«CULTURA GALLEGA, voceiro e impulsor da actividade cultural galega en Cuba»

Anotacións acerca dunha publicación cubana cunha fonda pegada galega.

1. Apuntamentos externos

Esta publicación da Habana viu a luz dende o 5 de abril de 1936 ata o mes de marzo de 1940. Fundárona Adolfo Víctor Calveiro, José Iglesias Surribas e José Gómez García. O director era Adolfo Víctor Calveiro Couto e o subdirector, Eladio Vázquez Ferro. Pola súa parte, a xefatura de redacción correu a cargo de José Gómez García e a administración, Jesús Iglesias Surribas. As dependencias da redacción e da administración situáronse en varios sitios, entre eles o n.º 37 da rúa Amargura e o n.º 319 da rúa do Sol. Saíu do prelo do obradoiro da Habana, con enderezo no n.º 37 da rúa Amargura. Constaba cunha periodicidade en principio quincenal cun número variábel de páxinas, dende 32 ata 100, e un formato de 26 x 18 cm.

Adolfo Víctor Calveiro Couto
Fonte: imaxe extraída de Eco de Galicia, 31-V-1935, páx. 18 (Galiciana).

2. Apuntamentos internos

Esta cabeceira informativa e cultural defendía o amor a Galicia. Contiña datos sobre literatura, arte, historia, xeografía, información e o apartado artístico. Caracterizouse, a grandes liñas, polo recordo do pasado e a exploración do presente, a introdución de colaboracións informativas e textos literarios e maila mestura de información escrita e fotografías. Artellábase nas seccións “Noticias de Galicia”, “Vida social de la colonia”, “Centro Gallego”, “Sociales”, “Hijas de Galicia”, “Da terra” e das páxinas sen fixación, entre elas a páxina musical e teatral e mais galegos ilustres ou beneméritos.

O editorial do n.º 1, «Desde el umbral», enumera seis obxectivos:

enche-lo baleiro da prensa galega en Cuba.
canle para un mellor coñecemento xeral de Galicia e da cidadanía galega.
combinación da universalidade da cultura coa particularidade galega.
supresión do tópico da incapacidade do emigrante galego en Cuba para as iniciativas culturais.
adopción dunha postura obxectiva
coadxuvar á formación cultural dos galegos.

Desafortunadamente, experimentou problemas económicos, malia contar coa contribución económica do propio Iglesias Surribas e as axudas económicas da sociedade “Hijas de Galicia”, do Centro Galego e doutras entidades, como a “Agrupación Artística Galega”, “La Baña y su comarca” e Unión Barcalesa.

Nas súas páxinas deu conta do posicionamento do Centro Galego a prol da liberdade de Adelardo Novo Brocas e da estadía de Castelao na Habana a favor do réxime republicano. Así mesmo introduciu unha crónica da homenaxe a Basilio Álvarez. Así as cousas, a revista mantivo unha liña ecléctica, un postura culturalista, un enfoque sentimental de Galicia e a carencia de compromiso político.

Para concluír cabe subliña-la inserción de reproducións de textos, entre outros, de Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Padre Feixó, Antonio López Ferreiro, Xoán Antonio Saco Arce e Marcial Valladares Núñez. Tamén salienta a atención ás ilustracións coas achegas de Castelao, Rafael Cuenca, Fierros, Alejandro Garrido, Juan Martínez Buján, Carlos Maside, Guillermo Massó, Ramón Peña, Óscar Quintero, Samaniego, Sánchez Felipe e A. Suárez Couto.

3. Algúns textos literarios

A nómina de colaboracións abrangue un número amplo durante os catro anos de existencia:

En 1936, contamos con Manuel Arias Fernández, Eduardo Blanco Amor, Roberto Blanco Torres, Ramón Cabanillas, Antonio Casares Rodríguez, José Castro González (Chané), Wenceslao Fernández Flórez, Fuco G. Gómez, Isidro Guede Fernández, José López de la Vega, José Leite de Vasconcelos, Manuel Lustres Rivas, Federico Maciñeira, Salvador de Madariaga, Gregorio Marañón, Jesús Peynó, Modesto Prieto Camiña, José Rubinos S. J., Eladio Vázquez Ferro, Pedro Vázquez Rábade e Salvador J. Zapata López.
En 1937, detectamos Rosalía, Xerardo Álvarez Gallego, Cabanillas, Fernando Caíñas, Adolfo V. Calveiro, Ramón del Campo González, Antonio Cillero, Conde Rivera, Ramón Fernández Mato, Sinesio Fraga, Ramón G. García Lago, Alberto García Ferreiro, Fuco G. Gómez, Ángela H. de Neira, José Eugenio Hermida, Enrique Labarta Pose, Ángel Lázaro, Manuel Leiras Pulpeiro, Gonzalo López Abente, Benito Losada Pérez, Ramón Marcote, Jesús Muruais, Ramón Otero Pedraio, Dámaso Pérez Valenzuela, Daniel Pernas Nieto, Jesús Peynó, Carolina Poncet, E. Portela Pérez, Marina Senra, Rey Soto, Luis Taibo, Valle-Inclán, Eladio V. Ferro, Pedro Vázquez Rábade e Mercedes Vieito de López.
No ano 1938 contamos con Waldo Álvarez Ínsua, Concepción Arenal, Constancio C. Vigil, Adolfo Víctor Calveiro, José María Calveiro, Ramón del Campo, Alejandro Casona, A. Couceiro Freijomil, José María Chacón Calvo, Rubén Darío, Wenceslao Fernández Flórez, Ramón Fernández Mato, Sinesio Fraga, Fuco G. Gómez, Isidro Guede, Eduardo Lence.Santar, Ramón Marcote, Jesús Peynó, Héctor de Saavedra, Roberto Santos, Carlos de la Torre, Eladio Vázquez Ferro, Viñas Calvo e Vital Aza.
O ano 1939 inclúe as sinaturas de Carmen A. Cadilla, Waldo Álvarez Ínsua, Ricardo Barros Pintos, Juan Bonich, Adolfo Víctor Calveiro, José María Calveiro, Ramón del Campo González, Álvaro de las Casas, Julio Dantas, Ramón Fernández Mato, Ricardo Fortes, Sinesio Fraga, Manuel Gondell Linares, Laureano Guitián Rubinos, José María Heredia, Francisca Herrera Garrido, José Ingenieros, Enrique Labarta Pose, Arturo Liendo, André Lion, Rafael López Moreira, Euxenio Montes, André Maurois, Ernesto Padín, Fermín Peraza Sarausa, Enrique Rivera Suárez, Eladio V. Ferro e Pedro Vázquez Rábade.
Co ano 1940 atopámo-las sinaturas de Azorín, Adolfo Víctor Calveiro, Ramón del Campo, José Fernández Castro, Faustino Díez Gaviño, Sinesio Fraga, Alberto García Ferreiro, S. Griswold Morley, Valentín Lamas Carvajal, Gerardo Gallegos, Rafael López Moreira, Manuel Nóvoa Costoya, Jesús Peynó, Carmiña Prieto Rouco, Antonio Rey Soto, Salvador Rueda, José Rubinos, Mariano Sancho Gausola, Marcial Valladares Núñez, Raimundo e Pedro Vázquez Rábade.

Malia ser limitada a presenza da lingua galega, rexistramos un feixe de textos literarios:

A preocupación lingüística, especialmente pola fonética, o cancioneiro popular galego e a grafía da lingua galega, latexa nos artigos de Fuco G. Gómez. Poñamos catro casos: «Fonologia y afectacion» (núms. 11-12), cunha visión foneticista; «La tendencia al idioma universal» (núms. 13-14), concernente ó esperanto; «Janeiro, giadeiro» (núms. 19-20), relativo ó folclore autóctono, e «O Idioma dos Animás» (núms, 41-42), cun comentario desta obra.

BIBLIOGRAFÍA

Alonso Girgado, Luis, dir. (1999), Cultura Gallega (A Habana, 1936-1940), Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, ed. facsímile.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio