«A GAITA GALLEGA, primeira revista monolingüe en galego da emigración americana»

Indicación de datos externos e internos sobre A Gaita Gallega.

1. Anotacións externas

Esta publicación da Habana saíu á rúa dende o 5 de xullo de 1885 ata o 30 de setembro de 1889. Subtitulábase “Muiñeiras, fandangos y-alboradas, unha vez ‘o mes”. Fundárona Chumín de Céltigos (Ramón Armada Teixeiro) e Roque d’as Mariñas (Manuel Lugrís Freire).

Manuel Lugrís Freire
Fonte: Vida Gallega, 30-VI-1934, páx. 15
Ramón Armada Teixeiro
Fonte: retrato extraído de Galiciana

Saíu á luz pública con regularidade dende o 5 de xullo de 1885 ata o 18 de decembro de 1887. O 20 de xullo de 1889 reapareceu como suplemento de El Eco de Galicia e cesou no mes de cembro dese ano. Presentaba unhas dimensións reducidas con 28,5 x 20 cm. Veu a lume na imprenta de La Correspondencia de Cuba, localizada no n.º 24 da rúa Obrapía.

2. Anotacións internas

Durante a etapa histórica “La Tregua Fecunda”, delimitada polo Pacto del Zanjón (1878) e o comezo da Guerra de Independencia (1895), desenvolveuse a primeira publicación da Galicia da diáspora realizada en lingua galega para tratar calquera tema. Deste modo, os fundadores procuraron a dignificación da lingua galega e o fomento de usos lingüísticos. De feito, a revista enmárcase no ideario e na liña programática do galeguismo. Doutra parte, Xosé Neira Vilas, na presentación «Tocata necesaria» á edición facsímile da revista habaneira, reparaba no contido ó sinala-la inclusión de traballos de:

  • índole patriótica,
  • afirmación da identidade galega,
  • defensa da identidade galega,
  • importancia da historia de Galicia.

A estrutura organizábase nas seccións “Casos e cousas”, “Refrás gallegos”, “Gallegos de por acó” e “(Ultema hora) partes telefonicos d’A Gaita“. A nómina de colaboradores contou con Manuel Amor Meilán, Juan Barcia Caballero, Rosalía de Castro, Secundino Cora, Manuel Curros Enríquez, Inocente Filgueira, Alberto García Ferreiro, Enrique Labarta Pose, Benito Losada Astray, Francisco María de la Iglesia González, Valentín Lamas Carvajal, Francisco Lourido Sánchez, Xenaro Mariñas González, Francisco Mirás, Adolfo Mosquera Castro, Aureliano José Pereira de la Riva, Eduardo Pondal, Lisardo Rodríguez Barreiro, Eladio Rodríguez González, Francisco Romero Blanco, Xavier Valcarce Ocampo e Marcial Valladares Núñez, entre outros. Tamén introduciron de forma póstuma textos de Francisco Añón Paz, Alberto Camino Sigüer, José García Mosquera, Nicomedes Pastor Díaz, Xan Manuel Pintos Villar e Andrés Rodríguez Muruais. A carón destes nomes apareceron textos con sinaturas heterónimas, entre elas Marcos d’a Portela, O Galiciano e G. Sus.

O apartado literario abrangue mostras poéticas, teatrais e narrativas. Primeiro, na poesía contamos con «A Gaita Gallega», de Valentín Lamas Carvajal; «O gueitero», de Manuel Curros Enríquez; «Unha aperta», de Lisardo Barreiro, e «Tras de tempos…», de A. J. Pereira. Segundo, rexistrámo-los contos «O zapateiro de Cangas», de Marcos d’a Portela; «De riola por Galicia», de Valentín Lamas Carvajal, e «A tola d’as ondas», de F. Lourido. Por último, a dramatúrxica vén representada coa peza de Farruco Mª d’a Igrexa «Os ártabros». Tampouco cómpre esquece-lo ensaio cos traballos «A fala gallega (I)» e «A fala gallega (II)», os dous, probabelmente, de Manuel Lugrís Freire.

BIBLIOGRAFÍA

Alonso Girgado, Luís, dir. (2006), A Gaita Gallega. “Repinica muiñeiras, alboradas e fandangos unha vez ‘o mes”. A Habana (1885-1889), Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, ed. facsímile.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio