«A publicación GALICIA EMIGRANTE ó coidado de Luís Seoane»

Fonte: Enciclopedia Galega Universal.

1. Apuntamentos externos

Esta publicación de Bos Aires saíu á rúa dende xuño de 1954 ata novembro de 1958. A dirección asumiuna Luís Seoane, que tamén elaboraba as cubertas de tódolos números, e a administración, José Antonio Fernández. Tanto Seoane coma Fernández achegaron cartos para mante-la revista. Contou con trinta e sete números, de periodicidade mensual, cunha distribución, principalmente, no eido da capital federal.

Luís Seoane Fonte: Fundación Luís Seoane.

2. Apuntamentos internos

En palabras de Zubillaga Barrera (1996), a cabeceira bonaerense correspondería cunha publicación impulsada por un particular, concibida como unha empresa rendíbel e con referentes étnicos aceptados de forma ampla polo lectorado emigrante, que mantiña relacións estreitas cos círculos organizados da emigración. Segundo

Luís Seoane no editorial do n.º 1, «A nuestros lectores», presentábaa ó público sinalando como principais pautas o reflexo da vida e da actividade do colectivo emigrante galego, a ausencia de aspectos particulares concernentes ó individuo e á conduta deles e maila plasmación da fortaleza da emigración galega. A propósito del, cómpre recalca-la presenza de Seoane en tódalas seccións e na abundancia de colaboracións1.

Galicia Emigrante mantivo un rol crucial na vertebración do discurso progresista da cultura galeguista de posguerra. Caracterizábase pola opinión independente, a vocación popular e antielitista, a inclusión de feitos para enxalzar Galicia e a cidadanía desta e mailo rexeitamento dos temas de sociedade. Tampouco podemos esquece-la diversidade temática, que se explicaba polo interese na divulgación da cultura galega e pola estratexia de contidos interesantes e variados.

Acolleu un número elevado de biografías e descricións de persoeiros galegos por mor da importancia histórica, científica e cultural, que realizaron Seoane e Alberto Vilanova. O primeiro tratou, entre outras persoas, Basilio Álvarez, Ánxel Casal, María Casares, Rafael Dieste, Benito J. Feijóo, Nicomedes Pastor Díaz, Picasso, Padre Sarmiento e Alonso Ríos. Pola súa parte, o segundo detívose en Waldo Álvarez Ínsua, J. Barcia Caballero, B. Fernández Alonso, Aureliano J. Pereira, Avelino Rodríguez Elías e Alfredo Vicente Rey.

A maqueta dividíase nas seccións “Efemérides Gallegas”, “Moreas de humor”, “Cociña galega”, “Cartas de los lectores”, “A ramallada florida” e “Anecdotario Galego”. Entre a ampla listaxe de colaboradores figuraban Eduardo Blanco Amor, Fermín Bouza Brei, Ramón Cabanillas, Ricardo Carballo Calero, Plácido Castro, Daniel Cortezón, Avelino Díaz, Isaac Díaz Pardo, Rafael Dieste, Manuel Fabeiro, Xosé Ramón Fernández Oxea, Celestino Fernández de la Vega, Xosé Luís Franco Grande, Ánxel Fole, Domingo García Sabell, Ramón González Alegre, Aquilino Iglesia Alvariño, Florentino López Cuevillas, Sebastián Martínez Risco, Ramón Otero Pedraio, Valentín Paz Andrade, Ramón Piñeiro, Manuel Rodrigues Lapa, Victoriano Taibo, Xesús Taboada Chivite, Lois Tobío, Pura Vázquez, Ramón de Valenzuela, Lorenzo Varela e Alberto Vilanova. Pola súa parte, a parte gráfica cultivárona, entre outros, Castelao, Álvaro Cebreiro, Isaac Díaz Pardo, Laxeiro, Urbano Lugrís e Carlos Maside.

No eido literario convén menciona-la presenza de poemas, contos e textos teatrais en lingua galega, aínda que non foron abundantes. Dunha banda, publicou as composicións «O Galo», de Lorenzo Varela; «Muiñeira da Revolta», de Ramón Cabanillas, e «Romance de Don Gaiferos», de Faustino Santalices. Doutra banda, rexistramos vinte relatos da autoría de Rafael Dieste, Xosé Neira Vilas, A. Santamarina, Ramón Valenzuela e Pura Vázquez. Por último, o teatro detéctase nos fragmentos de obras teatrais de Eduardo Blanco Amor, inseridos na sección “Páxinas pra o pobo”.

  1. O predominio dos artigos sobre a pintura e a artesanía debe vencellarse coa dedicación plástica de Seoane. ↩︎

BIBLIOGRAFÍA

Blanco Rosas, Jesús J. (2010), Galicia Emigrante. Prensa e radio no exilio galego. A pegada de Luís Seoane, Vigo: A Nosa Terra, serie O fardel da memoria, n.º 29.

Zubillaga Barrera, Carlos (1996), A prensa galega de inmigración en Uruguai, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, serie Ponencia de cultura galega no exterior.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio