«AIRES D’A MIÑA TERRA, elo de unión entre a Galicia das dúas beiras do oceáno Atlántico»

1. Anotacións externas

Esta publicación viu a luz en Bos Aires (Arxentina) dende o 10 de maio de 1908 ata o 25 de xullo de 1909. O título da revista homenaxea a Manuel Curros Enríquez. Dirixiuna Manuel Nóvoa Costoya e administrouna Celso Gerpe. A redacción localizábase na rúa Cangallo, n.º 469. Os sesenta e tres números viñeron a lume na imprenta Juan Grant e Hijo. Presentaba un formato de 35 x 24 cm, sen oscilacións, a dúas columnas e unhas doce páxinas, agás o número 53, que contiña dezaseis.

Manuel Nóvoa Costoya
Fonte: Cultura Gallega, núms. 77-79, 19-I-1940, páx. 9.

2. Anotacións internas

Esta revista trataba contidos literarios, culturais, históricos, xeográficos e locais. Encárgabase de difundir e estudar personaxes de Galicia e Arxentina. Dividíase nos apartados “Efemérides de Galicia”, “Humoradas”, “De Domingo á Domingo”, “Noticias de nuestra tierra”. A estas sumámoslles outras catro: “Informaciones útiles”, “Curiosidades”, “Almanaque Gallego” e “Galicia minero medicinal”.

N.° 1 de Aires d’a Miña Terra
Fonte: edición facsímile dirixida por Luis Alonso Girgado (Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades)

A listaxe de colaboradores acadou os trescentos vinte e nove. A seguir, enumeramos algúns: Francisco Álvarez de Nóvoa, Ricardo Barros Pintos, Alfredo Brañas, Salvador Cabeza de León, Alberto Camino, Emilio Canda, Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Antonio de la Iglesia, Enrique Labarta Pose, Valentín Lamas Carvajal, Eduardo Lence Guitián, Gonzalo López Abente, Manuel Lugrís Freire, Jenaro Mariñas, Amador Montenegro Saavedra, Alfredo Nan de Allariz, Emilia Pardo Bazán, Heraclio Pérez Placer, Eduardo Pondal, Aurelio Ribalta, Lisardo Rodríguez Barreiro, Eladio Rodríguez González, Marcial Valladares, Ramón del Valle-Inclán e Teodosio Vesteiro Torres. Na revista usáronse tamén iniciais (S., A. M., P. P. C., entre outras) e un sistema de iniciais. Esta última opción manexárona os escritores Benito F. Alonso, Heliodoro F. Gastañaduy, B. López Bermúdez e Aureliano J. Pereira.

A pesar do predominio da lingua castelá, contamos con algúns textos realizados en lingua galega. Por unha banda, a poesía témola en «N-a corredoira», de Manuel Nóvoa Costoya; «O aterdecer», de Gonzalo López Abente, e «A festa d’ Seixo», de Rosalía de Castro. Por outra banda, a narrativa rexístrase en «Marecutiña», de Amador Montenegro; «Cousas d’a Mariña. O crego da Rúa», de Eduardo Lence Guitián, e «¡Qué razón tiña o meu compadre!», de Eduardo Bermúdez.

Para finalizar cómpre deterse na atención ó aspecto externo da revista coa inserción de ilustracións en forma de gravados, debuxos e fotografías.

BIBLIOGRAFÍA

Fariña Miranda, Carmen, ed. (2004), Aires d’a Miña Terra (Bos Aires, 1908-1909), Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, ed. facsímile.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio