«Uxío Carré Aldao, erudito e impulsor de iniciativas a prol de Galicia e da súa cultura»

Esta achega divulga datos biográficos e literarios de Uxío Carré Aldao, nomeadamente a obra narrativa e a importancia bibliográfica dalgunhas obras.

1. Biografía

Eugenio Carlos Florencio Carré Aldao naceu o 5 de novembro de 1859 na Coruña. Estudou na Escola de Comercio da Coruña. Tempo despois, participou de forma intensa na Cámara de Comercio. A esa altura creou a sociedade mercantil “Sastre y Carré” e viaxou de forma frecuente por España, Portugal e Francia.

Casou con Purificación Alvarellos Pena, con quen tivo doce fillos. No ano 1888, o coruñés ingresou na loxia “Fraternidad VIII, n.º 232”. Trala disolución dela, en 1891, o comezo das actividades editorial e impresión radica na compra da librería propiedade de Andrés Martínez Salazar. Logo de dous anos, adquiriu a imprenta de Domingo Puga. A relevancia desta xeira témola na edición de quince volumes, fundamentalmente de temática literaria e de homes vencellados á cidade herculina e ó Rexionalismo.

Na Librería Regional, desenvolveuse o faladoiro galeguista “Cova Céltica”, que desempeñou un papel nuclear do rexionalismo galego e aglutinador de iniciativas relativas á literatura, a arte e a ciencia galegas. Entre os seus compoñentes figuraban Manuel Murguía, Andrés Martínez Salazar, Francisco Tettamacy, Eladio Rodríguez González, Salvador Golpe, Galo Salinas, Manuel Lugrís Freire, Florencio e Joaquín Vaamonde Lores. Algunhas actividades xurdidas da dinámica interna foron a creación da Liga Gallega (1897) e o levantamento do monumento ós mártires de Carral (1899).

No eido xornalístico traballou como editor e redactor da Revista Gallega. Co pseudónimo Eurico Nagere publicou “Balances Literarios” dos anos 1891, 1892, 1893, 1894 e 1895 nas publicacións El Derecho (Ourense) e en La Mañana e El Diario, as dúas da Coruña.

En 1895 foi un dos impulsores da Real Academia Galega mediante as reunións na Librería Regional, materializábel nunha comisión redactora dos estatutos da futura institución. No ano 1905 créase a entidade, con Carré Aldao como fundador e secretario interino. Un ano despois, coa consideración “Real”, a Academia contou con Carré Aldao como secretario.

En 1908, a Librería Regional cesou a actividade por problemas económicos. A partir deste momento centrou os esforzos nos terreos académico e xornalístico. Pensemos por exemplo na designación de bibliotecario da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña e secretario da Real Academia Galega. Tamén salienta este intervalo temporal polos traballos del dados a coñecer no Boletín de la Real Academia Gallega.

En 1915 recibiu un accésit nos Xogos Florais de Lugo, organizados pola Liga de Amigos de Lugo, polo poema «Os paxariños sabios» no tema noveno (costumes da terra). Ó ano seguinte, formou parte das Irmandades da Fala, na que integrou o consello de redacción do voceiro A Nosa Terra. En 1918, participou nos Xogos Frorais de Betanzos, efectuados pola Irmandade desta localidade. Neles, recibiu outro galardón pola monografía Influencia de la lengua gallega en la formación del castellano.

No ano 1926, o Concello da Coruña designouno cronista da cidade e bibliotecario municipal. Tamén lle encomendou efectuar unha historia da Coruña, cun orzamento de tres mil pesetas, e a organización e posta en marcha de varias bibliotecas municipais. Un ano despois, o Concello herculino comprou a biblioteca particular de María Seijo Benasset, instalada no Palacio Municipal.

A vizosa dinámica cultural de Carré Aldao tivo varios recoñecementos. Entre eles están membro correspondente de varios entes españois (Academia da Historia de Madrid, sección galega da Real Academia Española, Instituto Histórico do Minho, Academia de Bellas Artes de Barcelona, Real Instituto de Lisboa) e doutros lugares de Europa (Coímbra, Nápoles, Santiago de Chile, Toulouse, Marsella…). Ademais, dirixiu a Asociación da Prensa da Coruña e ocupou a vicepresidencia da Comisión de Monumentos da Coruña. Morreu na capital herculina o 18 de decembro de 1932.

2. Obra

2.1. Narrativa

  • Brétemas. Verso e prosa (1896): conta coa dedicatoria á súa muller, Purificación Alvarellos Pena.
    • Presenta unha nota introdutoria, «A quen me lea», cunha explicación acerca da recollida das composicións escritas na xuventude e do recoñecemento da menor calidade dos traballos del fronte ás traducións inseridas.
    • Sen carácter venal, o apartado de poesía contén cento e un textos, deles cincuenta e un textos orixinais e cincuenta traducións ou versións. Moitos deles dispoñen de dedicatorias a familiares e amigos. Caracterízanse pola abundancia do hendecasílabo e pola temática patriótica, sentimental e moralista. Pola súa parte, a prosa inclúe dous relatos orixinais, «Miña xoia», que proporciona unha mostra introspectiva dos personaxes, e «Un home», que recrea con humor e técnica dialogal un episodio vital do filósofo grego Dióxenes , e dúas traducións, «Os tres cas» (conto de feitura popular e contido moralizante) e «O redemento de Baticola» (escena bélica).
  • Raiolas (1898):
    • Este libro componse de once contos («Axúdate que Dios che axudará», «Padre noso, que estás nos ceos», «O xastre larpeiro», «Para moitos», «Espartaco», «A capa do xastre», «O xuramento», «O pintureiro», «Un heroe de 1809», «A ponte da freira» e «Dous cuadros») e trinta e catro poemas, cunha tipoloxía estrófica variada e cun predominio do hendecasílabo. Leva dous textos, a dedicatoria “aos meus” e finaliza cunha “derradeira leria”, cunha captatio benevolentiae.
    • Contén unha temática variada, dende o amor e o transcurso do tempo ata a fe, a fugacidade da vida e a influencia dos cartos. No concernente ós relatos, rexistramos varios aspectos: o psicoloxismo en «Padre noso», «O xuramento» e «Dous cadros»; a base popular e oral en «Axúdate que Dios che axudará», «O xastre larpeiro»; «A capa do xastre», «O pintureiro» e «Para moitos», e a natureza historiográfica en «Espartaco», «A ponte da freira» e «Un heroe de 1809».
  • Contos da forxa saíu publicado en 1919 na colección ¡Terra a Nosa!, Biblioteca popular galega, do suplemento do xornal Noroeste.
    • Componse de seis contos, cinco deles presentes en Raiolas con raizame popular e tipo moralizante. O único conto orixinal, «O escribán», aborda a viaxe dende o ceo ata o inferno e ó revés, sen bo recibimento nos dous sitios.
  • «Idilio», «Problema», «O mellor presente», «A festa da aldea», «¡Sola!», «A mellor cena», «O premio» e «O hórreo» difundíronse en varias publicacións galegas.
  • A Terra Chama deuse a coñecer o 20 de xuño de 1925 no número 9 da colección Lar. Leva o subtítulo “Novela orixinal e inédita por Uxío Carré Aldao” e a portada de Camilo Díaz Valiño.
    • Divídese en tres partes marcadas con numeración romana e un epílogo co desenlace da historia. Aborda a solicitude amor de Xelo a Carmela tras retornar á aldea natal dende América.
    • Predomina a omnisciencia selectiva e o narrador omnisciente neutral en terceira persoa. Chama a atención o manexo dun tipo de narración cercano á narrador-cámara. Pola súa parte, escasean as referencias temporais e o espazo rural da historia é a aldea de Sergude (Carral). Os personaxes son tres: os dous mozos e o Manuel, pai de Carmela. Mentres neles non hai evolución psicolóxica, ela descríbese de forma idealizada.

2.2. Ensaio

  • La literatura gallega en el siglo XIX (1903): obra pioneira da historiografía da literatura galega.
  • Literatura gallega: con extensos apéndices bibliográficos y una gran antología de 300 trabajos escogidos en prosa y verso de la mayor parte de los escritores regionales gallegos, editada pola Casa Editorial Maucci (Barcelona) en 1911.
  • Influencias de la literatura gallega en la castellana: Estudios críticos y bibliográficos, editado por Francisco Beltrán en 1911.

2.3. Teatro

Foi autor do texto teatral O Sacrificio, escrita en torno a 1904, en dous actos e en verso.

2.4. Colaboracións xornalísticas

  • «Nicomedes Pastor Díaz», publicado no Boletín de la Real Academia Gallega en 1911.
  • «Impresores gallegos», dado a coñecer no Boletín de la Real Academia Gallega en 1912.
  • «Estudio bio-bibliográfico-crítico acerca de Rosalía de Castro», difundido no Boletín de la Real Academia Gallega en 1926.
  • «Apontamentos para a historia do teatro galego», divulgado no Boletín de la Real Academia Gallega en 1931.

BIBLIOGRAFÍA

Romero Triñanes, Mario, ed. (2000), Uxío Carré Aldao. Obra narrativa en galego, Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, col. Narrativa Recuperada.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio