Apuntamentos da revista ourensá Posío.

1. Apuntamentos externos
Esta revista de Ourense apareceu en 1951 e cesou en 1954 co subtítulo “Arte y Letras”. Os seis números que tirou á luz saíron do obradoiro da Imprenta e Papelería Región. Contou con varias irregularidades: as variacións constantes no formato, a paxinación descoidada, os sumarios incompletos nas primeiras entregas e inexistentes nas outras dúas e maila carencia de datos concernentes ó director e ós redactores. Así as cousas, o estudo, elaborado por Luis Alonso Girgado, sinala como responsábel a Xesús Ferro Couselo, que contou coa axuda de José Rius Zunón.
- Entrega 1: número 1 (xaneiro de 1951).
- Entrega 2: número 2 (febreiro de 1951).
- Entrega 3: núms. 3, 4 e 5 (marzo-maio de 1951).
- Entrega 4: núms. 6-12 (xuño-decembro de 1951).
- Entrega 5: núms. (xaneiro-decembro de 1952).
- Entrega 6: sen numerar, dos anos 1953-1954.
2. Apuntamentos internos
Experimentou, entre outros problemas, a demora na chegada dos traballos solicitados e os problemas económicos. A isto sumámoslle unha dispar configuración, que se explica polo rol de voceiro da Agrupación, o manexo das páxinas para difundi-las actividades de seccións ou seminarios e o número de páxinas de cada entrega.
Posío acollía información exhaustiva das actividades internas e externas da Agrupación Posío; temas, problemas e figuras de Ourense; creación, crítica e ensaio literario, e contidos relixiosos, tanto da igrexa coma do pensamento e a doutrina católica, e doutros temas (ciencias, historia, música, lingua…).
A estrutura compoñíase das seccións “Vida e obra de Posío”, que contou co primeiro traballo de Segundo Alvarado e que se caracterizaba por incluír datos de interese acerca da Agrupación; “Cousas e linajes del viejo Ourense”, de Xesús Ferro Couselo, na que se pretendía proporcionar noticias históricas sobre os feitos, familias e personaxes relativos ó pasado ourensán; “Orensanos ilustres”, de Alberto Vilanova, e “Bibliografía”, de Alberto Vilanova, Xesús Ferro Couselo e Antón Tovar.
A listaxe de colaboradores literarios acada case unhas corenta sinaturas, entre compoñentes da xunta directiva da Agrupación Posío ou socios desta e membros que participaron nos recitais poéticos ou en programas radiofónicos. A continuación, escolmamos algúns: Alfonso Alcaraz, Segundo Alvarado, Augusto Becerra Bazal, Cristina Bravo Mateos, Víctor Campio, José Carballo, José Fernández Gallego, Ferro Couselo, Matilde G. de Lloria, Teodoro López Sanmartín, Manuel María, José Luis Montes, Ramón Otero Pedraio, Vicente Risco, José Rius Zunón, José Manuel Silva Méndez, Antón Tovar, Amadeo Varela Rodríguez, Alfonso Vázquez Martínez, Pura Vázquez e Alberto Vilanova.
O terreo das ilustracións non gozou de moita atención por non salienta-lo deseño, a tipografía e, por extensión, a estética das páxinas. En troques, hai un maior coidado nas cabeceiras das seccións, dos artigos e dos poemas. Algunhas probas do escaso material son os cadros e as fotografías para acompañaren algúns textos.

A lingua galega rexistrámola, entre outras, nas poesías «Romance do Afiador Namorado», de Serafín Gómez Pato; «Quixera…», «Neve» e «¡Qué belidas elas son!», as tres de Laureano Prieto, e «Muiñeira», de Manuel María. Tamén contamos coas composicións «Pedra vella», de Víctor Campio Pereira; «O Carballo», de Abelardo Santorum, e outras dúas, «Salto do Can» e «Invitación pro ensono», de Pura Vázquez.
BIBLIOGRAFÍA
Alonso Girgado, Luis, dir. (1996), Posío. “Arte y Letras”, Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, ed. facsímile.

