«O IRMANDINO (Montevideo) na defensa dos postulados do Partido Galeguista»

Información sobre unha publicación periódica de tipo político aparecida en Montevideo (Uruguai).

Fonte: Galiciana (Real Academia Galega).

1. Apuntamentos externos

Esta publicación política que saíu á luz en Montevideo (Uruguai) dende outubro de 1934 ata o ano 1961. Levaba os subtítulos “Periódico galego. Órgano (Órgao) da Irmandade Galeguista do Uruguay” e na segunda época “Órgao da Irmandade Galeguista d’o Uruguai”. A dirección1 da segunda época efectuouna Xosé L. Villaverde e M. Vázquez Valiño. Agás o número 5 da primeira época, que contiña oito páxinas, o resto de números contaba con catro sen numerar cun formato de 29,5 x 40,5 cm. Doutra banda, a periodicidade caracterizábase pola irregularidade e dispuña dunha tiraxe descoñecida.

Contou con dúas épocas cun hiato de vinte e catro anos, entre 1936 ata 1958:

  • Primeira época (1934-1936), con seis números e enderezo administrativo na rúa Piedras, n.º 411.
  • Segunda época (1958-1961), con catro números e enderezo administrativo nos números 1 e 2 de Eijido 1617 e nos números 3 e 4 de Alberto N. Calamet.

2. Apuntamentos internos

Trátase dunha publicación galeguista e reivindicadora dos trazos identitarios de Galicia, nomeadamente a lingua galega. Incluía colaboracións dos cabezaleiros máis relevantes do Partido Galeguista mediante a denuncia de varios feitos acontecidos en Galicia e o manexo de personaxes históricos senlleiros que avogaron pola patria galega. De feito, a «Declaración dos Principios do Partido Galeguista» latexa en moitos artigos:

Galicia, unidade cultural: consolidación dos trazos da personalidade galega (lingua, arte e espírito).
Galicia, pobo autónomo: autodeterminación política de Galicia dentro da estrutura do goberno republicano.
Galicia, comunidade cooperativa.
Galicia, célula de universalidade: alicérzase no antiimperialismo, no federalismo internacional e no pacifismo.

A publicación caracterizábase por unha menor atención á información actual, non manter relación cos periódicos locais e repetir marcadores identitarios. Na maqueta da primeira época incluíase a sección “Fuchicadas”. Doutra banda, escasean as ilustracións. Só computamos dúas fotografías da emigración, unha de Alfonso Castelao e outra de Alexandre Bóveda, e os retratos de Eduardo Pondal e Antón Villar Ponte.

A nómina de colaboradores convén dividila en dúas épocas. A primeira recolle Xerardo Álvarez Gallego, Eduardo Blanco Amor, Alexandre Bóveda, Ramón Cabanillas, Johan Carballeira, Víctor Casas, Castelao, Curros Enríquez, Álvaro das Casas, Mercedes do Campo, Francisco Fernández del Riego, M. García Barros, Manuel Lugrís Freire, Ramón Otero Pedraio, Eduardo Pondal, Vicente Risco, Antón Villar Ponte e Ramón Villar Ponte. Na segunda inclúense Antón Alonso Ríos, Francisco Luís Bernárdez, Ramón Cabanillas, Lois Carré Alvarellos, Castelao, Alfonso Díaz Trigo, Luis Moure-Mariño, Ramón Otero Pedraio, Ricardo Palmás Casal, Avelino Rodríguez Elías, Ramón Suárez Picallo e Antón Villar Ponte.

  1. Descoñécese a quen lle correspondía a dirección da primeira época. ↩︎

BIBLIOGRAFÍA

Abal Santorum, Élida, e Cillero Prieto, Alexandra, eds. (2010), O Irmandino. “Órgao da Irmandade Galeguista do Uruguay”, Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, ed. facsímile.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio