«Apuntamentos acerca da publicación CÉLTICA (Porto)»

Este artigo ten por obxecto plasmar algúns datos técnicos da publicación de Porto Céltica. Esta iniciativa pretendía afortala-las relacións entre Galicia e o norte de Portugal.

1. Caracterización

Esta publicación de Porto, subtitulada «Caderno de Estudos Galaico-Portgueses», apareceu dende 1960 ata 1961. Levaba dous lemas: o primeiro, «Iniciação do Grupo de Estudos Galaico-Portugueses em projecto e estudo», durante os números 1 e 2 e o segundo, «Iniciação para a formação do Círculo de Estudos Galaico-Portugueses em projecto e estudo», nos números 3 e 4. Fundouna, editouna e coordinouna Manuel Oliveira Guerra. Pola súa parte, o deseño gráfico efectuouno António Leite. A redacción e a administración estaba no número 603 da Rua de Pinto Bessa. Imprimiuna a Escola Tipográfica da oficina de São José, que tirou do prelo catro cadernos paxinados de forma correlativa con cadansúa separata.

Esta publicación abordaba aspectos culturais, cunha temática heteroxénea, que recollía colaboracións literarias e artigos acerca de Galicia e Portugal. Pretendía estreita-los lazos entre os dous pobos e restaura-lo espírito galaico. Incluía as seccións «Movimento em marcha», «Estudos», «Artes plásticas», «Letras», «Prosadores da Galiza e de Portugal» e «Poetas da Galiza e de Portugal». O seu deseño salienta pola maquetación en cor das cubertas. A lingua portuguesa foi maioritaria, aínda que encontramos un poema en catalán e textos en castelán e galego.

A nómina de colaboradores divídese en activos e pasivos. Por unha parte, entre os activos figuran A. Abuín de Tembra, Leonor de Almeida, Xosé María Álvarez Blázquez, María Victoria Armesto, Alice de Azevedo, Diego Bernal, Rebelo Bonito, Leandro Carré Alvarellos, Lois Carré Alvarellos, T. Casals Marginet, José María Castroviejo, Henrique Chao Espina, José Díaz Jácome, Celso Emilio Ferreiro, Miguel González Garcés, Manuel María, Uxío Novoneira, Hugo Rocha, Antón Tovar, Xohana Torres, Dora Vázquez e Pura Vázquez. Por outra banda, nos pasivos computamos Rosalía de Castro, Antonio Noriega Varela e Eduardo Pondal. Ademais, destaca a atención ó apartado artístico coas colaboracións de Barata Feyo, Carlos Carneiro, J. González Collado e Marginet.

No eido literario cómpre salientar algúns escritos redactados en lingua galega. Dunha banda, a poesía engrósana «O Medo», de Celso Emilio Ferreiro; «Carta a D. Henrique o Navegante», de Manuel María, e
«Xohaniña», de Xosé María Álvarez Blázquez. Doutra banda, a prosa conta con «O primeiro paso», de Lois Carré Alvarellos, e o conto «O demo de lume», de Manuel V. Peña. Pola súa parte, o teatro detectámolo no «Auto do labrego», de Manuel María, e o ensaio, nos textos «Um precursor», de Lois Carré Alvarellos, e «Literatura galega. Romance», de Leandro Carré Alvarellos.

2. O proxecto do Círculo de Estudos Galaico-Portugueses

O caderno 4 inclúe nas primeiras páxinas o proxecto de estatuto do Círculo de Estudos. Consta dun preámbulo, no que se define como ferramenta de acción e aproximación entre Galicia e o norte de Portugal; seis capítulos, con información sobre obxectivos, socios e composición interna, entre outros aspectos, e unha disposición transitoria.

BIBLIOGRAFÍA

  • Alonso Girgado, Luis, coord. (2021), Céltica. Caderno de Estudos Galaico-Portugueses. Porto (1960-1961), Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, ed. facsímile.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Scroll al inicio