«Abordaxe sintética do rexionalismo»

Introdución dalgunhas notas acerca do termo rexionalismo.

Manuel Murguía
Fonte: Arquivo Real Academia Galega.

1. Definición

Trátase dun movemento político que se desenvolveu entre 1886 e 1915 e que representou un proxecto de descentralización de estrutura económica e política da España da Restauración.

O rexionalismo non se circunscribiu a un movemento exclusivo de Galicia, senón que xunto a outros, como o catalán e o vasco, formaba parte dun movemento crítico do modelo da organización política española. En Galicia, este movemento alicerzouse na laboura dos Precursores e dos compoñentes do Rexurdimento logo de considerar falso o concepto unitario do Estado español, que simbolizaba unha acción reivindicatoria da nacionalidade española.

Tiña como obxectivos a defensa dos intereses de Galicia a través da superación das divisións clasistas ou partidistas, a consecución dunha representación política propia e a reivindicación dun goberno para Galicia. Deste xeito, o rexionalismo recoñecía e proclamaba o dereito das rexións e das nacionalidades diferenciadas pola historia de gozar unha autonomía, aínda que coordinada a un obxectivo nacional común.

En palabras de Máiz (1984), no rexionalismo confluían tres tendencias:

Federal: trátase da corrente minoritaria que se compoñía do campesiñado e da pequena burguesía. Procedía da radicalización dun sector progresista durante a época sabelina (1843-1868). O voceiro era o xornal lugués El Regional. Encabezouna Aureliano José Pereira de la Riva, que, a causa de consideracións organicistas e historicistas, realizou un modelo estatal español sustentado na fórmula política da federación nacional. Así, existían nacións, como España, integradas por rexións e nacionalidades, entre estas últimas Galicia. As finalidades eran a definición de Galicia como nacionalidade orgánica pertencente a unha entidade superior, a nación española; a defensa dun radicalismo democrático e descentralizador, fronte ó posicionamento centralista de tipo caciquil e uniformizante da Restauración, e a modernización radical da economía galega. Caracterizábase pola crítica ó Estado da Restauración, mediante garantías de autogoberno; o desenvolvemento dos principios de soberanía popular; o protagonismo do parlamento; a proposta dunha hexemonía da intelligentsia rexionalista respecto ó campesiñado, a través da difusión da tendencia rexionalista no eido rural e a incorporación a esta da problemática do campesiñado (foros, impostos, asociacionismo, caciquismo…), e o modelo de descentralización do Estado federal, tal e como figura na Constitución para el futuro Estado gallego (1887).
Tradicionalista: contaba coas influencias do catolicismo, o historicismo, o organicismo e o tradicionalismo. A teorización realizouna Alfredo Brañas coas obras El Regionalismo. Estudio sociológico, histórico y literario (1889) e Bases generales del Regionalismo (1892). Incluía entre os obxectivos un determinado tipo de corporativismo económico e político; a integridade política española, aínda que recoñece o estabelecemento autónomo dos poderes central e rexional, e a destrución do Estado liberal centralista, coa correspondente substitución por unha especie de monarquía federalista. Distinguíase por unha conceptualización de Galicia como rexión; unha vinculación entre descentralización e retorno ó Antigo Réxime; o modelo económico de produción precapitalista, e unha descentralización administrativa de servizos, sen articular un auténtico autogoberno e coa recuperación das liberdades locais medievais. A propósito da alternativa descentralizadora, vertébrase coa monarquía tradicional, o sufraxio gremial e as Cortes Históricas.
Liberal: dispuña do maior número de seguidores e conformábase de amplos sectores da burguesía máis progresista e as clases medias urbana e vilega. Recibía as influencias do determinismo social de Charles Darwin e Herbert Spencer e do determinismo xeográfico. Estas mesturáronse coas ideas de Augustin Thierry, Henri Martin, Vincenzo Gioberti e Hippolyte Taine para afirmar que a raza era un elemento constitutivo básico da nación galega. Contaba como voceiro o xornal compostelán La Región Gallega e con Manuel Murguía como representante. Entre os obxectivos figuraban a democratización do país, de menor radicalidade cá federalista; unha descentralización a medio camiño entre a administrativa e a federal, con institucións galegas propias para regula-las materias internas, e un modelo económico a prol da industrialización de Galicia, do avance do comercio e da mellora das infraestruturas viarias. Singularizábase pola teorización e demostración histórica de Galicia como nacionalidade, baixo a influencia dos principios demoliberais; a crítica do Estado centralizado, e un posicionamento favorábel ó desenvolvemento do capitalismo en Galicia.
Modelo de descentralización do rexionalismo federal recollido na Constitución para el futuro Estado gallego (1887) Fonte: Galiciana (Real Academia Galega)

2. Fases

1ª etapa (1886-1906):

Tivo como acontecemento máis relevante a constitución do Comité Central Regionalista, efectuada en Santiago de Compostela no mes de novembro de 1890, que estaba integrada, segundo a información da Gaceta de Galicia (23-XII-1890), polo presidente Manuel Murguía, o secretario Salvador Cabeza de León e os vogais Alfredo Brañas, José Tarrío, Juan Barcia Caballero, Juan Pereiro Romero e Enrique Lens. Este ente dispuña dun programa, coa adhesión do resto de comités de Galicia, coa promoción de iniciativas para o progreso moral, intelectual e material de Galicia; o fomento da industria e, sobre todo, da agricultura; a fixación de vencellos entre as poboacións de Galicia; e erradicación do caiquismo e a rebaixa de impostos para o campesiñado.

Este comité foi o primeiro chanzo da Asociación Regionalista Gallega e consolidouse mediante a participación en diferentes eventos, como os Xogos Florais de Tui, o traslado do restos mortais de Rosalía de Castro a Santiago de Compostela e a defensa da Capitanía Xeral na cidade da Coruña. Coa chegada de 1893, os sinais de vida rexionalista reducíronse ó faladoiro da Librería Regional da Coruña, ás conferencias esporádicas e á presenza en publicacións, entre elas La Región Gallega, El Regional e As Burgas.

2ª etapa (1906-1915):

Contou como elementos configuradores a creación da Real Academia Galega (30-IX-1906) e de Solidaridad Gallega (agosto de 1907-1912). Dende 1907 ata 1912, a acción combinada da influencia rexeneracionista e o agrarismo provocou no movemento rexionalista unha vocación agrarista, que herdará o nacionalismo.

BIBLIOGRAFÍA

Máiz, Ramón (1984), O rexionalismo galego: organización e ideoloxía (1886-1907), Sada: Ediciós do Castro, Publicacións do Seminario de Estudos Galegos, serie Cuadernos da Área de Ciencias Xurídicas, n.º 1.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio