en Villares Paz, Ramón; Núñez Seixas, Xosé M., e Máiz Suárez, Ramón, eds. (2021), As Irmandades da Fala no seu tempo: perspectivas cruzadas, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.

Núñez Seixas, Xosé M. (1993), «Inmigración y galleguismo en Cuba (1879-1936)», Revista das Indias, n.º 197, páxs. 53- 95.

Pérez Leira, Lois (2009), Protagonistas de una epopeya colectiva, Vigo: Grupo de Comunicación Galicia en el Mundo, col. Crónicas Emigración, 2ª ed. (corrixida e ampliada).

Biblioteca Universitaria da Universidade de Santiago de Compostela

Centro de Investigaciones Regionales de Mesoamérica

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio