«Ás voltas co naturalismo de Heraclio Pérez Placer»

Esta colaboración difunde un feixe de datos acerca da vida e da obra de Heraclio Pérez Placer.

Fonte: gravado de Heraclio Pérez Placer, elaborado por Mayer (páxina anterior á dedicatoria da obra Beira do lar).

1. Apuntamentos biográficos

Heraclio Pérez Placer naceu en Ourense o 8 de novembro de 1866. Nesta cidade comezou o Bacharelato, concretamente no Instituto de Segunda Enseñanza. No ano 1884, trasladouse a Ávila para cursar estudos no Colexio Politécnico. Ó ano seguinte, retornou a Ourense, onde finalizou os estudos do Bacharelato.

Trala admisión na Facultade de Medicina, na Universidade de Santiago de Compostela, cursou os anos académicos 1885-1886, 1886-1887 e 1887-1888. Precisamente, o 10 de setembro de 1887 participou nun concurso literario en Ourense co obxecto de inaugua-la estatua dedicada ó Padre Feixó. Nel, Heraclio obtivo un accésit grazas a un feixe de cantares, que viu a luz nese ano baixo o título Cantares premeados no Certame de Ourense. Tamén nese ano recibiu outro accésit pola novela Prediución presentada a un certame literario organizado polo xornal Las Mariñas.

No curso académico 1888-1889 solicitou o traslado de matrícula para a Facultade de Medicina de Valladolid para o curso 1889-1890, onde realizou as materias Obstetricia, Patoloxía médica e Patoloxía cirúrxica. O curso académico seguinte, 1890-1891, efectuouno na Universidade de Santiago de Compostela. Alí licenciouse cun sobresaliente, malia figurar no expediente que non salientara como estudante.

O de outubro de 1891 casou na igrexa de San Martiño (Santiago de Compostela) con Carmen Pico Ferreiro. Ata finais de 1894, residiu na casa familiar. Durante estes anos traballou como médico nunha consulta no número 3 da rúa Olmo e, asemade, desenvolveu unha vizosa actividade xornalística e literaria.

No ano 1892 o ourensán colaborou no xornal El Diario de Orense, do que tamén foi director ó longo de dous meses, e en El Derecho. Dous anos despois, Heraclio e a muller del trasladáronse a Santiago de Compostela. Dende 1895 ata 1908, relatos e poemas del reproducíronse en diferentes publicacións periódicos de Galicia e da diáspora. Entre elas podemos nomear El Eco de Galicia (A Habana), La Tierra Gallega (A Habana), El Eco de Galicia (Bos Aires), El Regional (Lugo), La Estrella Galaica (Santiago de Compostela) e La Voz de Mondoñedo.

Por estas datas, despois da comunicación oficial da supresión da Capitanía Xeral de Galicia da Coruña, Alberto García Ferreiro conseguiu a constitución da Xunta de Defensa de Ourense, a pesar da oposición dun corpúsculo encabezado por Lamas Carvajal. En novembro de 1893, Valentín Lamas Carvajal e Pérez Placer polemizaron. Este último dirixiu palabras ferintes contra Lamas Carvajal. O motivo radicaba en pretender ser responsábel Pérez Placer da edición dun libro, mentres Lamas posicionábase en contra por consideralo afán de notoridade dalgúns escritores sen público. Por outra banda, Heraclio non apoiaba as ideas do rexionalismo ortodoxo nin o celtismo defendido por Manuel Murguía e Eduardo Pondal. Tampouco se posicionaba no separatismo político para Galicia, mais consideraba que a esencia rexionalista estribaba nun sentimento persoal de diferenza verbo dos casteláns e de autoestima e rebeldía ante os agravios experimentados polos galegos. .

Entre 1913 e 1915 o matrimonio marchou da cidade do Apóstolo Santiago por mor da condena, consistente nunha multa de cincocentas pesetas e no desterro por tres anos, seis meses e vinte e un días. Quizais o motivo radicara nalgún asunto contrario ó canon moral, ata o punto de Heraclio e Carmen obrigar a abandonar Galicia.

No verán de 1917 fundouse a Irmandade da Fala de Ourense. Entre os seus membros figuran Hixinio Ameixeiras, Antón García Novoa, Marcial Neira, Antonio Noriega Varela, Heraclio Pérez Placer, Xavier Prado (Lameiro) e Antonio Rey Soto. Posteriormente, o matrimonio, xunto á súa sobriña Natalia, marchou a Calatayud. Alí, Heraclio retomou o exercicio da medicina no Balneario de Paracuello del Jiloca. Morreu nesta localidade o 21 de outubro de 1926.

2. Obra

2.1. Poesía

  • Poema «¡Ay…!», dado a coñecer o 1 de agosto de 1886 no semanario ourensán O Tío Marcos d’a Portela.
  • O libro intitulado O fillo dos tronos. Bodas de morte. Poemas, que veu a lume no obradoiro compostelán da Imprenta de Jesús Alende en 1888, consta de dúas partes: O fillo dos tronos, coa dedicatoria ó seu amigo Edrulfo Pardo, e Bodas de morte, con outra dedicatoria a outro amigo del, Eulogio Astola. Trátase de dúas lendas en verso.
  • En castelán compuxo os poemarios Guindillas (1894) e Oqueruelas (1904), saídos á luz o primeiro na Imprenta de El Derecho (Ourense) e o segundo na Tipografía da Propaganda científica (Santiago de Compostela).

2.2. Narrativa

Dentro da produción narrativa diferenciámo-los contos procedentes de tradición popular e aqueloutros froito da creación persoal mais cun estilo, unha ambientación e unha temática semellantes ás rexistradas nos contos populares. Tamén encontramos outros relevantes polo ton lírico-sentimental, o afondamento na psicoloxía dos personaxes e as descricións plásticas introducidas no medio da narración. Ás veces, amósanse os problemas sociais como pano de fondo.

Presenta como características o humor, a burla, a representación de tipos populares, o erotismo e a procacidade. Por regra xeral, a estrutura básica conta cunha presentación, unha anécdota e un final. Mesmo utiliza o rexistro popular da linguaxe, tal e como figura en refráns, cantigas e ditos populares.

No tocante á estrutura editorial, boa parte dos contos divídense en partes con numeración romana e cunha extensión dispar cos obxectivos de separa-las distintas partes da historia e de inserir brincos temporais dunha a outra. Nun número considerábel de contos, a modalización asenta na terceira persoa gramatical, correspondente a un narrador heterodiexético, e en numerosas ocasións dá paso ó autor implícito representado.

A temporalización singularízase pola falta de localización temporal concreta e pola evidengte redución do tempo da historia pertencente a cada relato. Pola súa parte, na espacialización predominan os relatos situados de xeito explícito nun lugar concreto, nomeadamente en Ourense e Santiago de Compostela.

  • Os relatos «Pepa», «A tola do mar», «Os dous bicos» e «¡Milagre!» publicáronse durante os anos 1886 e 1887 nas páxinas d’O Tío Marcos d’a Portela.
  • Os relatos «O puzo da Sila», «O puzo do inferno», «Pepa», «¡Ourensiño, meu Ourense!…», «¡¡¡Milagre!!!», «Os dous bicos», «O pantasma branco», «A tola do mar», «Frol sin rego», «A cruz do piñeiral» e «Corpo sin alma» difundíronse nas páxinas d’O Tío Marcos d’a Portela durante os anos 1886 e 1887.
  • A novela Prediución publicouse de forma fragmentaria ó longo de 1889 na publicación O Tío Marcos d’a Portela.
    • Artéllase con catro capítulos e cunha extensión desigual. Os tres primeiros levan numeración romana, concretamente «Ilda e Rodrigo», «A Bruxa do Monte Sacro» e «O pelengrino». Na estrutura editorial destaca o prólogo «Catro palabriñas», no que hai un ton xustificatorio e un aviso ós lectores acerca das eivas.
    • O contido xira en torno ó afastamento de Ilda do castelo durante a cacería. Despois da vivencia coa bruxa, co correspondente silencio dela para protexer a Rodrigo do seu sino, Lope diríxese ó castelo cunha aparencia diferente. Alí loita primeiro co conde e despois con Rodrigo.
    • Pola súa parte, a modalización predominante éo narrador omnisciente clásico, en terceira persoa, que cede a voz ós personaxes en dúas ocasións. No cuarto capítulo abrolla o autor implícito. Por último, contén tres momentos fundamentais (atardecer, noite e amencer) e o espazo fundamental é o castelo de Altamira.
  • Contos, leendas e tradiciós (1891) materializouse no obradoiro do xornal El Eco de Orense. Componse dunha morea de relatos: «¡Nai!», «¡Ourensiño, meu Ourense!…», «Corpo sin alma», «O puzo da Sila», «O puzo do inferno», «O can de San Roque», «Frol muscha», «¡Fillo!», «A cruz do piñeiral», «¡Rillote!», «Cóxegas», «¡Sempre son eles!…», «Frol sin rego», «Farruco», «O pantasma branco», «Niño desfeito», «Consonante forzado», «A Virxen do Carme da Burga», «A….» e «Ánxel».
  • A obra Contos da terriña (A Coruña, 1895) conta coa dedicatoria á súa muller, Carmen Pico Ferreira. Intégrase de trinta e catro relatos: «Amor de fadas», «O sr. Capitán», «Cereixas», «Solfa»,
    «A bo zorro, mellor can», «¡Velliña, miña velliña!…», «¡Suicida!», «¡Mentirán!…», «¡¡BRRRR!!…», «Flor de liño», «A pillo, pillo e medio», «O espertar», «O magosto», «Pau de corno», «Ensono», «A festa das fadas», «Chinita», «O xeneral», «O colexio de Rubido», «Borrolito», «Pitirroxos», «O violín encantado», «A riada», «O demo con uniforme», «O Cristo da Colada», «¡O próximo!», «A verdá da historia», «A outro can con ese óso», «Follas secas», «Avelaíñas», «Rapañota de xasmís», «Os dous foliós» e «O emigrado».
    • Moitos dos relatos dedicóullelos a amizades (Andrés Martínez Salazar, Benito Fernández Alonso, Eladio Rodríguez González, Manuel Núñez González, Alberto García Ferreiro, Filomena Dato Muruais, Roque Pesqueira Crespo…). Ademais, contén «A goleta», tradución dun conto en castelán de Francisco Álvarez de Nóvoa.
    • Estes textos literarios salientan pola delicadeza, o intimismo e un estilo coidadoso. Pola súa parte, a temática variada patentízase na idealización do pasado, as lembranzas da nenez, a presenza da nai e as descricións da paisaxe. Afóndase na psicoloxía dos personaxes. Manexa o humor popular e a parodia dalgunhas situacións.
  • En castelán escribiu en 1900 a novela Belial, tres anos despois Verde y rosa, cuentos cortos e Narraciones compostelanas e no ano 1913 Diálogo femeniles (1913).
  • Beira do lar (Cuentos gallegos) saíu á rúa en 1903.
    • Este libro-miscelánea abrangue dez relatos inéditos: «A pior cuña», «E embocadura», «Por casualidá», «A lira de Bregoám», «Xuicio de faltas», «Buscando fío», «Un sermón en Noia», «A cocada», «Inverniza» e «O sapo e o verme de lus». Tamén introduciu outros textos presentes en Contos, leendas e tradiciós e Contos da terriña: «¡Rillote!», «¡Fillo!…», «A outro can con ese óso», «A bo zorro, mellor can», «Avelaíñas», «Rapañota de xasmís», «Cóxegas», «Niño desfeito», «¡Mentirán!», «O emigrado», «Farruco», «Solfa» e «Pitirroxos». Ademais, inclúense catro poemas narrativos: «Leria… leria», «A vendima», «O cruceiro da serra» e «¡Asús!».
    • As primeiras páxinas rexistran o prólogo «Al lector», baixo a sinatura de “Los Editores”, cun resumo breve da traxectoria persoal e literaria do autor cun enfoque enxalzador. Caracterízase por un estilo modernista e un naturalismo matizado. Destacan os contos con predominio do sentimento, do humor e da traxedia.

2.3. Teatro

  • Foi autor da zarzuela en castelán Morir amando (Valladolid, 1888) e Irrepresentable (1894).

2.4. Colaboracións xornalísticas

  • Dende outubro de 1888 ata decembro dese ano publicou unha serie de artigos en castelán co título «El Escorial de Galicia» na publicación Álbum literario.
  • Artigo «¿Amor?», dado a coñecer no n.º 805 (8-II-1894) cunha dedicatoria a Álvarez de Nóvoa, no que abordou a obra de Eladio Rodríguez González Folerpas.
  • Unha serie de artigos intitulados «Ripios gallegos», nos números 838 e 839 (1894) de El Derecho, con opinións críticas acerca da obra de Leopoldo Pedreira El regionalismo en Galicia (1894).

BIBLIOGRAFÍA

Beramendi, Justo (2007), De provincia a nación. Historia do galeguismo político, Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Soto López, María Isabel, ed. (1998), Obra narrativa en galego de Heraclio Pérez Placer, Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, col. Narrativa Recuperada.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio