«Abordaxe preliminar da publicación A TÍA CATUXA»

Esta colaboración realiza unha caracterización técnica e aspectos do contido da publicación pontevedresa A tía Catuxa.

1. Caracterización técnica

Este «Somanario gallego de intereses rexionales e literatura» apareceu en Pontevedra o 29 de novembro de 1889. Dirixírono Francisco Portela Pérez, que tamén foi o fundador, e Rufino Ribera Losada. Como ben sinala Barreiro Fernández (1993), coñeceu dúas etapas. A primeira abranguía entre o 29 de novembro e o mes de decembro de 1889 e a segunda, dende o 4 de xaneiro ó 22 de febreiro de 1891. Este hiato constátase no editorial do 4 de xaneiro de 1891:

Eiquí teñen de novo A Tía Catuxa, tan forte e rexa como estaba fai agora un ano en que deixou de visitalos.
[…]
Pois porque xemamos e nos desbauticemos por vernos esmendrallados y–aguniando co–a fame, leve xuncras si eses grandes labercos y–aduanantes d’a políteca qu’ están empoleirados n–os altos escanos d’o Congreso, moven unha mirada de compasión car’a nosoutros. Por churumicar, non adiantamos nada; nin máis nin menos qu’ ô que adiantou o negro d’o sarmón».

A boa receptividade cara á publicación evidénciase no editorial «Satisfeita» do nº 12 (11–I–1891).

Xa creo á vostés ô tanto d’a estraneza que causou o ver sair de novo A TIA CATUXA pol as calles d’a Vila, e d’a legria que esprimentaron mozos e vellos, grandes e pequenos, co–a visita d–esta vella churrusqueira.
[…]

Iba dicindo qu’A Tia Catuxa tivo un recibimento á carta–cabalo, cal non se prometía. Soilasmente unhas cantas rapazas d’esas do bó palmito puxeron o entreceño un pouco máis prenunciado».

As dependencias da redacción e da administracións estaban no n.º 27 da rúa Isabel II. Saía do prelo de A. Landín tódolos domingos.

Esta publicación monolingüe en galego prestou especial atención ó humor de carácter popular. Acollía lendas, poesías, cantares e contos galegos, así como artigos históricos e de costumes. Estrutúrase nas seccións «Lerias», «Lostregazos», «Costumes populares de Galicia» e «Gromos»». Na portada salienta por leva-la imaxe dunha vella sentada fiando e na parte superior o escudo de Galicia, con sete cruces e mailo cáliz. Só hai un número que, no canto de figura-la citada ilustración, presenta un paisano vestido co traxe tradicional galego.

2. Caracterización interna

O eido poético destaca pola abundancia de textos. A continuación, efectúase un pequeno inventario das composicións que apareceron nas súas páxinas: «Xa ch’o vexo», «Epigrama», «Vaya unhos gromos!», «Cantares» e «Cantinelas», os cinco de Cesáreo L. Pinal; «Precauciós d’un portuxés», sen sinatura; «O confurco», de E. Nuñes Sarmiento; «¿Quèn me aconsella?», de Xan; «¡Qué demo de cousas!», de Mefistófeles; «Duas noites», de Pio L. Cuiñas; «Vida e morte», de M. Lois Vasques; «A Xan», de Pinalete; «Meiciña», de A. V. T.; as diversas poesías, sen título específico e baixo o encabezamento «Palique», de Xavier Valcarce Ocampo, e outra sen título, de R. Pesqueira Crespo.

Malia non acada-lo número de frecuencias da poesía, a narrativa figura con seis relatos. A seguir, plasmámolos: «Os concertos», de F. Portela Pérez; «Cousas d’o demo», sen asinar; «O amigo de S. Pedro» e «A intención basta», os dous de X. Barral; «O que son os casamentos pol–a nova», sen sinatura, e «Conto», de Marcial Valladares.

No terreo ensaístico rexístranse os escritos de natureza etnográfica «A romaría», de F. Portela Pérez, publicado nos números 12, 13 e 14, e «Filosofías d’o Entroido», de X. L. Otero. O primeiro leva como encabezamento uns versos extraídos dunha obra de Cesáreo Rivera e V. M. Vázquez.

BIBLIOGRAFÍA

Barreiro, X. R. (1993), «Semanario íntegramente en gallego», La Voz de Galicia, A Coruña: 9–I–1993.

HEMEROTECA

Instituto da Lingua Galega

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Scroll al inicio