Proporciónase unha caracterización técnica e algunhas nótulas da publicación mexicana Saudade.

1. Anotacións externas
Esta publicación de México D. F. apareceu dende o 25 de xullo de 1942 ata o mes de xullo de 1953. Levaba o subtítulo “Verba Galega nas Américas”. O director xeral era Marcial Fernández e despois Florencio Delgado Gurriarán. O equipo redactor compoñíase de Ramón Cabanillas Álvarez, José Caridad Mateo, Ramiro Illa Couto, Manuel Porteiro Viñas, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Carlos Tomé, Lois Soto Fernández, Carlos Velo e o propio Delgado Gurriarán. Pola súa parte, a administración efectuouna Andrés Valín Salvador e a edición, o Grupo Saudade e a Irmandade Galeguista de México.
As dependencias da administración contaron con varias localizacións, como o n.º 96 da rúa República del Salvador e n.º 199 da rúa Artes. Imprimiuse nos obradoiros da Imprenta A. Artís e da Imprenta Gallarda. Contou cunha periodicidade irregular, dende semestral ata anual. Presentaba na maioría dos números un formato 19,5 x 27,5 cun número variábel de páxinas, dende 16 ata 39.
2. Anotacións internas
Experimentou dúas etapas separadas por un hiato de oito anos. A primeira abranguía o intervalo 1942-1944. Singularizouse polo vínculo coa Irmandade Galeguista. Na segunda comprendía dous anos, 1952 e 1953, nos que o pratonismo recaeu en Rodríguez Bretaña e a primeira directiva do Padroado.
Trátase dunha publicación do exilio galego en México de tipo cultural que defendía e divulgaba a lingua en territorio americano a través da creación literaria e aqueles temas e motivos heteroxéneos de raíz galega. Mantiña unha inclinación galeguista e nacionalista cunha inequívoca perspectiva antifranquista. A maqueta dividíase nos apartados “Editorial”, “Fontes e forxas da fala” e “Poetas novos. Poetas vellos”. Ademais, incluíu epígrafes, entre eles “Esbozos” e “Lembrando a terra”, sen materialización en seccións.
Nas súas páxinas introducía frases ou textos cunha finalidade didáctica para defender valores e principios galeguistas. Un deses valores é a defensa e a dignificación da lingua galega, tal e como se deduce do texto breve de Ramón Cabanillas “A lingoa é o noso escudo”.
A listaxe de colaboradores literarios, tanto activos coma pasivos, engrósana Xerardo Álvarez Gallego, Ben-Cho-Shey, Basilio Bernárdez, Teóphilo Braga, Bieito Búa Rivas, Ramón Cabanillas, Álvarez, Rafael Cardona, Uxío Carré Aldao, Leandro carré Alvarellos, Castelao, Rosalía de Castro, Martín Códax, Curros Enríquez, Florencio Delgado Gurriarán, Xesús Dopico, Marcial Fernández, Serafín García, Xohán García Gómez, Ramiro Illa Couto, Chita Lamas de Illa Couto, Celestino López, Edmundo Lorenzo, Macías (o Namorado), E. Martelo Paumán, Madove, Félix Martín Iglesias, A. Millares Carlo, Manuel Murguía, Roberto Nóvoa Santos, Ramón Otero Pedraio, S. Pellit Varela, Eduardo Pondal, Manuel Porteiro Viñas, Porto do Río, A. Rey Romalde, Alfonso Reyes, R. Rodríguez de Bretaña, A. Rovira i Virgili, Faustino Santalices, Lois Soto Fernández, Valle-Inclán, Adolfo Vázquez Humasqué e Carlos Velo. Entre estas sinaturas atopamos tres pseudónimos: Porto do Río (Florencio Delgado Gurriarán), Ben-Cho-Shey (Xosé Ramón Fernández Oxea) e Madove (Manuel Venerando Porteiro Viñas).
A impronta galega rexistrámola na prosa crítico-ensaística, na narrativa e na poesía ó inserir información dedicada a escritores (Castelao, Padre Feixó, Rosalía de Castro, Suárez Picallo, Valle-Inclán e Curros Enríquez), á emigración e a feitos históricos, así como ó folclore, á economía e amotivos xacobeos. Tamén encontramos esta pegada noutras parcelas: a música, a lingua, a situación política de Galicia nos anos da posguerra, a morriña e motivos vencellados co celtismo e co atlantismo.
No eido literario contamos con numerosos textos. Boa mostra témola nos poemas «Inquedanzas», de Xohán García Gómez, e outros dous, «Noiturno da noiva jarocha» e «Os gaiteiros de Montgomery», de Florencio Delgado Gurriarán.
BIBLIOGRAFÍA
Alonso Girgado, Luis; Moreda Leirado, Marisa, e Vilariño Suárez, María, eds. (2008), Saudade (Verba Galega nas Américas) [México, D.F., 1942-1953], Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, ed. facsímile.

