«A revista RONSEL en liña coa vangarda española»

Caracterización da publicación lucense Ronsel.

Fonte: Galiciana (Real Academia Galega).

1. Apuntamentos externos

Esta cabeceira viu a luz en Lugo dende o mes de maio de 1924 ata o mes de novembro deste ano. Levaba o subtítulo “Revista de arte. Galicia-Lugo” na maioría dos números, agás no número 6, que contiña “Revista de la nueva generación gallega. Galicia-Lugo”. Estaba dirixida por Evaristo Correa Calderón e Álvaro Cebreiro. O resto de cargos estaban desempeñados por Ángel Juan González López (Ángel Johán), xerente; Álvaro Gil Varela, secretario de redacción, e Carlos Araújo, administrador.

Evaristo Correa Calderón
Fonte: Diccionario Histórico de la Traducción en España

As dependencias da redacción e administración localizábanse na rúa Manuel Becerra, n.º 13 (núms. 1-3), e na rúa bispo Izquierdo, n.º 8, baixo (números 4-6). Veu a lume na Imprenta Palacios, no n.º 8 do bispo Izquierdo. Presentaba un número de páxinas entre as 24 e as 17 cun formato de 28 x 22 cm.

2. Apuntamentos internos

Contiña creación poética, prosa ensaística e de tipo xornalístico-cultural, así como comentarios críticos e escritos acerca de artes plásticas, estética e música. Tamén salienta pola introdución de colaboracións de poetas galegos, cataláns, franceses, hispanoamericanos, portugueses, alemáns, italianos… Organizábase nas seccións “Crisol”, “De mi Tagebuch”, “Perspectivas musicales”, “Poetas de Francia”, “Poetas de Portugal”, “Poemas” e “Nosos poetas”. Delas, “De mi Tagebuch” é a única con sinatura, concretamente Luis Pimentel. A propósito de “Crisol”, simulaba unha axenda cultural crítico-informativa con novidades vencelladas coa literatura, concertos, conferencias e obituarios de persoeiros das artes e letras.

As páxinas incluían numerosas ilustracións, especialmente debuxos e gravados sen cor, de Jesús Bal, Baroja, Fernando Osorio, Unamuno, Villar Ponte, Álvaro Cebreiro, Ángel Johán e Cabanillas. Pola súa parte, as traducións executáronas Mercedes Pimentel, que traduce do alemán poemas de Albert Sergel, Emma Böhm e Emma Müllenhoff; Jesús Bal Gay, que traslada do francés textos de René-Albert Fleury e Auguste-Pierre Garnier, e Johán V. Viqueira, que realiza traducións á lingua galega textos do italiano Miguel Ángel Buonarroti e dos alemáns Johann Wolfgang von Goethe e Friedrich Hebbel.

A listaxe de colaboracións abrangue textos literarios e achegas artísticas. Por unha parte, os colaboradores literarios compóñense, entre outras persoas, de Antonio Amado Villar, Manuel Antonio, Jesús Bal Gay, Ramón Cabanillas, Rafael Cansinos Assens, Julio J. Casal, Eugenio de Castro, Evaristo Correa Calderón, Manuel Curros Enríquez, J. M. López-Picó, Émile Malespine, Alfons Maseras, Ramón Fernández Mato, Ramón Gómez de la Serna, Gonzalo López Abente, A. Noriega Varela, Luis Pimentel, Victoriano Taibo, Teixeira de Pascoães e A. Villar Ponte. Por outra parte, as colaboracións artísticas elaborounas Barçinski, Rafael Barradas, Castelao, Castro Gil, Álvaro Cebreiro, Cunha Barros, Luis Lacasa, Frédéric Macé, Casares Mosquera e Carlos Sobrino Buhigas.

No tocante á lingua galega, rexistramos numerosas poesías. Algunhas delas son «Mystica», de Noriega Varela; «O noivo e mail-a noiva», de Manuel Antonio, e «Eu vin fuxir’ unha estrela», de Gonzalo Taibo.

BIBLIOGRAFÍA

Alonso Girgado, Luis; Abal Santorum, Élida, e Cillero Prieto, Alexandra, eds. (2009), Ronsel. “Revista de arte” (Lugo, 1924), Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, ed. facsímile.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio