«A impronta histórica da literatura de Manuel Lois Vázquez. Un canto á Suevia amada»

Este texto ten por obxecto recolle-la obra literaria do masidao Manuel Lois Vázquez.

Fonte: retrato virtual de Manuel Lois, elaborado por Robert.

1. Notas acerca da vida

Manuel Nolasco Lois Vázquez naceu o 29 de xanriro de 1868. Mentres a liña paterna, Juan Lois e Benita González, contaban con extracción humilde ó seren labradores, comerciantes e tratantes de gando e outras mercadorías, a liña materna procedía dun extracto social máis elevado, dado que o avó del, José Vázquez, se dedicaba á peritaxe en agrimensura.

Malia inicia-la carreira eclesiástica coa solicitude de admisión no Colexio Menor da Nosa Señora dos Milagres, só cursou o ano académico 1882-1883. Aquí internárono os pais a raíz das probas de bo estudante na escola. Despois, realizou o Bacharelato no Instituto de Segunda Ensinanza de Ourense, onde impartían docencia Xoán Sieiro González e Xoán Antonio Saco e Arce. Alí cultivou a amizade Heraclio Pérez Placer, con quen se enfrontou por unhas declaracións n’O Galiciano. Nelas, reproducía unha conversa mantida entre Lois e Heraclio. Este último sostiña que o texto de Enrique Labarta Pose «Defensa das mulleres» lle fora entregado a Filomena Dato Muruais para servir de modelo e que a lenda de Heraclio estaba designada para un galardón, que non recibiu pola oposición deste ó señor Arteaga. Consecuentemente, o cruzamento de insultos constátase no conto de Lois «O can de San Roque» e nos artigos de Heraclio «Catilinaria al Señor Manuel Lois Vázquez» e «Chirigotas al Tío Manuel de Maside».

Unha vez obtida o título de bacharel, marchou a Santiago de Compostela co obxecto de cursa-los estudos de Medicina. En 1884, ingresou na universidade, onde cursou as materias do 1ª curso. Ó ano seguinte, non se matriculou por mor, con case toda probabilidade, de problemas de saúde.

Durante o tempo de ausencia universitaria, desenvolveu unha prolífica actividade literaria. Dunha banda, en 1886 publicou as primeiras colaboracións na revista de Ourense O tío Marcos d’a Portela. Doutra banda, en 1887 colaborou con poemas na revista pontevedresa O Galiciano.

No curso académico 1887-1888 matriculouse na Universidade de Santiago de Compostela, mais non se presentou ós exames nas convocatorias de xuño e setembro. Ó ano seguinte, curso 1889-1890, logrou resultados académicos pouco positivos. Neste ano colaborou n’A tía Catuxa ben co seu nome ben co pseudónimo Mefistófeles.

No curso 1890-1891, inscribiuse no segundo curso de Medicina con mellores cualificacións. En 1891, rexistramos colaboracións no seminario El Eco de Galicia (A Habana). Quizais o vencello con esta publicación viñera do seu sobriño Leopoldo, alcalde republicano e emigrante en Cuba.

Logo de se recuperar dos problemas de saúde, na convocatoria de maio de 1891 superou catro materias, mais suspendeu outra vez Fisioloxía nesta convocatoria e na de setembro. Isto motivou a petición de traslado de expediente á Universidad Literaria de Valladolid. Desafortunadamente, suspendeu a materia as dúas veces que se presentou a exame. A continuación, no ano 1892 voltou a Universidade de Santiago de Compostela, onde aprobou a materia obxecto de problemas e suspendeu o resto de disciplinas ás que se presentou.

Os anos 1893-1894 e 1894-1895 desenvólvense sen dificultades académicas, mesmo cunha nota destacada en Clínica médica. Ó ano seguinte, 1895-1896, inscribiuse nas materias restantes para finaliza-la carreira, o que conseguiu na convocatoria de xaneiro. Finalmente, obtivo o título académico o 6 de febreiro de 1896, malia figurar outubro deste ano como momento de entrega da titulación. A seguir, exerceu como médico en Maside.

Cultivou a amizade coa intelectualidade da época. Poñamos por casos Alberto García Ferreiro, Manuel Amor Meilán, Manuel Núñez González, Xesús Rodríguez López e Filomena Dato Muruais, entre outros. Pola súa parte, a saúde feble marcou a vida de Manuel Lois, ata o punto de falecer dunha afección pulmonar o 29 de xuño de 1899. Para remata-lo apuntamento biográfico cómpre sinala-lo seu gusto pola caza, a personalidade aberta e os principios liberais.

2. Obra

2.1. Colaboracións xornalísticas

Escribiu un feixe de artigos en calidade de crónica de costumes:

  • «Dende Santiago», dado a coñecer no parrafeo 216 (19-II-1888) d’O tío Marcos da Portela e asinado o 12 de febreiro de 1888, estrutúrase en forma de carta dirixida ó Sr. D. Marcos. Conta con varias novas da historia contemporánea, entre elas a viaxe da tuna compostelá á Universidade de Coimbra e a celebración do Entroido en Santiago de Compostela.
  • «O de sempre», publicado na parola 168 (15-IV-1888) no semanario O Galiciano e redactado en Santiago de Compostela en 1888, recompila nocións sobre como seduci-las mulleres.
  • «Detrás d’us tempos…», rexistrado no parrafeo 229 (20-V-1888) d’O tío Marcos d’a Portela e asinado en Santiago de Compostela en maio de 1888, describe a Compostela da época.

2.2. Poesía

Os seguintes poemas adscríbense á mocidade e rexistran pouca elaboración e pouco valor literario. Agás dous libros, un escrito en galego e castelán (Ensayos literarios. Suspiros del corazón) e outro só en castelán (Don Diego López Pindo), o resto de texto elaboráronse en lingua galega. Boa parte destes textos reeditáronse no libro Brisas Gallegas. Nel, proporciona retrincos biográficos de interese, tales como a dedicatoria á súa prometida, Luis Arroyo de la Torre, e indicacións de asistencia ós actos composteláns.

  • A historia curta «Resultados d’un amor», asinada en Maside o 10 de xullo de 1886 e difundido no parrafeo 141 (15-VIII-1886) d’O tío Marcos da Portela. Contén o amor imposíbel con final tráxico e a emigración.
  • A lenda en verso intitulada «O sacreto d’a tumba», que aparece asinada en Maside o 7 de xuño de 1887 e divulgada na parolas 135 (10-VII-1887) e 136 (17-VII-1887) d’O Galiciano.
  • A poesía «¡Adiós!», redactado en 1887 coa dedicatoria a Albino Simán Pintos e publicado na parola 137 (17-VII-1887) d’O Galiciano, é unha despedida de Maside ó estilo do texto rosalián «Adiós, ríos; adiós, fontes».
  • O poema narrativo «Amor pratónico», redactado en Maside en 1887 coa dedicatoria a Cesáreo López Pinal e divulgado na parola 180 (28-VIII-1887) d’O Galiciano.
  • A composición poética «A miña gaita», escrita en Maside en agosto de 1888 e dada a coñecer na parola 195 (18-XI-1887) d’O Galiciano.
  • O poema «A miña noiva», datado en Maside en agosto de 1887 e difundido na parola 197 (18-XII-1887) d‘O Galiciano.
  • «Despedida de Safo», dado a coñecer na parola 170 (29-IV-1888) d’O Galiciano coa dedicatoria a Filomena Dato Muruais e reproducido no n.º 186 (2-X-1898) da Revista Gallega.
  • O conxunto de poemas longos, intitulados «Cartas sin remposta», que se publicaron nos parrafeos 206 (4-XII-1887), 220, 222, 253 e 254 (18-XI-1887) d’O tío Marcos d’a Portela coa dedicatoria a Alberto García Ferreiro.
  • Outra lenda en verso, co título «A pena d’ frade», que figura redactada en Maside en 1889 e difundida no parrafeo 300 (10-XI-1889) d’O tío Marcos d’a Portela.
  • No ano 1890, á idade de vinte e dous anos, da tipografía lucense de Gerardo Castro saíu á rúa o seu libro Brisas Gallegas. Baixo a influencia do decadentismo romántico inclúe composicións sentimentais e localistas.
  • «Vida e morte», saída á luz no n.º 16 (8-II-1891) d’A tía Catuxa, proporciona datos da coresma como etapa litúrxica que finalizará os excesos do Entroido.
  • No ano 1899, a Imprenta e libraría de E. Carré tirou do prelo outro libro do masidao, Horas perdidas, escrito en lingua castelá.
  • Coñecémo-la existencia doutras dúas obras: Ensayos literarios. Suspiros del corazón (Maside, 22 de maio de 1886), con poemas en galego e castelán, e Don Diego López Pindo (Maside, 6 de agosto de 1886), lenda en verso redactada en castelán.

2.3. Prosa

  • «A Festa d’o San Vitorio en Maside», dado a coñecer no parrafeo 144 (5-IX-1886) d’O tío Marcos d’a Portela coa dedicatoria ó seu amigo Eladio Rodríguez González. En forma epistolar rexistra a temática costumista.
  • «Recordos», publicado no parrafeo 155 (27-XI-1886) d’O tío Marcos d’a Portela, recolle en primeira persoa un laio dun home namorado dunha muller que faleceu de forma prematura. Este acode ó cemiterio, onde ela está enterrada, nunha noite de treboada e ó un día despois esperta sobre a tumba.
  • «¡Contestade!», redactado en Maside no mes de novembro de 1886 e saído á luz no parrafeo 158 (12-XII-1886) d’O tío Marcos d’a Portela, desenvolve unha interpelación ós lectores e ós poetas acerca da opinión da emigración. O autor defende que o goberno obrigue a pagar unha cantidade diñeiro ás persoas que saian da península Ibérica. Deste xeito, evitaríase, pois a emigracións lervaríaos á ruína.
  • O relato breve «O Riveiro d’Avia», publicado no parrafeo 173 (27-III-1887) d’O tío Marcos d’a Portela, eloxia as paisaxes de ensoño e os heroes máis famosos desta bisbarra.
  • O relato «¿Amarte?…. ¡Sempre!», difundido no parrafeo 181 (22-V-1887) e 182 (27-V-1887) d’O tío Marcos d’a Portela coa sinatura en Maside o 15 de maio 1887, narra un amor imposíbel, en liña co romanticismo, por mor da voda dunha moza por imposición familiar.
  • O conto «Fantisía», divulgado na parola 216 (31-III-1889) d’O Galiciano baixo o pseudónimo Mefistófeles, contén reflexións dun home, plasmadas nunha noite de treboada, a quen o narrador sinala collerlle o escrito pola mañá no momento de se durmir polo cansazo.
  • A lenda en prosa «O Cruceiro de San Lorenzo», saído á rúa nos parrafeos 254 (18-XI-1888) e 255 (25-XI-1888) d’O tío Marcos d’a Portela coa dedicatoria á amiga Petra Alonso García, presenta de novo un amor imposíbel en Cuñas no ano 1810. Desta vez, o pai imponlle á filla un matrimonio con outro home e remata coa traxedia ó pe do cruceiro.
  • O relato «A Quinza», vido á luz na parola 222 (12-V-1889) d’O Galiciano, aborda por primeira vez un feito histórico. Presenta a historia do amor interrompido entre Oaria e Enrico pola presenza de Pedro Madruga na localidade de Ribadavia, quen esixe o dereito de pernada. Ante o rexeitamento dela, Madruga afoga a Enrico no río e despois asasina cunha espada á moza.
  • A novela histórica A reina Loba, cunha considerábel calidade formal e localizada durante o reino suevo, publicouse de forma parcial (parolas 228, 229, 231, 233 e 234) n’O Galiciano e totalmente (parrafeos 301, 302, 303 e 304) n’O tío Marcos d’a Portela. Nela, trátase a vida caótica de Oaria, filla do conde suevo Deza, durante o reinado de Hermengario. Tralo remate do amor dela por Acelo, a causa do asasinato polo seu pai, Oaria sufriu o rexeitamento do esposo e do seu amante. Por conseguinte, a deseperación levouna ó suicidio.
  • Outra lenda histórica, Alira de Elfe, publicouse de forma fragmentaria nos números 35 (31-V-18890), 37, 38, 40, 42, 44, 45, 47, 49, 51 e 52 (27-IX-1890) nas páxinas d’A Monteira. En forma de capítulos, acompañados de subtítulos, coa localización no reino suevo, concretamento no Lugo do século V, insírese a fallida conspiración contra o rei Hermengario e o amor imposíbel deste con Alira, filla do conde Elfe.
Fonte: mapa extraído do libro In tempore sueborum. El tiempo de los suevos en la Gallaecia (411-585). El primer reino medieval de occidente, Ourense: Deputación Provincial de Ourense, páx. 40.

BIBLIOGRAFÍA

Monteagudo Cabaleiro, Mª Teresa (1998), Alira de Elfe, A Reina Loba e outros relatos, Manuel Lois Vázquez, Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, col. Narrativa Recuperada.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio