«Unha ollada literaria á revista CRISTAL de Pontevedra»

Información sobre a revista CRISTAL.

1. Anotacións externas

Co subtítulo “Revista literaria” saíu á rúa en Pontevedra dende o 25 de xullo de 1932 ata o mes de xuño de 1933. A dirección correu a cargo de Xoán Vidal Martínez, Antonio Díaz Herrera, Xosé María Álvarez Blázquez e Rafael Lois Teijeiro, mentres a dirección artística asumíana Ventura de Dios López, José Luis Alonso Fuentes e Alejandro de la Sota Martínez. Pola súa parte, a responsabilidade literaria correu a cargo de Xoán Vidal Martínez, Antonio Díaz Herrera e Xosé María Álvarez Blázquez ata o número 9 e despois Rafael Lois Teijeiro, quen substituíu a Vidal Martínez. Contaba cunha periodicidade mensual, excepto os números 9 e 10, de tiraxe bimensual. Tirou do prelo dez números, con trocos nimios e un formato de 28,5 x 21 cm., que saíron dos Talleres Tipográficos de Julio Antúnez.

2. Anotacións internas

O editorial de presentación «Es», sen sinatura, engrosaba algúns datos relevantes. Dunha parte, incidía no impulso dela por parte de xente nova, como Xosé María Álvarez Blázquez, Xoán Vidal e Rafael Lois Teijeiro que tiñan, respectivamente, 17, 28 e 18 anos de idade. Doutra parte, escapaban do ambiente pontevedrés da etapa da II República. Consecuentemente, detéctase unha perspectiva elitista da literatura na que se mestura romanticismo, modernismo, o enfoque lúdico, relacionado do vangardismo, e pinceladas de dandysmo. Así as cousas, evidénciase unha contradición ó incluír contido exquisito coa arela de ser popular. Por último, rexéitase a decrepitude do eido político e aspírase ó rexurdir da espiritualidade.

A pesar de ser maioritaria a lingua castelá, a galega foi a ferramenta máis numerosa no eido poético. A listaxe de colaboracións fornecíase, sobre todo, de traballos inéditos e completábase cun apartado de reproducións doutros xa rexistrados antes en libro, revista ou xornal. Cincuenta e cinco foron os colaboradores, tanto directos coma aqueles autores incluídos nesta publicación. A seguir, recollemos un pequeno feixe deles: Xerardo Álvarez Limeses, Manuel Antonio, Juan Bautista Andrade, Roberto Blanco Torres, Fermín Bouza Brey, Prudencio Canitrot, Xohán Carballeira, Amado Carballo, Álvaro de las Casas, Augusto Mª Casas, Castelao, Gabino Díaz de Herrera, Federico García Lorca, Vicente Huidobro, Juana de Ibarbourou, Juan Ramón Jiménez, Antón Losada Diéguez, Antonio Machado, Gabriela Mistral, Ramón Otero Pedraio, Víctor Said Armesto, Felipe Sassone, Xulio Sigüenza e Alfonsina Stornin. Amais, encontramos escritores doutros países, como Guerra Junqueiro, Rabindranath Tagore ou Marjan Paszkiewicz. Doutra parte, as ilustracións caracterizábanse pola orixinalidade e por seren gravados ó linóleo a través dos traballos de A. P., Fernando Alonso, José Luis, La Sota, María Monteagudo, Maside, Pintos Fonseca, Sesto, Torres e Turas.

BIBLIOGRAFÍA

Alonso Girgado, Luis, dir. (1998), Cristal. “Revista literaria”. Pontevedra (1932-1933), Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, ed. facsímile.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio