«Retrincos sobre a produción narrativa en lingua galega de comezos do século XX»

Esta colaboración ten por obxecto facermos un roteiro, consonte a periodoloxía de Carballo Calero (1981), polo panorama literario galego dos dous primeiros decenios do século XX, aludindo ás obras escritas en galego ou maioritariamente escritas nesta lingua. A pretensión non é de exhaustividade, senón de abranguer aqueles traballos máis relevantes, consonte a cronoloxía, para lle proporcionar ó/á lector/a unha idea ó máis fiel posíbel á realidade.

En primeiro termo, abordarémo-la obra dun dos díádocos, Uxío Carré Aldao:

1. Uxío Carré Aldao1 escribiu Contos da forxa, publicado en 1919 na colección ¡Terra a Nosa!, Supremento de El Noroeste. Consta de seis contos: cinco apareceran na obra Raiolas, o único novo é o intitulado «O escribán» e a nota introdutoria «A quen me lere», na que manifesta a procedencia oral dos contos, recollidos durante unha «tertulia campesina» na forxa dun ferreiro.

Tamén realizou outros relatos dados a coñecer en prensa. No Almanaque Gallego, de Bos Aires, de 1901 publicouse «Idilio», que se reproduciu no nº 26 (12–XII–1908) e no nº 206 (1–XI–1924) d’A Nosa Terra. Precisamente, A Nosa Terra acolleu os seguintes relatos: tres co pseudónimo Xan de Martinete, «A mellor cena (Conto de Nadal)», «¡Solo!», «A festa da aldea (histórico)», publicados, respectivamente, nos números 20 (28–XII–1907), 25 (4–II–1908) e 29 (4–III–1908), e outros dous sen el, «O premio (Conto do día de reises)» e «O hórreo», saídos á luz o primeiro no nº 21 (4–I–1908) e o segundo no nº 160 (1–IV–1922). Por último, na Revista Gallega, da Coruña, saíron á luz «Problema», no número do 22 de febreiro de 1903 e novamente no nº 23 (19–I–1908) d’A Nosa Terra, e «O mellor presente», no nº 408 (11–XI–1903). A obra narrativa de Carré Aldao, en suma, caracterízase, como xa se indicou, pola raizame popular e polo enfoque moralizante.

1 Vid. Hermida (1995), pp. 90–93, e Romero Triñanes, ed. (2000).

A continuación, debullaremos aquelas obras, coas correspondentes liñas isotópicas –sempre e cando sexa posíbel–, dos epígonos:

1. Francisco Camba1 foi autor de tres libros: O terruño, dado ó prelo lugués da Imprenta de Juan Antonio Menéndez en 1900, novela que aborda o amor entre Pepe e Rosa que, malia a inicial oposición do pai ó matrimonio, finaliza en nupcias, e mais Novelas lóstregos. Amor de pai e No Hespital, publicados o primeiro no nº 252 (1–IV–1900) e o segundo no nº 447 (8–V–1904) da Revista Gallega.

1 Vid. Carballo Calero (1981), p. 509, e Tarrío Varela, dir.

2. Nicolás Fort Roldán1 realizou a obra bilingüe, de temática costumista, A terriña, publicada no ano 1903 en El Eco de Galicia, de Buenos Aires.

1 Vid. Carballo Calero (1981), p. 509, e Tarrío Varela, dir.

3. Heraclio Pérez Placer1 escribiu Beira do lar (Cuentos gallegos), probabelmente de 1903. Trátase do terceiro e derradeiro volume de prosa redactado en galego. A edición realizouna a Casa Editorial de José Gali Camps e a impresión a Tipografía de El Eco de Santiago.

O prólogo inicial «Al lector», asinado por «Los Editores», presenta varias partes. Na primeira loa a traxectoria persoal e literaria do escritor. Despois, abórdase a produción literaria do escritor ourensán e a presenza do naturalismo na súa obra. Este apartado tamén interese por reproducir unha crítica loatoria de Eladio Rodríguez González.

Esta miscelánea acolle dez relatos inéditos («A pior cuña», «A embocadura», «Por casualidá», «A lira de Breogám», «Xuicio de faltas», «Buscando fío», «Un sermón en Noia», «A cocada», «Inverniza» e «O sapo e o verme de lus»), ademais doutros trece xa incluídos en Contos, eendas e tradiciós e Contos da terriña («¡Rillote!…», «¡Fillo!…», «A outro can con ese óso», «A bo zorro, mellor can», «Avelaíñas», «Rapañota de xasmís», «Cóxegas», «Niño desfeito», «¡Mentirán!», «O emigrado», «Farruco», «Solfa» e «Pitirroxos»). Tamén contou con catro poemas narrativos.

1 Vid. Soto López, ed. (1998).

4. José Baña Pose1, baixo a sinatura Varilongueiro, realizou os contos «Cousas do crego», «Un sono» e
«A un oleiro», publicados, respectivamente, nos números 120 (17–IX–1899), 123 (8–X–1899) e 365 (29–V–1904) de Follas Novas. No nº 346 desta publicación figura co pseudónimo Pepe de Xan Baña a historia «Traballos que son honras, honras que son traballos». En definitiva, a obra deste xallense caracterízase pola impronta autobiográfica e pola problemática emigratoria.

1 Vid. Información extraída das obras referidas, presentes na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela.

5. Manuel Lugrís Freire publicou o libro Contos de Asieumedre. Editouse por primeira vez en 1908 na Tipografía e Litografía Lorman. Trátase dun opúsculo de trinta páxinas, nos que figuran oito relatos, distribuídos entre os labregos pola entidade sociopolítica Solidaridad Gallega. Un ano despois, saíu unha segunda edición, con vinte relatos máis. Ata 1920, non dispuxo doutra edición, que acolleu dous contos máis, «O verbo» e «Con polaina e media».

1 Vid. Lugrís Freire, ed. (2000).

Os oito relatos da primeira edición son: «Axúdate», «¡Boa proteición!», «Homero», «A liberdade. O lobo e mail–o can», «A nogueira», «O primeiro sangue», «O xiro do sancristán» e «¡A xusticia!».

Os oito relatos da primeira edición son: «Axúdate», «¡Boa proteición!», «Homero», «A liberdade. O lobo e mail–o can», «A nogueira», «O primeiro sangue», «O xiro do sancristán» e «¡A xusticia!». En 1909, engadíronse «O aforrón», «Un aldraxe», «Boa meiciña», «Boa resposta», «Bótelle terra», «Unha cantiga de Chané», «O carneiro», «Entre compañeiro», «O escarmento», «A espada do fidalgo», «¡Esquenceuse!», «A illa milagreira», «Ir por lan», «Os lobos», «O mellor amante», «Protestante», «Unha regueifa», «Os tres soldados», «Volve por outra» e «O vimbio mailo pino». A maior parte deles presentan unha temática realista que focaliza a atención na parcela social e reivindicativa e sitúanse ben na comarca natal do autor ben noutros lugares reais, como acontece en «Axúdate», na ría de Ares e Ferrol; «Protestante» e «A illa milagreira», nas Rías Baixas, e «Unha cantiga de Chané», en Ponteareas. Rexístranse indeterminados temporalmente, aínda que «Unha cantiga de Chané» e
«Ir por lan» se localizan na época do autor.

6. Fortunato Cruces Angueira1 escribiu abondosos relatos que saíron á luz nas publicacións da diáspora. Algúns deles formaron parte dos libros Primeiras follas. cantos e copras (Bos Aires, 1898), Castañolas. Contos. Cartas. Discursos. Cantares e outras cousas (Bos Aires, 1913) e Cousas gallegas (Bos Aires, 1923). Neles, ademais de textos de diversa índole, rexístranse relatos costumistas cun ton moralizante.

1 Vid. Carballo Calero (1981), p. 510, e Tarrío Varela, ed.

7. Francisco Porto Rey1, de orixe arousán, salienta pola publicación da novela Fermosinda, que viu a luz en 1918 na Tipografía do Eco de Arosa. Principia cun prólogo da autoría de Gonzalo Albarrán para, logo, inseri–lo texto, que presenta unha estrutura interna pertencente ó «conto de fadas». A acción localízase nas terras do Salnés durante a Idade Media. Desenvolve o namoramento de Margarida e Lizgairo, que na parte final muda os seus sentimentos a favor de Fermosinda.

1 Vid. Carballo Calero (1981), pp. 502–503.

8. Francisca Herrera Garrido1foi autora de tres libros en prosa: Néveda, impresa nas dependencias de Roel en 1920; A y–alma de Mingos, e Martes d’antroido, estes dous últimos publicáronse no nº 8 de Colección Céltiga e no nº 6 da Colección Lar, respectivamente. A primeira é unha novela longa na que se aborda o amor de Serxo Castiñeiras, xuíz de familia acomodada, por Amparo, orfa e criada da súa casa. A oposición da irmá do xuíz materialízase no ocultamento da moza na casa dun caseiro, da que foxe. Transcorrido un tempo, Amparo, a piques de morrer, envíalle unha carta para lle encomendar a filla que tivera con el, Néveda. Logo de saber que esperaba unha filla da súa muller, Amparo, a quen lle informara da existencia da filla ilexítima, Serxo instala a Néveda, canda ó crego que asistira á nai e a Bieita, nun pazo cercano. As pretensións dun dos fillos da criada polas dúas fillas chega ata o punto de querer entrar unha noite na habitación de Amparo, frustrada tal idea pola intervención de Néveda. A voz narrativa presenta abondosos cambios e abundancia de monólogos e diálogos. A grandes liñas, a obra da escritora, tanto poética como prosística, nútrese da vertente folclórica de Rosalía de Castro.

1 Vid. Carballo Calero (1981), pp. 493–498, e VV. AA. (2001), pp. 14, 26 e 153.

No período postrenacentista, a produción narrativa abrangue os seguintes escritores:

1. Manuel Vidal Rodríguez1escribiu a obra bilingüe Don Porrazo ó mi cubierto de plata, á guisa de novela de costumbres gallegas, saído do prelo da Tipografía de la Revista de Archivos en 1909. Tamén realizou outros dous libros: Contos galegos d’antano e d’hogano, imprentado na Tipografía de El Eco Franciscano en 1920, no que, como ben sinala o autor no prólogo, a maioría dos relatos proveñen da tradición oral, e Deixe que xa…, cuentos y novelas cortas de asunto gallego, título análogo ó anterior en canto á tipoloxía narrativa.

1 Vid. Carballo Calero (1981), p. 549.

2. Avelino Rodríguez Elías1 realizou máis de douscentos relatos en galego. A continuación, escolmamos algúns que figuran coa sinatura Chuco de Canedo na sección «Contos do Turreiro» de El Tea: «Ó entrar», «Vivas e morras» e «A pastilla de xabón», publicados, respectivamente, nos números do 17, 24 e 31 de agosto de 1912; «Sempre protestante», «Cousas de Guillade» e «Cañonazo», dados a coñecer, respectivamente, nos números do 1, 8 e 22 de febreiro de 1913, e «A sorte dun madrugador»,
«¡Hastra os santos tiveron fame!» e «Lembranzas do entroido», que figuran nos números do 6, 13 e 20 de febreiro de 1913. Os relatos presentan, polo xeral, un esquema tradicional de introdución, nó e desenlace. A temática acolle as alusións críticas á miseria do pobo galego e as irregularidades que sofre o campesiñado. Así, Rodríguez Elías retrata fielmente a sociedade da época. Na actualidade, a produción narrativa en galego rexístrase nun volume editado en 2010 polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

1 Vid. Rajó Pazó, ed. (2010).

3. Francisco Potel Pardal1escribiu a obra costumista Costumes da terriña (Santiago de Compostela, 1911), con prólogo de Emilio A. Villelga Rodríguez. Comprende catorce relatos: «Ani–novo»,
«A morte do porco», «O entroido», «O pormeiro día de coresma», «A semana maor», «Rompe o día»,
«O maio», «A noite de San Xoán», «Unha tarde no rueiro», «A festa», «A espadela», «O día dos mortos»,
«Un casamento», «As fiadas» e «Noite boa». Catro deles («Ani–novo», «A morte do porco», «A semana maor» e «Rompe o día») apareceron en El Eco de Galicia, de Bos Aires, durante 1911.

1 Vid. Carballo Calero (1981), p. 560.

4. Javier Montero Mejuto1foi autor de Monicreques, saído do prelo de El Eco de Santiago en 1910, que abrangue poesías e prosas de reducidas extensións nun estadio intermedio entre a estampa e o cadro de costumes.

1 Vid. Carballo Calero (1981), p. 510, e Tarrío Varela, ed.

5. Rogelio Rivero1publicou, entre outros,os librosFungueirazos. Contos gallegos (1916) e Cóxegas. Contos gallegos (1920). Cultivou unha narrativa vertebrada co costumismo, nunha liña festiva e naturalista; o enfoque satírico e caricaturesco e mailo humor negro, á hora de expor aspectos do mundo aldeán.

1 Vid. Tarrío Varela, ed.

Para rematarmos, cómpre analizar algunhas obras narrativas dos representantes das Irmandades da Fala:

1. Vicente Risco1 (Ourense, 1884–1963) deu ó prelo a novela Do caso que lle acontecéu ao Doutor Alveiros, publicado no volume 7 (10–IV–1919) da Colección ¡Terra a Nosa!, Supremento de El Noroeste. É o primeiro relato en galego de Risco, no que se recollen as peripecias de Bieito Alveiros para, finalmente, libera–lo esqueleto de Tutankhamon. Detéctanse tópicos literarios previos ó nacionalismo, como o exotismo e o esoterismo.

1 Vid. Carballo Calero (1981), pp. 639–643, e VV. AA. (2001), p. 65.

2. Afonso Castelao1 (Rianxo, 1886–Bos Aires, 1950) impartiu unha conferencia en 1920, na que pronunciou Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete. En 1922 publicouse na Colección Céltiga.

Acolle diversas historias breves co trazo común do lugar e do narrador. Comprende tres partes: un prólogo e un epílogo, ademais do texto. A modalización narrativa en primeira persoa, o Castelao «médico», serve de elemento vehicular para as memorias, ou sexa, semblanzas de difuntos escenificadas nun cemiterio. A lectura desta obra amosa contradicións ideolóxicas entre as pretensións agraristas e as derivadas do nacionalismo das Irmandades da Fala.

1 Vid. Carballo Calero (1981), pp. 652–659, e VV. AA. (2001), pp. 84–87.

3. Antón Losada Diéguez1, coa sinatura Anton Lousada Diegues, inseriu dous textos na publicación pontevedresa Alborada: Camiñantes (Leenda), publicado no nº 2 (xuño de 1922) e reproducido no nº 8 (15–I–1925), e Amañecer (Conto), tamén no nº 2. O primeiro é unha lenda celta de creación persoal que continúa a liña neoceltista iniciada por Vicente Risco, e o conto Amañecer.

1 Vid. Carballo Calero (1981), pp. 686–687; G. Beramendi (1985), e VV. AA. (2001), pp. 17, 27, 29, 35, 59 , 60 e 81.

BIBLIOGRAFÍA

Agrelo Costas, María Eulalia, ed. 2000. Obra narrativa en galego de Aurelio Ribalta y Copete. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia/Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, col. Narrativa Recuperada.

Beramendi González, Justo. 2007. De provincia a nación. Historia do galeguismo político. Vigo: Edicións Xerais de Galicia/Fundación Caixa Galicia.

Campos Villar, Xabier, ed. 2006. A obra narrativa en galego de Manuel Lugrís Freire. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia/Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, col. Narrativa Recuperada.

Carballo Calero, Ricardo. 1981. Historia da literatura galega contemporánea 1808–1936. Vigo: Editorial Galaxia, 3ª ed.

Couceiro Freijomil, Antonio. 1951–54. Diccionario bio–bibliográfico de escritores. Santiago de Compostela: Editorial Bibliófilos Gallegos, 3 vols.

Estébanez Calderón, Demetrio. 1996. Diccionario de términos literarios. Madrid: Alianza Editorial.

G. Beramendi, Justo. 1985. Losada Diéguez. Obra completa. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Universitaria.

Genette, Gérard. 1987. Seuils. París: Seuil.

González de Gambier, Emma. 2002. Diccionario de Terminología Literaria. Madrid: Síntesis.

Hermida, Modesto. 1995. Narrativa galega: Tempo do Rexurdimento. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Universitaria.

Rajó Pazó, Anxo X., ed. 2010. Contos do Turreiro. Avelino Rodríguez Elías. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia/Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, col. Narrativa Recuperada.

Rodríguez González, Eladio. 2001. Eladio Rodríguez González. Escolma (estudos a cargo de Constantino García e Luís Alonso Girgado e mais cronobiografía e hemerografía por Teresa Monteagudo). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia/Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Romero Triñanes, Mario, ed. 2000. Uxío Carré Aldao. Obra narrativa en galego. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia/Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, col. Narrativa Recuperada.

Soto López, María Isabel, ed. 1998. Obra narrativa en galego de Heraclio Pérez Placer. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia/Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, col. Narrativa Recuperada.

Tarrío Varela, Anxo. 1994. Literatura Galega. Aportacións a unha Historia Crítica. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Universitaria/Manuais, 1ª ed.

_____, dir. Dicionario sistémico da literatura galega do Rexurdimento. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia/Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (en proceso de edición).

VV. AA. 1996. Historia da literatura galega. Vigo: A Nosa Terra/AS–PG, 5 vols.

_____. 2001. Literatura galega. Século XX. Vigo: Edicións A Nosa Terra, col. Historia de Galicia, serie Monografías.

_____. 2003.Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Lugo: El Progreso/Diario de Pontevedra, 54 vols.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Scroll al inicio