Infórmase do devalar vital, o pensamento rexionalista e a obra de Aurelio Ribalta, nomeadamente a proposta foneticista.

1. Vida
Aurelio Ribalta Copete naceu o 1 de abril de 1864 en Ferrol. Era o único fillo de Ramón Ribalta Roca e Juana Copete Fernández, os dous oriúndos da devandita cidade. Se facemos un percorrido pola familia, os avos paternos foron Jaime Ribalta Galceran e María Josefa Roca Lorenzo e os maternos, Manuel Copete e Manuela Fernández, de Magazos, o primeiro de Magazos (Viveiro) e o segundo de Santiago (Mondoñedo).
A extracción acomodada permitiulle a Aurelio recibir formación en varios eidos. Trala morte da nai cando o fillo era moi pequeno, este último e o pai trasladáronse a Madrid en 1873. Alí realizou os estudos de segunda ensinanza no Instituto Cardenal Cisneros, nos que obtivo cualificacións modestas, e despois superou coa nota de aprobado os exercicios do grao de bacharel, co título expedido o 22 de febreiro de 1878.
Entre 1877 e 1880, Aurelio viviu en Madrid. En 1877, principiou os estudos preparatorios da licenciatura de Dereito na Facultad de Filosofía e Letras na Universidad Central de Madrid. No período lectivo 1878-1879, matriculouse na Facultade de Dereito da citada universidade no primeiro curso, coa nota de aprobado. Logo de obter notas discretas nas materias, logrou a licenciatura, na sección de Dereito civil e canónico, coa cualificación de aprobado o 10 de decembro de 1884 no exercicio oral esixido. Dous días antes, casara en Santiago de Compostela con María de los Ángeles Villegas Botana.
Pouco tempo despois, marchou de novo a Madrid para se doutorar na Facultade de Dereito na Universidad Central de Madrid. Malia se matricular no curso 1884-1885 en varias materias, non retomou os estudos ata o curso 1894-1895. Descoñécese se acadou o título.
O 27 de marzo de 1893 o Comité Central Rexionalista de Santiago de Compostela designouno representante del na Xunta de Defensa de Galicia. A pesar de pasar case toda a vida en Madrid, agás as estadías nalgúns puntos da xeografía galega e noutros lugares de España e do estranxeiro, mantivo vivos os vínculos coa terra nativa. Algunhas mostras témolas na intervención nalgunhas entidades preocupadas polos intereses do país e en moreas de artigos ou escritos concernentes ós intereses galegos. Pensemos, por exemplo, no Centro Galego de Madrid, no Ateneo Científico, Literario y Artístico de Madrid e na revista Estudios Gallegos.
Aurelio Ribalta, en liña coa procedencia krausista, desenvolveu os contidos fundamentais do historicismo liberal do decenio de 1890, mais afástase da articulación historicista da nación obxectiva. En palabras de Beramendi (2007), para Ribalta a nación sintetízase de xeito herderiano nunha lingua, ferramenta dun volksgeist. Dentro da personalidade do ferrolán salienta a forma de ser aberta e a cordialidade, o que lle permitiu a relación con persoas cercanas á ideoloxía del e con compañeiros doutras tendencias, entre eles Juan Fernández Latorre (director e fundador de La Voz de Galicia) e Juan Barcia Caballero.
O 2 de agosto de 1895 Juan Bautista Armada Losada nomeouno auxiliar de avogacía do Estado na Delegación de Facenda de Madrid, coa condición de aspirante de primiera clase a oficial de facenda pública. Ó longo da traxectoria funcionarial, detentou varios cargos administrativos, ata ser xefe de negociado de segunda clase do corpo xeral de administración de facenda pública, nivel ocupado ata a xubilación o 27 de abril de 1931.
En 1905, intre do aniversario da publicación de Don Quijote de la Mancha (1605), participou nunhas veladas artístico-literarias en homenaxe a Cervantes no Ateneo Ferrolán. Dez anos despois, creou a revista Estudios Gallegos1. Precisamente, desta cabeceira xurdiron iniciativas nas que Ribalta interviu e impulsou, como a Liga de Amigos del Idioma e a Reunión de Estudios Gallegos. En síntese, do pulo ribalteño, rexistrado nos diversos centros dos que formou parte, naceu a campaña de Antón Villar Ponte a prol das Irmandades da Fala.
Para o pensamento de Aurelio cómpre deterse en dous escritos, «El cultivo de la lengua propia» (Estudios Gallegos, n.º 4, 20-III-1915) e «A campaña pola fala» (Estudios Gallegos, n.º 21, XI-1916). Neles, o ferrolán reduciu a personalidade nacional de Galicia á lingua e focaliza a atención no problema lingüístico, sen considera-lo resto de atrancos.
En 1917, continuou coas colaboracións xornalísticas nas páxinas d’A Nosa Terra e O tío Marcos d’a Portela. e, ademais, ordenou e prologou a Escolma de poesía galega de Rosalía de Castro, sufragada pola Lliga Regionalista de Catalunya e saída do prelo da Editorial Ibérica. Ó cabo de tres anos, participou no Secretariado de Galicia en Madrid. Con anterioridade, en abril de 1918, Rodrigo Sanz ideáraa co obxectivo de acada-la “unión amistosa de cuantos hombres de buena voluntad ofrezcan el sacrificio de su propio interés y de su acción al bien de su país”. Promoveuno cunha acción rexionalista desenvolvida polos egrexios, cun reformismo tépedo e cunha inclinación cara á dereita. En xullo de 1920, a nómina de membros formábana José Calvo Sotelo, José García Acuña, Jacobo Varela de Limia, José María Portal Fradejas e o propio Ribalta.
En xuño de 1918, a aprobación do Regramento das Irmandades da Fala motivou a reacción de Rodrigo Sanz a través da escisión cos seus acólitos e posterior constitución do Zentro Rexionalista2. un dos seus militantes era Ribalta. O 25 de novembro de 1918 o ferrolán formou parte da embaixada galeguista3 que marchou a Barcelona co obxecto de planifica-la acción política conxunta.
En 1923, editou a conferencia «Tierras y actividades del Oeste luso-hispano y aduanas y comercio con Portugal». Catro anos despois, colaborou no xornal santiagués El Compostelano e na revista Galicia (Montevideo).
Na parte final da súa vida, as ideas del viraron cara ó conservadorismo e mantivo a fe católica. Morreu dunha anxina de peito o 7 de setembro de 1940 en Soto del Real (Madrid).
2. Obra
2.1. Poesía
O galego recollémolo en:
- O poema «A gaita d’os soldados», publicado no parrafeo 225 (1888) d’O tío Marcos d’a Portela.
- «O mozo», dado a coñecer no ano 1903 na publicación Acción Católica.
- «Consagración», saído á luz no ano 1903 en El Eco de Mugía.
- O poema «Noite de Nordés», rexistrado no Anuario Ferrolano para el año 1904.
- A poesía «Lembranza de amore», saído á luz no Almanaque Gallego (Bos Aires, 1904)
- Libro de Konsagrazión. Feixe de poesías gallegas (Madrid, Imp. da librería de Sucesores de Hernando, 1910):
- Recolle, en palabras de Carballo Calero (1981), unha morea de composicións con visións da natureza que acadan unha exaltación patriótica e unha «Nota sobre Reforma de Ortografía gallega». Nela, defendía a visión foneticista ó considerar que a ortografía da lingua galega debe reflectir coa máxima fidelidade os sons do idioma, co correspondente afastamento das normas históricas, etimolóxicas e das influencias do portugués normativo.
- Pretendía simplifica-la ortografía da lingua galega co obxectivo de facilita-la divulgación e a aprendizaxe. Isto era resultado dunha reflexión acerca dos traballos de didáctica e aprendizaxe das linguas efectuados por Ribalta e os colaboradores máis cercanos, que se dedicaban á docencia de linguas en Madrid. Desafortunadamente, a obra perdeu notoriedade por mor das acusacións dos detractores, entre eles Uxío Carré Aldao, e polo pasaxeiro entusiasmo do seu responsábel por conserva-los criterios ortográficos.
- A composición poética «A raza», que apareceu no Almanaque Gallego no ano 1911.
- O poema «Cántiga da montaña», saído á rúa n.º 124 (25-VII-1920) d’A Nosa Terra.
- Morea de poemas, baixo a epígrafe “Notas de Castela”, dados a coñecer na revista Galicia en Madrid nos números 35-36 (novembro-decembro de 1934): «Castela monea», «Tristura», «Isabel a Católica», «O cabaleiro de antes», «O pistoleiro de Ox», «Modernismo», «Alcalá de Henares» e «Salamanca»
- O poema «O Canteiro» saíu á luz no n.º 18 (xuño de 1935) en Galicia en Madrid.
- O poema Altariño de amore. Estoria romántica publicouse no n.º 19 (xullo de 1935) de Galicia en Madrid. Trátase da tradución á lingua galega dun poema homónimo del inédito en lingua castelá, datado en 1875.
A lingua castelá encontrámola nos poemas «El poema de la ausencia», dado a coñecer no n.º 7 (1888) de Galicia (A Coruña).
2.2. Ensaio
En galego foi autor de:
- Gramática Galega Fûndamentale, inédita, na que engrosaba sesenta e sete leccións con nocións lingüísticas e literarias, entre outros temas.
- Os meus votos (Santiago de Compostela, 1903).
Pola súa parte, en castelán escribiu varios traballos:
- Catalanismo militante (Madrid, Imp. Romero, 1901).
- Gramática francesa para españoles (Madrid, Imp. del Instituto Filológico Español, 1913).
- Personalidad filológica de Galicia. Introducción al estudio de la Filología gallega, libro alicerzado nas dez conferencias pronunciadas en 1917 no Ateneo de Madrid.
- La afirmación regionalista. Memoria de la Sección de Ciencias Morales y Políticas del Ateneo de Madrid (Madrid, 1919): o ideario político do ferrolán recóllese neste libro ó manifesta-lo enfoque reformista a través da reclamación dun novo modelo de Estado. Consideraba o centralismo un obstáculo para o avance español.
- O texto «La Puerta Santa» viu a luz no n.º 19 (xullo de 1935) en Galicia en Madrid.
2.3. Narrativa
En galego escribiu estes textos literarios:
- Ferruxe (1894) divídese en catro capítulos, sen título e con numeración romana, e o prólogo «Duas parolas ós leutores».
- Conta a historia de dúas mulleres, Petra e Mercedes, que sufriron o falecemento de seres próximos e a pobreza. A pesar das penurias, o sino non mellorou ó non se cumpri-los seus desexos. Manexa a modalización omnisciente, aínda que ás veces hai diálogos. Pola súa parte, as coordenadas de espazo e tempo caracterízanse, respectivamente, polo interior da casa de Petra e Mercedes, amais do espazo exterior de Miramar (con referentes reais explícitos en Ferrol), e pola linealidade temporal.
- O Pastor de Doña Silvia veu a lume na Coruña, nomeadamente na Imp. Moret, co número 3 (3-I-1925) no seo da colección Lar.
- Estrutúrase en seis capítulos («O Pastor do Nacimento», «Ao chegare á Curiscada», «Na Fraga», «Decrarazón de amore», «Rayola de sol» e «Novas derradeiras»), cunha breve e desigual extensión, marcados con numeración romana e cadanseu título.
- Este relato desenvolve o desprazamento de Silvia, moza da fidalguía compostelá, ó pazo da Curiscada para cobra-las rendas. En Arca, paran descansar, onde unha xitana lle bota a boaventura e predi que o seu marido será o pastor do Nacemento de Nadal. Logo de se cumpriren corenta anos das palabras da xitana, Silvia ve o pastor do Nacemento materializado en Goros. Unha vez manifestado o seu amor e evitadas algunhas complicacións, unha conversa entre os dous pon en tea de xuízo a natureza de Goros e a soidade dela, a causa da ausencia sen explicar do seu noivo. Por último, o derradeiro capítulo plasma a felicidade do matrimonio entre a fidalga e o labrador.
- No tocante á modalización narrativa, a historia cobra corpo de modo claro e espontáneo por parte dun narrador omnisciente en terceira persoa. Ás veces, achégase ó pensamento dos personaxes e mesmo manexa o modo dramático (showing). Pola súa parte, o espazo rexístrase nos eidos rural (Arca, Arzúa e Curiscada) e urbano (Santiago de Compostela) en localizacións exteriores e interiores. A acción presenta, principalmente, linealidade temporal, aínda que contamos con brincos temporais.
- O derradeiro amore (Nós, Santiago de Compostela, 12-VI-1931): presenta un deseño editorial dividido en nove capítulos («Primaveira xeitosa», «Parrafeo aporveitado», «Por un lado e polo outro», «Anamoramento», «¿Quén anda na eira?», «Meigallo», «Cousas de rapaces», «Noite de luar» e «Remate do mistereo»), con numeración romana, e cun epílogo intitulado «Cantiga de Xibrán e mais Treixa».
- Desenvolve a historia do namoramento do señor Antón que, previa petición de Xibrán, media ante os pais da súa moza, Treixa para obte-la aprobación da relación. Pouco a pouco Antón fíxase nela, mais a aparición da muller defunta consegue que este acolla a parella. Tralo casamento, os mozos terán un fillo.
- Respecto ó discurso narrativo, manexa un narrador omnisciente en terceira persoa, a voz dos personaxes nos diálogos e ás veces o discurso interior destes. Pola súa parte, o espazo, malia aludir a determinadas zonas urbanas, é só rural e a temporalización indeterminada.

Pola súa parte, en castelán foi autor dos contos «La fiesta de Nuestra Señora», «La Fortuna» e «El Predestinado», apareceron o primeiro no n.º 8 (1888) de Galicia (A Coruña), o segundo no n.º 1 (1-VII-1892) de Galicia (A Coruña) e o terceiro no n.º 47 (20-VII-1920) de Mondariz.
2.4. Colaboracións xornalísticas
En galego contamos con diferentes traballos:
- «O Portfolio “Galicia”», publicado no ano 1902 na Revista Gallega.
- Dous artigos con reflexións verbo do rexionalismo n’A Nosa Terra: «Di o gran enxebre», n.º 18 (10-V-1917), páx. 6, e «O que vai véndose en Galicia», núms. 40-41 (30-XII-1917), páx. 10.
- Tamén na cabeceira coruñesa A Nosa Terra incluíronse textos acerca do estudo e da reforma ortográfica: «Creación d’unha Irmandade da Fala en Madrí», n.º 32 (30-IX-1917); «Instituto d’estudos sin estudos», n.º 44 (30-I-1918), páx. 5; «O galego e o castelán», núms. 85-86 (15-IV-1919), páx. 3; «Verbas d’un mestre», n.º 88 (5-V-1919); «Ortografía portuguesa», n.º 93 (5-VII-1919), páx. 2, e «Comenta Ribalta», n.º 96 (5-VIII-1919), páx. 3;
- «A prensa galego-americana», publicado no n.º 30 (25-VII-1920) de Galicia (A Habana).
Dentro dos traballos recollidos en publicacións periódicas merecen atención especial unha serie de artigos acerca da lingua galega, rexistrados na revista Estudios Gallegos: «La reforma ortográfica en Cataluña y en Galicia», n.º 3 (5-III-1915); «El cultivo de la lengua propia», n.º 4 (20-III-1915); «Apuntes para el estudio de la significación del lenguaje», n.º 5 (5-IV-1915); «Algo sobre pronomes gallegos (I)», n.º 6 (20-IV-1915); «El gallego y el leonés en la Filología española», n.º 15 (novembro de 1915); «Liga de amigos del Idioma», n.º 17 (xaneiro de 1916); «A campaña pola fala», n.º 21 (novembro de 1916), e «A enseñanza do gallego», n.º 22 (dece,bro de 1916).
Pola súa parte, o castelán patentízase coas colaboracións frecuentes entre os anos 1904-1909 no Almanaque de Ferrol, agás no ano 1907: «La fisonomía literaria de Alberto Camino», Almanaque de Ferrol para el año 1905; «La fuerza de Vicetto», Almanaque de Ferrol para el año 1905; «Los verdaderos redentores», Almanaque de Ferrol para el año 1907; «Atisbos eruditos», Almanaque de Ferrol para el año 1909, e «Intelectualidade y sentido económico de las ciudades gallegas», Almanaque de Ferrol para el año 1910. A estes traballos sumámoslles catro traballos máis: «Galicia en la Exposición Internacional de Bellas Artes», rexistrado no n.º 1 (xullo de 1892) de Galicia (A Coruña); «La bondad y la Justicia», localizábel no n.º 529 (25-II-1893) de El Derecho (Ourense); «El marqués de Figueroa», difundido no n.º 9 (1905) da revista Coruña Moderna, e «Lamas Carvajal. Su obra y su influencia», divulgado no n.º 103 (1907) de Coruña Moderna.
Tampouco deixamos no tinteiro, entre outros, os artigos «Diálogo entre D. Quijote Silvestre y Máximo Panza» e «Problemas y doctrinas sociales. La revolución y las tierras», dados a coñecer o primeiro no n.º 36 (1911) de El Barbero Municipal e o segundo no n.º 12 (15-IV-1919) da revista Acción Social (Mondoñedo). Ademais, computamos outros dous textos, «Los cultivadores del gallego» e «Las colonias gallegas en América», localizados na revista Galicia (Montevideo) o primeiro no n.º 149 (xuño de 1928) e o segundo no n.º 151 (agosto de 1928).
2.5. Conferencias
- «La conjunción “e” en los antiguos textos castellanos», «Crítica de procedimientos filológicos» e «El gallego y el leonés en la Filología española», as tres lidas o 19 de xuño de 1915, rexistradas nos volumes VII e VIII do congreso organizado pola Asociación Española para el Progreso de las Ciencias e saídas do obradoiro da imprenta de Eduardo Arias.
- «La moneda española Contribución al estudio de su estado actual» (Madrid, 1929).
- «Necesidad de una reforma fundamental de la Gramática» (Madrid, 1930).
- Esta publicación de Madrid apareceu dende o 20 de febreiro de 1915 ata o mes de decembro de 1916 grazas ó impulso de Aurelio Ribalta, que ocupaba os cargos de editor e director. Levaba o subtítulo “Revista Quincenal de Lenguaje, Finanza y Turismo”. Tiña por lema prescindir dos intereses dos homes para atender só ós do país. Entre os colaboradores contamos con Salvador Cabeza de León, Enrique Correa, Eduardo Lence–Santar, Amador Montenegro, Portal Fradejas, Lois Porteiro, Rivas Moreno, Julio Pol, Amadeo de los Ríos Mosquera, Rodrigo Sanz e Emilio Tapia. Pola súa parte, Castelao ilustraba a maioría das portadas cunha paisaxe galega. Inicialmente predominaba o castelán e máis tarde a entrada dos membros das Irmandades da Fala motivou un incremento no emprego do galego. Proporciónanos unha visión dos coñecementos e o estado de diversas disciplinas en Galicia. ↩︎
- Trátase dun grupo reducido que se conformaba do núcleo central e o pequeno grupo de Pontedeume. Entre os militantes contamos con Antonio Valcárcel, Plácido Castro, Pita Espelosín, Xaime Solá, Xosé García Acuña e o propio Ribalta. Este ente Influíu nos galeguistas da Estrada a través de Antonio Losada. Estamos, en poucas palabras, ante a derradeira entidade rexionalista de Galicia. ↩︎
- Esta composta por Rodrigo Sanz, Manoel Banet Fontenla, Lois Peña Novo, Lois Porteiro Garea, Antonio Losada, Leandro Pita Romero, Antonio Valcárcel, Francisco Vázquez Enríquez, Antón e Ramón Villar Ponte. Os membros efectuaron relatorios no Centro Autonomista de Dependientes de Comercio, no Ateneu Barcelonès, no Instituto e Biblioteca Popular e na sede da Lliga Regionalista. ↩︎
BIBLIOGRAFÍA
Agrelo Costas, Mª Eulalia, ed. (2000), Obra narrativa en galego de Aurelio Ribalta y Copete, Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, col. Narrativa Recuperada.
Beramendi, Justo (2021), De provincia a nación. Historia do galeguismo político, Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
Carballo Calero, Ricardo (1981), Historia da literatura galega contemporánea, Vigo: Galaxia, 3ª ed.
Máiz, Ramón (1984), O rexionalismo galego: organización e ideoloxía (1886-1907), Sada: Ediciós do Castro, Publicacións do Seminario de Estudos Galegos, Cuadernos da Área de Ciencias Xurídicas, n.º 1.