Este traballo proporciona datos sobre a creación, a composición interna e as seccións do Seminario de Estudos Galegos.
1. Creación
Esta entidade apareceu o 12 de outubro de 1923 na casa do Castro (Ortoño) grazas ás arelas de falaren das súas inquedanzas e das investigacións fóra das aulas por parte dalgúns estudantes universitarios. Alí asinaron a acta fundacional. Pouco tempo despois, concretamente o 21 de outubro, nove mozos reuníronse na casa de Armando Cotarello Valledor para materializa-lo proxecto. En 1940 desapareceu por mor dun conflito coa Universidade de Santiago, que buscaba recupera-los locais cedidos ó Seminario de Estudos Galegos. Catro anos antes, a actividade diminuíra moito a causa do estalido da Guerra Civil Española e das consecuencias desta (represión dalgúns membros, exilio doutros, falta de apoio institucional…).
Os fundadores foron Fermín Bouza Brey, Xosé Filgueira Valverde, Manoel Magariños Negreira, Ramón Martínez López, Xosé Pena Pena, Ramón Francisco de Lema, Wenceslao Requejo Bouet, Lois Tobío Fernández e Alberto Vidán Freiría. Presidírono, sucesivamente, Armando Cotarelo Valledor, Salvador Cabeza de León, Luis Iglesias Iglesias e Ramón Otero Pedraio.
Xurdiu da man duns estudantes universitarios co propósito de dotar de rigor científico á personalidade propia de Galicia. Contou coa orientación de profesorado universitario, nomeadamente Cotarelo Valledor e Cabeza de León, e co recibimento entusiata da xeración Nós. Dentro do organigrama interno, os cargos de conselleiros e membros das xuntas desenvolvéronos os fundadores e outras persoas (Carballo Calero, Cordero Carrete, González García-Paz, Xaquín Lorenzo, Pedret Casado, Portela Pazos, Ramos Coleman, Vázquez Martínez e Vidal Rey). Todos eles caracterizáronse pola pluralidade ideolóxica, o que supuxo disensións internas.
Antes de continuarmos detémonos na organización do Seminario de Estudos Galegos. Artellábase na comisión directora, conformada por un presidente, un secretario xeral, un secretario de actas, un depositario e un contador; os conselleiros permanentes, que proviñan dos anteriores cargos cesantes; o consello director; as seccións, encabezadas polos seus directores; os socios activos, que colaboraban nos traballos, e os socios protectores (Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra, Vigo, A Coruña, Noia, Vilagarcía de Arousa, outras localidades galegas e de fóra de Galicia), que axudaban no eido económico. A estes datos hai que lles engadi-la relevancia as relacións con Portugal, ata o punto de ingresar varios investigadores portugueses como socios.
Malia os problemas económicos e materiais, o Seminario de Estudos Galegos defínese como a institución máis dinámica da Galicia de preguerra. Ó longo dos tres primeiros anos reuníanse nas aulas da Facultade de Filosofía e Letras. Así e todo, dispuxo de sede na Sociedad Económica de Amigos del País (Colexio de San Clemente) e despois na Universidade de Santiago de Compostela, concretamente no Colexio Fonseca. Chegou a ter 326 socios, con cotas, e mesmo recibiu subvencións de:
- Ministerio de Instrución Pública.
- Deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
- Concellos de Santiago de Compostela, Ourense, Ferrol, Pontedeume, Noia, Vilagarcía de Arousa, Ribeira, Fonsagrada, Moaña, Betanzos, Pontevedra, Arbo, Verín, Melide, Ortigueira, Lalín, A Estrada, Viveiro, Vilalba e Lugo.
- Algúns centros de ensino e recreo.
- Institución Cultural Galega Protectora do Seminario de Estudos Galegos (Bos Aires).
- Centro Galego de Bos Aires.
- Asociación Protectora da Cultura Galega de Montevideo.
Entre as iniciativas desenvolvidas salientan as xeiras. Trátase de campañas de investigación en equipo a través de excursións a distintos lugares, entre eles as bisbarras de Melide e Lemos.
2. Seccións
- A Sección de Ciencias Naturais, baixo a tutela de Luis Iglesias Iglesias e cunha subsección de Isidro Parga Pondal, caracterizouse pola maior acción divulgadora.
- A Sección de Ciencias Aplicadas, creada en 1934, baixo a supervisión de Manuel Gómez Román.
- A Sección de Xeografía, supervisada por Ramón Otero Pedraio.
- A Sección de Etnografía e Folclore, baixo a dirección de Vicente Risco, iniciou un Arquivo de Folclore, con 4000 cantigas, e abordou por primeira vez esculcas de etnomorfoloxía en Galicia.
- A Sección de Historia, encabezada por Salvador Cabeza de León, principiou os ficheiros de
Bibliografía Galega, redactou as normas de investigación metódica dos arquivos galegos e abriu un Corpus de Documentos da Edade Media. A estes estudos sumámoslle-los estudos de heráldica, numismática, paleografía, historia de Galicia e epigrafía. - A Sección de Prehistoria, encabezada por Florentino López Cuevillas, materializou en Galicia os alicerces científicos para esta disciplina.
- A Sección de Arqueoloxía e Arte, liderada por Xesús Carro García, efectuou un Arquivo Gráfico de Galicia, froito dos inquéritos e do material obtido nas bisbarras e vilas. Tamén levou a cabo correspondencia con científicos estranxeiros.
- A Sección de Filoloxía encabezárona, sucesivamente, Cotarelo Valledor, Moralejo e Pedret Casado. Publicou o Vocabulario galego-castelán, Vocabulario castelán-galego e o Catálogo de Lengua Galega.
- A Sección de Historia da Literatura, liderada por Xosé Filgueira Valverde, que, xunto á Universidade de Santiago de Compostela, organizou cursos e conferencias.
- A Sección de Arte e Letras, supervisada por Alfonso Daniel Castelao, organizou exposicións e lecturas de obras literarias. Tamén organizou eventos literarios (Festas da Lingua Galega, 1924; Festas da Poesía Galega, 1925, e Festas da Prosa, 1927) e editou obras da literatura galega, entre elas Nao senlleira, de Bouza Brey, e Rosa de cen follas, de Ramón Cabanillas.
- A Sección de Pedagoxía, baixo a coordinación de Manuel Díaz Rozas e Antón Iglesias Vilarelle, abordou os problemas lingüísticos da escola e adicouse ó Laboratorio de Psicotecnia.
- A Sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas, creada en 1930 baixo a dirección de Lois Tobío Fernández, traballou en colaboración coa Sección de Historia numerosos aspectos (os castros na orixe das parroquias, os concilios galegos e do norte de Portugal, as clases sociais da Idade Media, os cotos e as xurisdicións, os gremios, a pesca, a emigración…).
3. Xuntanzas
Para ilustra-la participación ás reunións incluímos algunhas, co nome e apelidos dos asistentes:
- II Xuntanza xeral (1926): Franscisco Asorey , R. Blanco Torres, C. Díaz Baliño, S. Portela Pazos, Xulio Balboa, M. Magariños Negreira, J. Gil Armada, Augusto María Casas, G. López Abente, Xaime Quintanilla, Valeriano Villanueva, R. Martínez López, A. Villar Ponte, S. González García-Paz, Castelao, L. Bouza Brey, J. Filgueira Martínez, X. Filgueira Valverde, Ánxel Casal, E. Correa Calderón, L. Carré Alvarellos, Gutiérrez Caviedes, Cata, M. Lugrís Freire, Lugrís (fillo), R. Otero Pedraio, S. Cabeza de León, L. Tobío Fernández, Vicente Risco, Victoriano Taibo, W. Requejo Bouet, l. Iglesias Iglesias, Florentino López Cuevillas, J. Mª Castroviejo, Xavier Pardo Bedia, Luis Feijoo e Urbano Losada.
- Xuntanza do Seminario en San Clemente: González García Paz, Manuel Silva Ferreiro, Manuel Castelao, Constantino Candeira, Xosé Ramón Fernández Oxea, Alberto Vidán Freiría, A. Rodríguez Castelao, J. Filgueira Martínez, Fermín Bouza Brey, Vicente Risco, X. Pérez Millán, Eladio Rodríguez González, Xosé Filgueira Valverde, Moujardín, Robustiano Sández Otero, Ramón Martínez López, Pedro Boo Pita, Florentino López Cuevillas, J. Mª Castroviejo, R. Otero Pedraio, J. Gómez Martínez, L. Iglesias Iglesias, Salvador Cabeza de León, Cruz Gallástegui Unamuno e R. Sobrino Buhigas.
- IV Xuntanza do Seminario de Estudos Galegos (1928): R. Otero Pedraio, A. Losada Diéguez, F. López Cuevillas, Vicente Risco, R. Carballo Calero, X. Filgueira Valverde, S. González García-Paz, L. Pintos Fonseca, A. Fraguas Fraguas, B. F. Osorio Tafall, I. Parga Pondal, A. Moralejo Laso, X. Carro García, S. Cabeza de León, X. Arias Sanxurxo, X. Álvarez Limeses e X. Novas Guillán.
4. Escolma de publicacións (1923-1935)
- Sección de Prehistoria
Cardozo, Mario (1930), Joias arcaicas encontradas en Portugal, A Coruña: Nós.
López Cuevillas, Florentino e Fermín Bouza Brey (1927), Bibliografía da Prehistoria galega, A Cruña: Nós.
López Cuevillas, Florentino (1928), Prehistoria e folklore da Barbanza, A Cruña: Nós.
López Cuevillas, Florentino e Luciano Fariña (1933), Tres estacións de arte rupestre na serra do Leboreiro, Santiago: Nós.
Serpa Pinto, R. de. (1929), Petrogrifos de Sabroso e a Arte rupestre en Portugal, A Cruña: Nós.
- Sección de Historia
Cabeza de León, Salvador (1926), Un episodio de la vida académica de D. Domingo Fontán, A Coruña: Roel.
Castelao, Alfonso Daniel e Fermín Bouza Brey (1933), Escudos de Rianxo, Santiago de Compostela: Nós.
Cotarelo Valledor, Armando (1927), Un incunable compostelano, A Coruña: Roel.
Pedret Casado, Paulino (1932), Traducción galega da obra de San Martiño de Braga «De Correctione rusticorum», Santiago de Compostela: Nós.
Vázquez Martínez, A. (1932), Notas encol da laboura de restauración de documentos, Santiago de Compostela: Nós.
- Sección de Arqueoloxía e Historia da Arte
Filgueira Valverde, Xosé (1929),A eirexa prerrománica de Francelos, A Cruña: Nós.
Ross, Marvin Chauncey (1933), O esmalte cloisonne da crus de Allariz, Santiago de Compostela. Nós.
Tobío Fernández, Lois (1933), A eirexa de Santa María de Viveiro, Santiago de Compostela: Nós.
- Sección de Filoloxía e Historia da Literatura
Algunhas normas pra unificazón do idioma galego (1933), Santiago de Compostela. Nós.
- Sección de Arte e Literatura
Bouza Brey, Fermín (1933), Nao senlleira, Santiago de Compostela: Nós.
Cabanillas, Ramón (1926), Na noite estrelecida, A Cruña: Lar.
Castelao, Alfonso Daniel (1929), Cousas II, A Cruña: Nós.
Castelao, Alfonso Daniel (1926), Cousas I, A Cruña: Lar.
Cotarelo Valledor, Armando (1926), Hostia, A Cruña: Lar.
- Sección de Xeografía
Casas Blanco, Álvaro das (1935), A illa de Ons, Santiago de Compostela: Nós.
Otero Pedraio, Ramón (1929), Síntesis xeográfica de Galicia, A Cruña: Lar.
Otero Pedraio, Ramón (1927), Unha impresión da Galicia do Sul no derradeiro ano do século XVIII, A Cruña: Nós.
Risco, Vicente (1933), Ultreya. Barbanza, 3ª xeira, Santiago de Compostela: Nós.
- Sección de Etnografía e Folklore
Castelao, Afonso R. (1930), As cruces de pedra na Bretaña, Pontevedra: Antúnez.
Lorenzo Fernández, Xaquín (1933), Notas pra un cuestionario de Etnografía. Embarcacións, Santiago de Compostela: Nós.
- Sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas
Anteproyeito de Estatuto de Galiza (1931), Santiago de Compostela: Nós.
Exposizon presentada pol-a poñenza encarregada de redatar o Anteproyeito de Estatuto da Galiza (1931), Pontevedra: Antúnez.
Ferreiro Cid, Asdrúbal (1928), Datos para un ensayo de autonomia administrativa de Galicia, Pontevedra: Peón.
- Sección de Ciencias Naturais
Parda Pondal, Isidro (1927), El yodo en las algas de Galicia, Santiago de Compostela: El Eco Franciscano.
BIBLIOGRAFÍA
- Cuadernos do Laboratorio de Formas de Galicia (2023), Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos (Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, reed.), Santiago de Compostela: Secretaría Xeral de Política Lingüística (traballo orixinal publicado en 1978).
- Rivo Vázquez, María; García-Fernández, Miguel, e Fernández González, Jennifer (2024), Guía didáctica. O Seminario de Estudos Galegos, Santiago de Compostela: Centro Superior de Investigaciones Científicas.