«Amador Montenegro Saavedra, entre a ideoloxía tradicionalista e a denuncia dos males de Galicia»

Realízase un percorrido pola vida e a obra de Amador Montenegro Saavedra.

Amador Montenegro Saavedra
Fonte: Galiciana (Real Academia Galega).

1. Retrincos vitais

Amador Manuel Joaquín de la Concepción Montenegro Saavedra naceu o 30 de abril de 1864 en Santiago de Compostela. Nesta cidade deu a luz súa nai de forma accidental cando viaxaba de Vigo a Lugo. Pola súa parte, o pai, Siro Montenegro López, alcalde de Lugo nos períodos 1852-1853 e 1867-1868, era terratenente con propiedades agrícolas en Castro de Rei. Seguindo coa ascendencia familiar, os avós maternos eran Manuel Saavedra Bermúdez e María de la Concepción Costas Arce, oriúndos de Vigo, e os paternos, Francisco Montenegro Arias e Josefa López Bustillo, o primeiro de Lugo e a segunda de Vigo.

Tras supera-lo exame de ingreso o 26 de outubro de 1876, comezou os estudos de Bacharelato en Lugo e finalizounos en 1881. En setembro deste ano, ingresou na Facultade de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. No curso 1883-1884 marchou a Valladolid, onde obtivo a licenciatura no curso 1885-1886 na sección de Dereito civil e canónico logo de supera-las probas o 18 de febreiro de 1886.

Despois traballou como pasante en Monforte de Lemos. A causa desta experiencia e da incapacidade de seu pai, por mor de enfermidade, Amador dedicouse a administra-las propiedades agrícolas familiares.

Co ano 1888 principiou coas colaboracións en Galicia Humorística e O tío Marcos d’a Portela. O 5 de outubro de 1889 saíu á rúa o primeiro número da revista A Monteira, subtitulada “Somanario d’intreses rexionales e literatura”. Os fundadores, directores e principais redactores dela foron Manuel Pardo Becerra e o propio Amador, que divulgou nas páxinas unha parte significativa da súa obra literaria e manifestou o ideario rexionalista del. Trátase do máis importante voceiro do rexionalismo católico-tradicionalista. Antes da desaparición desta cabeceira o 27 de decembro de 1890, o noso escritor polemizou coa publicación O tío Marcos d’a Portela e con Manuel Amor Meilán, por, respectivamente, non recibi-los números de intercambio e por permiti-la publicación do artigo «Os caiceños», de M. López Prado, que o considera un plaxio dun texto de Rosalía de Castro.

En 1891, casou con Purificación López Saavedra, curmá del, na Colexiata de Vigo. Do matrimonio naceron nove fillos. Dous anos antes, dirixira o diario de Vigo La Razón, medio defensor do catolicismo. Ó longo da década de 1890 efectuou colaboracións nas publicacións Galicia Recreativa, El Eco de Galicia (A Habana), El Eco de Galicia (Bos Aires), Follas Novas (A Habana) e Galicia Moderna (Pontevedra).

Entre 1897 e 1906, existiu a asociación política Liga Galega da Coruña. Un dos membros foi Amador Montenegro. Durante esta época, concretamente dende 1899 ata 1903, o equipo de colaboradores da revista de Prácticas Modernas contou, entre outros, con Bartolomé Calderón, Valeriano Villanueva, Rof Codina e o propio Montenegro. Unha das achegas deste último, a composición poética «O seguro d’o gado. Refreusiós de un petrucio gallego» (n.º 117, 1-XII-1907), describe o funcionamento das mutuas.

En 1898, Amador Montenegro trasladouse a Tui. Catro anos despois, en maio de 1902, foi o representante da Cámara de Comercio de Vigo no Congreso Gandeiro, desenvolvido en Pontevedra. En 1903, o devandito centro comercial nomeouno socio de honra e ó pouco tempo ocupou o cargo de secretario no intervalo 1904-1905.

En 1907, elixírono académico da Real Academia Galega. O discurso de ingreso, «Alma d’a poesía gallega», foi o primeiro lido en lingua galega. Catro anos despois, a relevancia no eido político ponse de relevo co cargo de concelleiro de Vigo. En 1912, ocupou o cargo de bibliotecario da Cámara da Propiedade de Vigo, da que foi cofundador por ser propietario de fincas urbanas, a pesar de se traslada-la familia en outubro dese ano a Lugo. Sen saírmos dese ano, recibiu recoñecemento público con dous premios polo traballo recompilatorio en dous certames literarios, un polo Trabajo folk-lórico gallego en Santiago de Compostela o 23 de xullo e outro pola Colección de cantares gallegos recogidos de la tradición oral o 18 de setembro en Pontevedra.

No ano 1912 presidiu a Liga de Amigos de Lugo. Cinco anos despois, creouse a Irmandade da Fala de Vigo, da que Amador foi un dos membros. No decenio de 1920 outra vez mostrou unha vizosa actividade política. Dunha parte, foi concelleiro adscrito ás comisións de ensinanza e música, de escola de industrias e de consumos. Un ano despois, asinou, canda a outros persoeiros, o manifesto do que xermolou a Liga de Defensores de Vigo. A comezos de 1922, desta entidade figuraba como un dos oradores.

Durante a Ditadura de Primo de Rivera, en 1923 designárono concelleiro en representación da Liga de Defensores de Vigo, encabezada polo alcalde Adolfo Gregorio Espino, e tres anos despois ocupou a tenencia alcalde da cidade olívica. Amador faleceu en Lugo o 22 de setembro de 1932 sen finalizar unha mora de proxectos.

2. Obra

2.1 Poesía

Fonte: Real Academia Galega.
  • O libro Muxenas apareceu no ano 1888 e reeditouse en 1896 no obradoiro da Imprenta Ánxel Varela (Vigo).
    • Abrangue corenta e seis poemas heteroxéneos na métrica e na temática.
    • Desenvolve varios temas: un canto a Galicia en ton melancólico, a denuncia da pobreza labrega, a fugacidade da vida e enxalzamento do espírito do pobo con cantos patrióticos.
    • Consta dun prólogo en castelán do especialista na compilación de materiais de tradición oral, Xosé Pérez Ballesteros. Nel, repasa os temas das composicións e expón de forma extensa as ideas acerca da fixación da fixación ortográfica e prosódica.
  • Os poemas «Brochazos» e «Rima» publicados, respectivamente, no n.º 4 (27-II-1888) e n.º 11 (XI-1888) en Galicia Humorística.
  • As composicións «Follas d’un libro», «O ceguiño» e «Ó Orfeón Gallego n-a velada musical d’o 20 d’outubre últemo» viron a luz, respectivamente, nos parrafeos 235 (1-VII-1888), 237 (15-VII-1888) e 257 (9-XII-1888) n’O tío Marcos d’a Portela.
  • A composición «Os pescadores» saíu á rúa no n.º 3 (III-1889) de Galicia (A Coruña).
  • Os poemas «¡Esperta!» e «O emigrante» apareceron no parrafeo 297 (13-X-1889) e 306 (22-XII-1889) n’O tío Marcos d’a Portela.
  • As poesías «[Ó ver á humanidá que con empeño]» e «¡Probe!» difundíronse en 1891 en Galicia Recreativa, o primeiro no n.º 26 e o segundo no n.º 28. Tamén nesta cabeceira se divulgaron os poemas «Cruza o raio a inmensidá», «Propóseto a medias caída segura. Fábula» e «O barbeiro io cego», rexistrados, respectivamente, nos números 40, 41 e 43 de Galicia Recreativa. Outras dúas composicións poéticas, «Está no mundo soila, certa noite» e «[Según contan é Mariano]», saíron á luz, respectivamente, no n.º 46 e 47 (1892) de Galicia Recreativa.
  • En El Eco de Galicia (A Habana) apareceu o epigrama «O méreto debaixo» no n.º 551 (14-I-1893).
  • O xornal Santiago acolleu no n.º 5 (27-VII-1902) o poema «Brétemas».
  • A cabaceira habaneira Galicia acolleu no n.º 28 (10-VII-1904) o poema «[Si Dios os fixo de cote…]».
  • A composición «A xeito de fábula» saíu á rúa na Ilustración Gallega (Vigo) no n.º 10 (1-X-1911). Nela, critica o tratamento de Castela a Galicia.
  • Os poemas «Os pescadores» e «As dúas estatuas» déronse a coñecer en El Compostelano, o primeiro o 25 de outubro de 1928 e o segundo o 2 de xaneiro de 1929.

Por outra banda, a lingua castelá detectámola no poema «¡Esperanza!», localizábel no n.º 111 (16-VII-1899) de Follas Novas (A Habana).

2.2. Narrativa

  • Na xeira d’A Monteira apareceron dezaseis relatos: “Aparéncea e realidá”, no n.º 6 (10-XI-1889);
    «Antón o simpre», no n.º 15; «O zorro io galo», no n.º 16; «A pirmeira consulta» (n.º 19); «A picardía dun esquirbano», no n.º 23; «Remédeo contra a fame», nos números 28 e 30; «Conto heráldico», no n.º 32; «A manda», no n.º 33; «A viutórea dun borracho», nos números 34, 36 e 37; «Un valente xastre», no n.º 34; «O zapateiro rañoso», no n.º 37; «Astúcea dun labrego», no n.º 39; «Croquis», no n.º 54; «Unha escena nun café», no n.º 56; «A casa da fame», no n.º 60, e «Pois… non me conformo», no número 61 (29-XI-1890). Case a metade deles resultan do traballo de recompilación de materiais de tradición oral.
  • As fábulas «O sapo ia cobre», «Todos igoales» e «As tecras igoalitarias» apareceron no número 25 (1-IV-1891), 32 (10-VI-1891) e 36 (10-VIII-1891) de Galicia Recreativa.
  • Os contos «Polos niños (Escena enfantil)» e «As formillas» viron a luz nas páxinas de Galicia Recreativa, o primeiro no n.º 44 (8-III-1892) e o segundo no n.º 1 (8-V-1892).
  • Os relatos «Pozo negro» e «O xastriño arrieiro» déronse a coñecer en Galicia (A Coruña), o primeiro no n.º 4 (X-1892) e o segundo no n.º 10 (IV-1893).
  • O conto «Os gatos endemoneados» divulgouse no n.º 15 (1-XII-1897) de Galicia Moderna (Pontevedra).
  • O libro Fábulas galaico-castellanas publicouse en Lugo en 1897. Consta de corenta e cinco fábulas en galego e vinte e oito en castelán. Leva o prólogo «Por decir algo», no que contén unha explicación sobre a orixe do seu gusto por este xénero literario e alusións ós cultivadores máis importantes (Esopo, Fedro, La Fonatine, Tomás de Iriarte, Félix Mª Samaniego…). Esta edición resulta da edición revisada e ampliada doutro libro co título Fábulas y epigramas.
Fonte: Real Academia Galega.
Fonte: Biblioteca Nacional de España.

2.3. Colaboracións xornalísticas

En lingua galega contamos cos tetxos «Iberia… Espanha», dado á luz no n.º 32 (30-IX-1917) d’A Nosa Terra, e «Alma de poesía gallega», publicado no n.º 35 (1910) do Boletín da Real Academia Galega (A Coruña). Este último trátase do discurso de ingreso na devandita entidade no que, despois da captatio benevolentiae, denuncia o caciquismo e a seguir recalca a tarefa da mocidade para acadar unha sociedade mellor. Ademais, repara na preocupación pola perspectiva da xente nova e reivindica a relevancia do Padre Feijoo e Frei Martiño Sarmiento. Pola súa parte, a lingua castelá rexistrouse en:

  • Os traballos «Erratas», «Utilidad del Derecho: novela homeopática-disparatada» e «Apuntes de cartera. Rótulos, anuncios, pasquines y otros excesos» déronse a coñecer, respectivamente, no n.º 7, (15-IV-1888), n.º 5 (15-III-1888), n.º 11 (15-VI-1888) de Galicia Humorística.
  • O artigo «Precursores de la aviación en Vigo» recóllese no libro Vigo en 1927, baixo o impulso de Xosé Cao Moure.
  • O texto «Lugo ayer y mañana» presente en El libro de oro de Lugo y su provincia (1929), baixo a edición e dirección de Xosé Cao Moure, enumera os feitos que motivaron a marxinalidade de Lugo e, por extensión, de Galicia dende a Reconquista. Asemade, achega un feixe de apuntamentos, nomeadamente as eivas das comunicacións, da situación actual.

2.4. Traducións

Ó galego trasladou varios poemas. Son os seguintes: «Déronm’aviso e consellos» (n.º 24), de Heinrich Heine; «O emperador da China» (n.º 29), do catalán Apeles Mestres; «A gaita gallega»(n.º 42), de Ventura Ruíz Aguilera, e tres textos de Leopoldo Martínez Padín, ou sexa, «O cestiño de frores» (n.º 59), «O bosque da Armenteira» (n.º 64); e «Chacales e años. (Fábula de Manoel de Palacio)» (n.º 20).

2.5. Ensaio

En castelán escribiu as obras Causas generales de la decadencia agrícola en Galicia (Lugo, 1903) e Contra el mildiu, el oidio y el blac-root (Vigo, 1917).

BIBLIOGRAFÍA

Agrelo Costas, Eulalia e Mociño González, Isabel, eds. (2007), Obra narrativa en galego de Amador Montenegro Saavedra, Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, col. Narrativa Recuperada.

Beramendi, Justo (2008), De provincia a nación. Historia do galeguismo político, Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Universitaria.

Cabo Villaverde, Miguel (1998), O agrarismo, Vigo: A Nosa Terra, col. Historia de Galicia, n.º 16.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio