«Manuel Lugrís Freire, unha vida ó servizo das conviccións lingüísticas e ideolóxicas»

Esta colaboración recompila nocións da vida e da obra de Manuel Lugrís Freire.

1. Achega bibliográfica

Manuel Lugrís Freire naceu en Sada (A Coruña) o 12 de febreiro de 1863. Vinte anos despois emigrou a Cuba. Alí traballou como contable na firma Otamendi Amiel e entrou en contacto coa comunidade galega da illa caribeña. En 1884 ocupou o cargo de vogal da xunta directiva do Centro Galego da Habana e empezou a colaborar na publicación El Eco de Galicia, baixo a dirección de Waldo Álvarez Ínsua.

En 1885 ó sadense nomeárono socio de honra do Liceo Artístico y Literario de Regla e do Casino Español de Guanabacoa. O 5 de xullo deste ano fundou A Gaita Gallega. Trátase da primeira publicación da diáspora escrita só en lingua galega que a codirixiron, redactaron e administraron Roque das Mariñas (Lugrís Freire) e Chumín de Céltegos (pseudónimo de Ramón Armada Teixeiro).

A finais da década de 1880, Lugrís cambiou varias veces de ocupación laboral, tal e como se constata en 1888 na empresa Hermanos González y Cía. e dous anos despois en Urisandi Álvarez. Na década seguinte, en 1894, foi un dos organizadores da homenaxe a Manuel Curros Enríquez na Habana. Dous anos despois, retornou a Galicia coa súa primeira muller (Concepción Orta Iglesias), con quen tivo só unha filla, Socorro Lugrís Orta.

A finais deste século morreu a súa muller, o que provocou pesar no autor e a dedicatoria do seu poemario Noitebras. Tempo despois namorouse de Pura González Varela. Desta unión naceron cinco fillos. En 1897 formou parte da dirección da Liga Gallega e redactor, xunto a Uxío Carré e Salvador Golpe Varela, do Regramento da Sociedade Liga Gallega na Cruña.

Sen saírmos de 1897, comezou as colaboracións na Revista Gallega. Nesa altura relacionouse coa intelectualidade herculina, especialmente coa galeguista. Poñamos por caso a participación no faladoiro Cova Céltica.

O ano 1903 singularizouse por dous aspectos, maior estabilidade laboral e intensa actividade teatral. O primeiro dato alicérzase no ingreso na compañía «Sociedad Anónima Aguas de La Coruña», entidade á que estivo vinculado ata o retiro, por enfermidade, cando ostentaba o cargo de secretario do Consello de Administración. Precisamente, neste ano substituíu a Galo Salinas na presidencia da Escola Rexional de Declamación. Un ano despois asistiu á inauguración do monumento ós Mártires de Carral.

O 4 de setembro de 1905 Manuel Lugrís Freire foi un dos corenta académicos de número da Academia Gallega. Tras dous anos, creou Solidaridad Gallega. Esta organización agrarista dispuxo dun manifesto, redactado por Rodrigo Sanz e asinado por corenta e catro persoeiros, no que se mencionan tres finalidades: activación da participación política, educación do electorado e loita contra o caciquismo. Subxace nelas, en poucas palabras, o impulso do desenvolvemento rexional e a loita contra o caciquismo.

O intervalo 1907-1908 caracterizouse pola actividade xornalística, n’A Nosa Terra, relativa ás actividades de Solidaridad Gallega. O 4 de decembro de 1907 creouse o Centro Solidario na Coruña, con domicilio social no número 19 do Cantón Grande. Na xunta directiva local detectamos Segundo Moreno Barcia (presidente), Lugrís Freire, Rodrigo Sanz, Uxío Carré Aldao e Santiago Casares (estes últimos en condición de vogais).

Ó ano seguinte, concretamente o 21 de xaneiro de 1908, Lugrís, xunto a Rodrigo Sanz e Francisco Catoyra, interviu en lingua galega noutro mitin organizado pola sociedade de labregos «El amparo de los pobres» de Carral. Ó mes seguinte tamén asistiu a outro mitin en Sarandóns planificado por asociacións agrarias de Carral e Abegondo.

Por volta do ano 1916, a raíz da solicitude de Antón Villar Ponte para funda-la primeira Irmandade da Fala, foi unha das trinta persoas que acudiu ós locais da Real Academia Galega. Nesta primeira xuntanza computamos, entre outros, os irmáns Carré Aldao, Rodrigo Sanz, Francisco Tettamancy, Lois Porteiro Garea e Manuel Bante Fontenla. Así mesmo participou nas asembleas nacionalistas en Lugo e Santiago de Compostela. A súa presenza, en poucas palabras, deixouse sentir dende os primeiros pasos do nacionalismo. Pensemos, por exemplo, no cargo de vogal do Consello da Irmandade da Fala da Coruña, na docencia dun curso de lingua galega para os membros das Irmandades os martes e os xoves e nos cometidos de redactor e colaborador da revista A Nosa Terra.

En xuño de 1917 participou nas honras fúnebres a Eduardo Pondal. Seis anos despois, ingresou como socio correspondente no Seminario de Estudos Galegos.

O 14 de marzo de 1926 participou nos actos literarios do Seminario de Estudos Galegos para homenaxea-lo traballo de Carolina Michaëlis de Vasconcellos. A finais de década de 1920, executou unha intensa actividade social e política. Pensemos por exemplo nos ingresos de Vicente Risco e Ramón Otero Pedraio na Real Academia Galega.

No ano 1930 elaborou o programa do Partido Autonomista Republicano Agrario para a campaña electoral. Ó ano seguinte ingresou no Partido Galeguista. O 28 de abril de 1934 accedeu á presidencia da Real Academia Galega, despois da renuncia de Eladio Rodríguez González por enfermidade. Seis anos despois, nomeadamente o 15 de febreiro, faleceu na Coruña.

2. Obra

2.1. Poesía

  • Soidades (versos en gallego) (1894): este poemario tirouno do prelo a Imprenta do Avisador Comercial. Leva a dedicatoria á nai e á Sociedade de Beneficencia dos Naturais de Galicia na Habana. Inclúe vinte e oito poemas. Deles algúns xa viron a luz en prensa. Precédeo unha
    «Carta prólogo», de Manuel Curros Enríquez, na que mostra sorpresa pola creatividade e admiración cara a Lugrís pola divulgación e dignificación da lingua galega, cultura e historia de Galicia. Ó final leva o apéndice «A fala gallega», consistente na defensa exaltada da condición de lingua para a galega.
  • Noitebras (1901) confórmase de dez poemas, con protagonismo da muller, e outros once de tipo social, de evocacións míticas do pasado da patria galega e de apelación á unidade e á loita.
  • Versos de loita (1919) contén vinte e tres poemas, moitos difundidos con anterioridade na prensa coetánea, presenta, maioritariamente, que tratan o celtismo, a apelación á loita e o contido social e reivindicativo.
  • Ardencias (1927), dedicada á mocidade galega.
  • As mariñas de Sada (1928), coa dedicatoria «Sada y sus contornos».

2.2. Narrativa

  • O penedo do crime: esta novela curta viu a luz por entregas na publicación da Habana El Eco de Galicia dende o 14 de setembro ata o 28 de decembro de 1884. Articúlase en once capítulos, precedidos de numeración romana, e un epílogo final curto, cun resumo da evolución dos personaxes. Trátase dunha obra monolingüe en galego na que hai unha historia de amor entre dous adolescentes, cun pasado turbulento ou descoñecido, e un embarazo non desexado. Presenta como modalizacións narrativas a ominisciencia autorial e o autor implícito en primeira persoa. Salientan as indicacións temporais cun distanciamento de cen anos (1790) respecto ó instante da escrita e un repertorio reducido de personaxes (Marica, Xuana e Mingos), sen afondamento psicolóxico.
  • Contos de asieumedre contou con varias edicións. A primeira, saída do obradoiro da Tipografía e Litografía Lorman en 1908, incluía oito relatos nunha edición de vinte mil exemplares distribuída por Solidaridad Gallego entre os labradores. Na segunda engadíanse os contos
    «O verbo» e «Con polaina e media». A terceira, presente como número 17 da colección O moucho, editouse co encabezamento A carón do lar. Os contos, a grandes liñas, caracterízanse pola ominisciencia autorial en terceira persoa, unha temática verosímil con pinceladas realistas e a localización na bisbarra natal do autor (as Mariñas coruñesas) ou sen determinación espacial.

2.3. Ensaio

  • No ano 1922 publicou a Gramática do Idioma Galego. Divídese no prólogo «Unhas palabras do autor», a xustificación da realización e as partes «Fonética», «Morfoloxía», «Sintaxis»,
    «Aditamentos» e «Mostras literarias».

2.4. Oratoria

  • Relatorio (6-X-1907) pronunciado en lingua galega en Betanzos diante de sete mil persoas. Esta disertación principia cunha defensa do galego e a seguir enfatiza a problemática da emigración. Finaliza comparando os abusos dos señores feudais coa dinámica caciquil.
  • Discurso (27-X-1907) en Cambre, coa mesma temática do anterior.
  • Relatorio (21-XII-1907) na sección ateneística do Circo de Artesáns, intitulada «La tolerancia y los nuevos ideales».
  • Discurso (11-II-1917) en Ferrol, no Salón Amboage. A intervención subliñou a liberdade dos pobos naturais como o único camiño para acada-la fraternidade universal.
  • Disertación de ingreso (20-XI-1923), sobre Eduardo Pondal, como socio correspondente no Seminario de Estudos Galegos.
  • Discurso (27-XI-1924) na homenaxe da Real Academia Galega no Teatro Rosalía de Castro para conmemora-lo cuarto centenario do nacemento de Luis de Camões.
  • Disertación (14-III-1926) nos eventos literarios do Seminario de Estudos Galegos para lle render tributo a Carolina Michaëlis de Vasconcellos.
  • Discurso (11-VIII-1934) na inauguración do monumento a Manuel Curros Enríquez nos xardíns de Méndez Núñez (A Coruña).

2.5. Teatro

  • A costureira d’a aldea, inédita, consta dun acto dividido en trece escenas. Conxuga o xogo amoroso e a defensa da identidade galega, como reacción ridiculizadora da cidadanía galega nas representacións teatrais na Habana.
  • A ponte estreouse no Teatro Principal da Coruña o 18 de xullo de 1903. Contén a dedicatoria a Manuel Salgado Rosende. Trata os abusos caciquís.
  • Minia representouse no Teatro Jofre de Ferrol o 19 de marzo de 1904 coa dedicatoria a Luciano Marchesi Buhigas. Desenvolve a historia dunha nai nova e solteira que vive con Fiz, fillo desta con Xacobe (fillo do cacique) cando traballa de servinte na casa dos fidalgos.
  • Mareiras estreouse no Teatro Principal da Coruña o 16 de outubro de 1904. Iníciase coa dedicatoria á súa muller, Pura González Varela. Evoca personaxes da infancia en Sada.
  • Esclavitú publicouse en 1906 e tres anos despois estreouse. Conta cunha dedicatoria a Andrés Martínez Salazar. Este drama componse de dous actos en prosa. Trata a ameaza de perde-los sinais da identidade galega e, consecuentemente, a proposta de reaccionar.
  • O pazo deuse a coñecer en 1917. Estamos diante dunha comedia, distribuída en dous actos en prosa, que protagoniza un fidalgo no marco da reconciliación e a irmandade entre fidalgos e labregos.
  • A estadeíña viu a luz en 1919. Trátase dunha comedia, dividida en dúas xornadas en prosa, que aborda a vivencia positiva da emigración.

BIBLIOGRAFÍA

Alonso Girgado, Luis, dir. (1999), A Gaita Gallega. «Repinica muiñeiras, alboradas e fandangos unha vez ‘o mes». A Habana (1885-1889), Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, ed. facsímile.

Campos Villar, Xabier, ed. (2000), A obra narrativa en galego de Manuel Lugrís Freire, Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, col. Narrativa Recuperada.

López, Teresa, ed. (2006), A costureira d’a aldea. Manuel Lugrís Freire, A Coruña: Universidade da Coruña, Facultade de Filoloxía, Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Scroll al inicio